Sinsal SON Estrella Galicia 2023 acada o Premio FEST á Sostibilidade Medioambiental
O festival, impulsado pola promotora viguesa Sinsalaudio, recolle este ano un segundo premio da industria, logo do recoñemento pola súa Contribución á Igualdadeque se lle outorgou nos Iberian Festival Awards, celebrados en marzo
O festival Sinsal SON Estrella Galicia vén de sumar un novo galardón polo seu traballo a prol da sostibilidade. Os Premios FEST recoñeceron este martes 25 de outubro, durante a gala celebrada no marco do encontro profesional BIME Live & PRO, en Bilbao, o labor de Sinsal no eido do coidado e respecto pola contorna, unha das premisas clave do evento e eixo fundamental de traballo desde hai máis dunha década. O codirector de Sinsal, Luis Campos, recolleu o premio ao festival máis relevante en canto á Sostibilidade Medioambiental.
Trátase do terceiro galardón que consegue Sinsal nos Premios FEST, que recoñecen os mellores festivais celebrados en España da tempada. O primeiro deles chegou no 2015, ano no que foi escollido como o Mellor festival de pequeno formato. Catro anos despois, gañou o Premio FEST 2019 ao Festival máis sostible. Pasados outros catro anos, o sector segue a atopar a proposta de Sinsalaudio como a máis sostible, a nivel medioambiental, do Estado.
Sinsal SON Estrella Galicia, un dos encontros máis singulares e coidados do panorama estatal de festivais, celébrase desde o ano 2010 na Illa de San Simón. O evento nace coa intención de ofrecer ao público de todas as idades unha pequena mostra do máis estimulante da creación contemporánea do momento, á vez que promove o coñecemento e posta en valor do patrimonio cultural, natural e histórico da illa. Así, artistas emerxentes da escena galega, nacional e internacional viaxan cada verán até o corazón da Ría de Vigo, nas Rïas Baixas, para presentar as súas propostas, Todas elas conforman un cartel secreto que o público descoñece ata o momento de desembarcar: a filosofía de Sinsal é ofrecer unha proposta especial e única a 800 persoas cada día (o evento desenvólvese en horario diurno), a través dunha experiencia singular na que a auténtica cabeza de cartel do evento é a propia illa de San Simón, declarada Ben de Interese Cultural.
O coidado da illa, tanto no aspecto ambiental -cun impacto mínimo negativo na natureza grazas á aplicación de numerosas políticas sostibles, como a reutilización de materiais, a eliminación total de plásticos ou o consumo de enerxías limpas, por exemplo- como no da conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural -coa promoción de actividades ligadas ao territorio e a realización de propostas paralelas á programación musical durante a celebración do festival-, inciden, precisamente, na intención de Sinsal de contribuír a achegar e promover a sostibilidade como motor de cambio.
Ademais, Sinsal SON Estrella Galicia destaca pola súa aposta pola diversidade cultural, que demostra a través dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons máis populares e até a música experimental, pasando pola electrónica, a psicodelia ou mesmo as músicas urbanas. Na recente edición de 2023, pola illa pasaron 26 bandas de 18 países chegadas de Angola, Arxentina, Bélxica, Burkina Faso, Colombia, Corea do Sur, Estados Unidos, Estonia, España, Francia, Holanda, Xapón, Marrocos, Nixeria, Portugal, Reino Unido, Sudán e Uganda. Unha aposta que permite afondar a Sinsal no seu compromiso pola igualdade, tal e como recoñeceron este ano os Iberian Festival Awards (IFA 2023), ao sinalar o Sinsal SON Estrella Galicia como o evento musical de España máis destacado pola súa Contribución á Igualdade: a presenza feminina é moi relevante tanto nas súas propostas musicais (como líderes ou por estar conformadas 100% por mulleres) coma no seu staff ou mesmo na súa programación, que pon o foco na diversidade lingüística de todo o territorio estatal, ademais de atender e visualizar artistas queer.
20231026-NP-Premios-FEST-2023