POÉTICA DO CORAZÓN

POÉTICA DO CORAZÓN

Sentín o gong anunciando a hora de mergullarnos no mar dos soños
a través dese río que flúe a pesar de si mesmo,
partindo do silencio, sempre do silencio
-orixe e fin da palabra enfiada e feita verso.
Tamén a claridade do metal percutido coas xemas dos dedos,
a carimba, os axóuxeres, as canas, o pandeiro…
Sons apreixados coas mans, sementados a eito,
mesturados co aire temperado do alento
dunha frauta e un clarinete baixo tinguidos de outono.
E no centro a voz de Eva, o seu veludo acariciando lento
a cor escintilante dos sentimentos que, ás veces sen dono,
revoan polo aire buscando un centro
no que aniñar, aínda fugazmente e sen pretexto.
E fiquei namorada da súa palabra, da súa dozura, da súa maxia, do seu talento…
hoxe tan preto!
Soñarei acotío coa súa luz difusa que convida ao desexo
das verbas de meigallo, da súa ollada que adoro porque ve dende dentro
e coa súa trade máxica afonda até o núcleo e dá alimento
aos sentires máis orfos.
Grazas, por todo!