CRACK

CRACK

Fusión de música e poesía. Un músico, Marcos Maoxu, e un poeta, Martiño Maseda, xúntanse para que o son e a palabra rachen os muros de calquera convencionalismo artístico. Retorcer o poema até sacarlle a cada verso todo o zume da emoción, e iso mesturado co acompañamento harmónico ou non da linguaxe musical.

E neste casamento entre música e poesía nace a sublimación de sentimentos: Amizade, Palabra, Comunicación… CRACK

https://www.youtube.com/watch?v=g-eYLxxIwiw

RETALLOS DUN TEMPO ESVAÍDO

RETALLOS DUN TEMPO ESVAÍDO

E algún día mesturaraste coa terra,

a mesma que tremía de paixón

entre as folerpas dos teus dedos.

Namentres, segues na loita…

Que ves cando abres os ollos?

Talvez, o cataclismo da negrume

que se abalanza contra ti

até posuírte con lasciva crueldade.

ou, talvez, percibes as imaxes dun tempo

que nunca foi teu

ó que xa non pertences.

Mais ti teimas, despois de nove décadas,

buscas nese diálogo coas sombras

unha presa de terra

para que a súa fragrancia te orballe nas meixelas

e volvas sentir que es ti

andando as corredoiras que levan ós Tarreos

onde fendemos outra vez a carne dun leiro

cun arado de vertedeira ou de ferro

(ou de veso como din os que van de cultos ou de normativos,

eses que nin a ti nin a min nos ensinaron a falar esta lingua

que mamamos pola pel),

e mentres ti termas do arado

e lle afalas a dúas vacas indómitas

eu chamo delas para que non se saian do rego,

“ven vaca, ven”, a túa voz resoa na inmensidade do vilar…

Mais xa sentes que non es ti, papá,

agás un corpo coa memoria revellida

que, por veces, non che deixa lembrar quen son eu,

ese alguén que busca pintar un sorriso

na túa face impertérrita,

nin quen é ela, esa muller que anda ó teu redor,

que non ten paraxe,

que se enfada porque non entende que o fado da vida

se asañase contigo,

que ri e que fala sen tregua para que o silencio

non a mergulle no abismo da soidade,

esa muller que anda, tras máis de doce lustros,

roubando anacos dun tempo esvaído para gastalo ó teu carón,

porque si, porque lle peta,

e que lles (nos) importa ós demais.

A Chaira recende a friaxe

que entumece os sentimentos,

a neve dos teus dedos esperta a mirada da memoria:

óense voces polo vilar,

a terra berra paixón baixo a rella do arado.

Péchase a corredoira.

Ti segues na loita…