Posicionamento da AELG sobre o Plan Cultural para a reactivación do sector tras a Covid-19
A AELG rexeita participar no Plan Cultural para a reactivación do sector tras a Covid-19
A AELG fai un chamamento a que se manteñan os proxectos literarios e culturais, tan necesarios neste momento, para a sociedade, as súas creadores e creadores e a nosa lingua.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, non participará do Plan Cultural que vén de publicar a Consellaría de Cultura.
Esta posición emana do convencemento de que estamos ante un plan que non vai redundar en beneficio da cultura galega, nomeadamente da súa literatura e, moi especialmente, das creadoras e creadores en lingua galega.
Para alén das liñas estratéxicas que se marcan nese plan, que non podemos compartir desde a AELG, pois fan do turismo xacobeo a peza angular dun plan que, deste xeito, só ten de especificamente cultural o nome, non tendo como elemento fulcral a posta en valor dun patrimonio cultural cada vez máis deteriorado, e que, ademais, contén no seu desenvolvemento normativo cláusulas claramente abusivas. Como entidade que representa, asesora e defende ás escritoras e escritores galegos, manifestamos o noso estupor ante un plan que, de facto, expropia as creadoras e creadores dos seus dereitos persoais e patrimoniais sobre a súa obra, ao ser unha cesión de dereitos sen límite de tempo, espazo xeográfico, medio de explotación ou lingua, descoñecendo a diversidade das tipoloxías de proxectos, os dereitos concretos e o seu correcto desenvolvemento.
Por outro lado, a AELG, entidade colexial que representa ás escritoras e escritores, só foi convidada á presentación deste plan xa fechado e publicitado antes da súa presentación ás entidades e persoas ás que presumibelmente se dirixe. Un plan que, por outro lado, só pretende crear un banco de actividades e non aproveita o xa feito, materiais de calidade que aínda poden e deben ser difundidos. Un plan que, aínda por riba, non pon o seu corazón na lingua galega e unha vez máis acode ao plurilingüísimo cando o que precisamos é moito mais galego, moita mais promoción da nosa lingua. Deste xeito, obriga aos creadores e creadoras, nunha situación de fraxilidade económica como a actual, a aceptar condicións inaceptábeis no uso da súa lingua e na explotación da súa obra. A AELG fai proxectos nos que participan escritoras e escritores, ademais de fotógrafos, deseñadores, etc., polo que non só poría en risco os dereitos patrimoniais da AELG como entidade senón, tamén, as dos participantes no proxecto ao poder lesionar os dereitos individuais dos creadores que nel participen.
Como xa dixemos, discrepamos deste tipo de estratexias culturais e reclamamos políticas que teñan en conta as persoas, potenciando realmente o tecido cultural, que estean dirixidas ás creadoras e creadores que, con tanto esforzo e sacrificio se forman e sacan adiante as súas obras, roubando horas ao sono ou á familia, nun contexto social en que a creadora ou o creador dificilmente poden vivir do produto da súa obra (aínda que escasos e encomiábeis son os casos e cheos de fulgor).
Nesta tesitura a AELG fai un chamamento a todas as institucións, con independencia do seu ámbito territorial ou de responsabilidades públicas, para que manteñan os orzamentos destinados á cultura e, dentro dela, á creación literaria. Non esquezan que cando falamos de creación literaria falamos do primeiro elo dunha engrenaxe que se traduce en múltiples postos de traballo, porque entre a escritora e a lectora, foi necesario crear unha cadea en que están implicados desde as e os traballadores dunha tenda de informática, os e as traballadoras dos diversos proceso da edición, das que traballan nas imprentas, até as libreiras e todo un proceso de distribución e mediación (nun sempre por chegar plan de lectura). E isto por poñer un único e pequeno exemplo do que implica non investir en creación literaria.
Por outro lado, a literatura é tamén un ben de primeira necesidade, pois non só os produtos alimentarios son necesarios para o ser humano, tamén a saúde emocional que axuda a levar a vida é imprescindíbel e aí, a literatura ten un papel esencial (e cando se fala, por exemplo, de recuperar festas e verbenas, xusto isto se está a recoñecer).
De acordo co dito, a AELG declara tamén a súa preocupación polo que está a suceder xa cos premios literarios.
Primeiro, porque os premios son unha potente ferramenta normalizadora para a nosa lingua. Os premios propiciaron ao longo do tempo a posta en valor, a dignificación e, por tanto, a defensa da nosa lingua e a nosa cultura. A súa existencia promoveu a creación literaria das nosas autoras/es, achegou a cidadanía á nosa literatura e xerou obras de gran valor que hoxe son recoñecidas non só no país, senón no resto do Estado e incluso a nivel internacional, fornecendo o noso sistema literario e garantindo a supervivencia da nosa lingua, ao tempo que promoveu a aparición de autoras/es que hoxe son exemplo da categoría das nosas letras. Por iso, desde a AELG observamos con preocupación algúns acontecementos recentes -quer a desaparición dalgúns certames, quer a diminución nas súas dotacións económicas- que, de confirmarse, debilitan a nosa lingua e a nosa literatura, nunha situación xa de por si feble. A lingua galega, hoxe aínda minorizada, é o noso xeito de interpretar a realidade e poñerlle nome ao que nos rodea, pero non só; é tamén o noso xeito de ser e estar no mundo. En definitiva, é o que nos identifica. Por esta razón e polos graves prexuízos que estas situacións poden ocasionar, queremos pedirlle encarecidamente ás institucións implicadas, que actúen na defensa e preservación da nosa lingua e a nosa cultura, no convencemento de que a súa defensa e promoción é un elemento fundamental que contribúe ao ben común e á supervivencia da literatura galega.
Segundo, porque os premios son, maioritariamente, a garantía de publicación dun libro e de percepción dos dereitos de autoría desa obra ademais do premio económico, por tanto, a pesar de que as súas contías sexan pequenas, poden ser unha axuda para unha escritora nova que cada vez máis e, nestas datas xustamente, está parada ou nun erte ou sen ingresos.Terceiro, porque os premios foron e deben ser, unha ferramenta de visibilización das nosas autoras e autores. Unha das formas máis axeitadas de homenaxealos, lembrarnos que, a pesar de ser tan curta, a carreira literaria de Eusebio Lorenzo Baleirón segue a ser un exemplo para moitas mozas e mozos e non queremos esquecernos dos seus versos, dos seus lugares vitais, do que representa para a nosa literatura e para a nosa cultura. Igual que non queremos que quede no esquecemento unha figura como a de Victoriano Taibo, escritor e mestre represaliado que traballou arreo para manter viva a nosa lingua.
Os premios son todo isto, unha ferramenta idónea para crear literatura en lingua galega e ese PIB que tanto preocupa aos nosos xestores, por iso reclamamos que se manteñan e que se convoquen dignamente, con garantías para as escritoras e escritores.
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Avda. Alfonso Molina, s/n, Edif. de Sindicatos, 8º
15008 - A Coruña
981 133 233 / 696 581 971 oficina@aelg.org
aelg.gal axendacultural.aelg.galfacebook.com/aelg.org twitter.com/aelg