A artista Furia Sotelo inicia hoxe a súa ‘Residencia Paraíso’ no Pazo da Cultura de Narón

Desde este luns 2 e ata o venres 13 de setembro, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora galega traballará na súa proposta Sobre o extravío ou a arte de perderse

Trátase dun solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o esquecemento necesario e a arte de perder

Unha vez finalizada a súa residencia, a artista ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar no Pazo da Cultura de Narón, o venres 13, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

A artista Furia Sotelo inicia a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este luns, 2 de setembro, en Narón. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura de Narón acolle, desde hoxe e ata o venres 13 de setembro, a residencia do artista en torno á proposta a creadora galega que ten por título Sobre o extravío ou a arte de perderse, un solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o olvido necesario e a arte de perder.

Unha vez finalizada a súa residencia, a artista ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Pazo da Cultura de Narón, o venres, 13 de setembro, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, Furia Sotelo participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO

Sobre o extravío ou a arte de perderse é un solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o esquecemento necesario e a arte de perder. Cando o corpo fai lugar e a presenza transforma o espazo, converténdose en parte do mesmo, transformándose en obxecto.

No proceso de creación de Sobre o extravío ou a arte de perderse contarán co deseño de iluminación de Laura Iturralde e a composición sonora de Camille Hedouin, para xerar unha suspensión de tempo e espazo, rompendo así a sensación do tempo lineal, na que incorporar o movemento dun corpo brando, coa lixeireza dun corpo disposto á danza, coa naturalidade cotiá do camiñar, lavarse as mans ou preparar unha cafeteira.

SOBRE FURIA SOTELO

A compañía Licenciada Sotelo aparece en 2010 coa presentación de Nuria dirixida por Ana Vallés coa obra Métanse nos seus asuntos. A partir dese momento, Licenciada Sotelo, co corpo e o movemento como centro, camiña en busca dunha linguaxe escénica ecléctica e multidisciplinar.

Licenciada Sotelo produce diversas pezas que se puideron ver en redes de teatros autonómicas e festivais nacionais e internacionais. No 2016 recibe o premio da 30ª edición do Certame Coreográfico de Madrid pola súa obra Ensaio amor e, co seu penúltimo espectáculo de sala Mortais e vulnerables, a compañía pasa a chamarse Furia Sotelo.

Nuria Sotelo é veterinaria conversa, bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Furia Sotelo, directora do Espazo de danza do Campus de Ourense UV, docente no eido do movemento, traballadora no ámbito social das artes, impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no rural A Casa Vella. No seu afán por colaborar co desenvolvemento artístico do territorio, centrou o seu traballo en Galicia, traballando como intérprete en diferentes compañías de danza e de teatro, e realiza encargos e colaboracións puntuais como coreógrafa para diferentes artistas, compañías e eventos.

Ana Vallés é cofundadora da compañía Matarile Teatro (1986), na que dirixiu máis de 30 montaxes. O último, FRÁXIL Handle With care, 3ª parte da Triloxía da fraxilidade, foi estreado en 2023 en coprodución co Teatro Español e o CDG. O seu traballo visual foi exposto tanto individualmente como en exposicións colectivas en Uruguai, Italia, Perú, España e Bulgaria.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvólvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN:

https://www.colectivorpm.gal/

2024.09.02.-NP-Residencia-Paraiso-Furia-Sotelo-Naron

IRIBARNE chega a Narón esta fin de semana a piques de esgotar as entradas

O Pazo da Cultura acollerá a última creación de ButacaZero este sábado, 18 de maio, ás 20.00h, co 80% da capacidade da sala xa ocupada a día de hoxe

Esta función de Narón é unha das últimas oportunidades para ver a peza en Galicia ata o vindeiro outono, xa que proximamente so será posible gozar dela na MIT de Ribadavia o día 27 de xullo

Os últimos billetes dispoñibles para ver na localidade de Ferrolterra unha das sensacións da actual temporada escénica están dispoñibles a través da plataforma en liña: https://www.padroadodecultura.es/

IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero, desembarca esta fin de semana en Narón, no Pazo da Cultura, o sábado 18 de maio, ás 20.00h, coas entradas a piques de esgotarse e o 80% da sala xa ocupada a día de hoxe. Os últimos billetes dispoñibles para ver unha das sensacións da actual temporada escénica na localidade de Ferrolterra están dispoñibles a través da plataforma en liña: https://www.padroadodecultura.es/.  Esta función de Narón é unha das últimas oportunidades para ver a peza en Galicia ata o vindeiro outono, xa que proximamente so será posible gozar dela na MIT de Ribadavia o día 27 de xullo.

IRIBARNE, a exitosa revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor, é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. 

Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

UNHA EXITOSA XIRA

Desde a súa estrea en Galicia, en Vilalba -cidade natal do político-, o pasado mes de xaneiro, IRIBARNE pasou xa por Santiago, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Lugo, Ourense e Cangas, entre outras localidades, coa platea ateigada e o público entregado en todos os recintos visitados. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. Dentro de súa xira galega, IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia– ten previsto recalar, ademais de en Narón (18 maio), onde xa vendeu o 80% das localidades, en Ribadavia o 27 de xullo, como espectáculo responsable da clausura da MIT. A peza visitará, tamén, outras cidades do Estado, como Vitoria (7 xuño).

Ademais, en marzo fixéronse públicas as candidaturas aos Premios Max, principais galardóns estatais de artes escénicas, e IRIBARNE obtivo dúas candidaturas: a de Lidia Veiga á mellor actriz e a de Diego Vilar ao mellor deseño de iluminación.

MÁIS CA TEATRO

En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, xa está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro Lidia Veiga– se vai dando o relevo para interpretar o protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e mais o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín#camiñosDespois das ondas32m2Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica. 

Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.

CONVERSAS

·       Manuel Rivas: https://youtu.be/nTGC5te-xzI?si=mM4woYU040CjXvyw

·       Xesús Palmou: https://youtu.be/1x_G-9tp3-U?si=j1kzWFyb0BmSG6v3

·       Encarna Otero: https://youtu.be/b6z4RG1Uy0Y?si=5Ms9onBGURtRsW4m

LIBRO IRIBARNE | https://edicionspositivas.com/producto/iribarne/

MÁIS INFO | https://butacazero.com

XIRA IRIBARNE | PRÓXIMAS DATAS CONFIRMADAS

NARÓN I Pazo da Cultura | sábado 18 maio | 20.00 h

https://www.padroadodecultura.es/es/espectaculos/evento/iribarne

VITORIA I Teatro Principal de Vitoria | venres 7 xuño | 19.30 h

https://principalantzokia.janto.es/

RIBADAVIA I Auditorio do Castelo | sábado 27 xullo | MIT Ribadavia 2024 

20240514-NP-IRIBARNE-Naron

SonDeSeu presenta ‘Entreterras’, un novo directo no que as músicas de raíz de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman o repertorio da orquestra

Vigo e Narón acollerán esta primavera os dous concertos semiacústicos de presentación do proxecto, fiado por un meridiano sonoro que une, sobre o escenario, as propostas das artistas de Galicia, Portugal e Canarias 

A primeira cita con Entreterras será o 24 de maio no Teatro Afundación de Vigo, mentres que o 2 de xuño o directo terá lugar no Pazo da Cultura de Narón

Un meridiano invisible tece un fío sonoro que a través das músicas de raíz, une xeograficamente a Galicia, Portugal e Canarias. Así nace Entreterras, o novo proxecto de SonDeSeu, no que a Orquestra Folk de Galicia se acompañará de artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios. A galega SÉS, o portugués Daniel Pereira e o canario Hirari Afonso compartirán escenario co medio cento de intérpretes de SonDeSeu nesta nova proposta musical, que conta co apoio da Xunta de Galicia, e que o público poderá descubrir tanto o 24 de maio no Teatro Afundación de Vigo coma o 2 de xuño no Pazo da Cultura de Narón. As entradas para gozar das melodías e ritmos destas Entreterras en Vigo están á venda desde hoxe, 24 de abril, na plataforma ataquilla.com, mentres que os billetes para Narón estarán dispoñibles proximamente en padroadodecultura.es.

O espectáculo, que dá continuidade a Arraianos (2018) na aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas, preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, “a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da nosa orquestra”. 

Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través de dous concertos semiacústicos, con arranxos e adaptacións que nacen das creacións de artistas de referencia nos seus territorios. “Escollimos figuras que destacan polo seu compromiso coa cultura de cadanseu lugar e mais pola súa innovación e o seu respecto á tradición tanto á hora de compoñer e producir como de interpretar”, sinala o presidente de SonDeSeu.  

Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que –ao igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos. 

A posta en relación das músicas e relatos de SÉS, Pereira e Afonso neste Entreterras non é casual. “Seguimos a tecer unha historia que tamén se pode narrar a través das cordas deses instrumentos que viaxaron polo Atlántico levando as tradicións peninsulares e insulares polo mundo adiante”, expón Pinto. Precisamente o director de SonDeSeu salienta o verso Lo puro es la mezcla. La mezcla es lo puro, do último traballo discográfico de Hirahi Afonso, para poñer en valor a confluencia que se dá neste proxecto.  Ao cabo, tal e como expón Pintos, “Entreterras é unha mostra máis da mestura e da evolución que están a vivir as músicas de raíz. Tamén a galega”.  

BIOGRAFÍA SONDESEU

A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas patrimoniais con elementos contemporáneos. A posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializouse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk, traballos discográficos ou eventos singulares, alén da participación en múltiples festivais e auditorios europeos. 

Neste 2024, medio cento de músicos conforman o corazón dunha orquestra única en Galicia que, baixo a dirección de Xaquín Xesteira, conta con nove sección instrumentais: arpa céltica, buzuqui, canto, contrabaixo gaita, percusión, requintas, violín e zanfona. Para máis información sobre SonDeSeu, pódese visitar https://sondeseu.org/

BIOGRAFÍA SÉS

SÉS é unha cantautora de longa traxectoria que constitúe toda unha icona no panorama actual galego. A súa prolífera obra segue a ter plena presenza despois de 13 anos de actividade e 8 discos grazas á súa excepcional capacidade artística e ao seu carisma e forza no escenario. A estética ecléctica que a caracteriza, que combina influencias tradicionais propias cos múltiples estilos dos que se foi nutrindo (canción de autora, folclor latinoamericano, rock & roll…) supedítase á expresividade literaria das cancións.  

BIOGRAFÍA DANIEL PEREIRA CRISTO

Daniel Pereira Cristo é un músico e cantautor portugués recoñecido pola súa implicación coa palabra, a música e os instrumentos cordófonos tradicionais (cavaquinho, viola braguesa, etc.). O seu álbum debut, Cavaquinho cantado (2018), foi distinguido co prestixioso galardón Premio Carlos Paredes. A súa música reflicte a súa paixón pola cultura portuguesa e pretende promover a diversidade cultural e a pluralidade tanto no seu país coma no mundo. 

BIOGRAFÍA HIRAHI AFONSO

Hirahi Afonso é un dos músicos máis brillantes das novas xeracións de intérpretes. Non é só un timplista: é o artífice dunha revolución na música tradicional canaria grazas ás súas creacións. O seu segundo disco Lo puro (2023), no que colaboran figuras como Pedro Guerra, Xabier Díaz ou Valeria Castro, conecta a tradición cosas sonoridades máis innovadoras. Ofrece unha experiencia sonora na que o timple é o condutor dunha viaxe que transita entre estilos tan diferentes como a electrónica, o flamenco ou o rap. 

CONCERTOS ‘ENTRETERRAS’

24 de maio | 21.00 horas
Teatro Afundación (Vigo)
Entradas: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/teatro-afundacion-vigo/17438–sondeseu-entreterras.html

2 de xuño | 19.00 horas
Pazo da Cultura (Narón)
Entradas proximamente á venda en padroadodecultura.es

20240424-NP-SonDeSeu-presenta-Entreterras