A inauguración do X Festival Atlántica vai estar protagonizada por dous grandes da narración oral galega: Paula Carballeira e mais Quico Cadaval. Ambos os dous artistas ocuparán o escenario que se vai instalar no Parque de Bonaval para celebrar co público os ‘10 anos do mar de contos’. Será a partir das 21:30 horas e con entrada gratuíta. Iso si, as cadeiras están esgotadas desde hai un par de días pero é posible acceder ao espazo e sentar na herba ou levar un asento propio.
Pero antes deste acto oficial están previstas outras actividades repartidas pola cidade. A primeira cita será ás 11 da mañá no CSC das Fontiñas onde o galego Dani Blanco levará as súas ‘Historias desde o outro lado da raia’, unha escolma de contos dirixida ao público infantil e familiar.
Xa pola tarde, ás 19 horas, os bebes de entre 0 e 3 anos teñen unha cita con Cris Collazo no Parque de Bonaval e ‘Son de berce’. Un chisco máis tarde, ás 20 horas, será a quenda dunha ‘Romaría’ artellada entre Celso Fernández Sanmartín e a Banda Municipal de Música de Santiago na Praza de Praterías.
Ademais, o concello veciño de Teo tamén recibirá un espectáculo do Festival Atlántica. Trátase de ‘Dois dos montes’ dos portugueses Vítor Fernandes e Estefânia Surreira que actuarán na Carballeira da Tomada, en Calo, ás 21:30horas.
Atlántica multisede
A actividade do festival en Santiago continuará ata o vindeiro 9 de xullo e incluirá un total de 31 espectáculos dos 94 previstos en toda Galicia. Esta intensa programación na cidade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Santiago.
Mais Atlántica tamén vai desenvolver a súa actividade noutros lugares espallados polas catro provincias galegas. De feito, outras dous sedes acollerán mañá espectáculos do festival. A primeira delas é Ferrol, onde a colombiana Carolina Rueda brindará dúas funcións, unha para público infantil e familiar e outra para adultos, na Biblioteca Municipal. O segundo lugar é Outes onde a galega María da Pontragha tamén ten previstas dúas funcións para nenos e maiores na Praia de Broña.
Alén diso, nesta edición tamén haberá actuacións nas localidades de Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Paderne, Zas e Padrón, ademais de Santiago de Compostela, Ferrol e Outes. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e da América Latina.
Sobre “Contos para acabar con algún medo”, Paula Carballeira dinos que primeiro temos que saber como é o medo: grande ou pequeno, dos que aparecen cando non hai ninguén ao teu carón, dos que lle gustan a escuridade, dos que prefiren dar sustos… Para cada medo hai un remedio, e mesmo hai remedios que valen para todos: a risa, a música, a luz, mirar o medo cara a cara, fronte a fronte, directamente aos ollos. Cando pensamos que perdemos a valentía nalgures, os contos axúdanos a recuperala. Só hai que lembrar o que lles aconteceu ás e aos protagonistas destas historias, non moi lonxe de aqui, non hai moito tempo.
Canto a “Mulleres que viven soas”, Carballeira sinala que as mulleres que viven soas son sospeitosas. Sospeitosas de amargura, de escuridade, de intencións ocultas. As mulleres que viven soas son bruxas. E, xa se sabe, as bruxas, coa súa falta de pudor e de límites, coa súa teima de liberdade e de coñecemento, asustan. Nesta sesión de contos, as mulleres que viven soas son as protagonistas. Como na vida, provocarán tenrura, repulsión, admiración ou medo. Son a memoria dalgúns dos nosos temores e das nosas esperanzas.
Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621 e estar dispostos a que alguén nos conte unha historia. O billete para a primeira función é de 2 euros e para a segunda é de 5 euros.
Paula Carballeira dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral desde 1994. Foi convidada aos principais festivais de narración oral tanto nacionais como internacionais ( Portugal, Brasil, Francia, Chile, Ecuador, Perú, Colombia,Cabo Verde, Arxentina, Costa Rica, México….). Participou en diversos programas da TVG (Viradeira, O clan dos impostores, Libro de familia, Apaga a luz, A noite en branco, Pequeno Hotel, O rei da comedia, Rías Baixas, Máxima Audiencia, Contando estrelas, Pepe o inglés) e ten colaborado en diferentes espazos da Radio Galega (Xamón,xamón, A taberna da galega). Membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996, coa que coordinou a programación infantil ASTEROIDE B-612 que se desenvolveu nos concellos de Santiago de Compostela e no de Ferrol. Ademais dun traballo continuado en Berrobambán, participa como actriz ou directora en propostas ocasionais doutras compañías. Por exemplo, foi a máxima responsable dos espectáculos de Talía Teatro Mundos contados, Pequena e Rosa Caramelo e outras historias; dirixiu e interpretou a montaxe do Centro Dramático Galego para público infantil A cabana de Babaiagá, e protagonizou Desde a sombra/Bufóns e Pallasos para a compañía Magrinyana. Tamén é autora de máis de trinta libros publicados e traducidos a diferentes idiomas: castelán, inglés, portugués, alemán, turco, coreano, italiano, éuscaro, catalán…, algúns deles distinguidos cos premios: Lecturas, White Raven, Isaac Díaz Pardo, Manuel María de Literatura Dramática Infantil ou o Frei Martín Sarmiento. Entre eles destacan: Mateo (Kalandraka, 1999), Paco (Kalandraka, 2000) Premio Lecturas 2001, Correo Urxente (EDB, 2002) Premio Lecturas 2003, O ganso pardo (Edelvives, 2002; Palabras del Candil, 2013) , A era de Lázaro (Galaxia, 2004), Smara (Kalandraka, 2006), White Raven e Premio Isaac Díaz Pardo, Boas Noites (Edicións Xerais, 2007) e O refugallo (Xerais, 2013) ambos gañadores do Manuel María, finalistas dos premios AELGA e nominados aos María Casares do teatro galego, Contatrás II-I (Edicións Positivas, 2012), O principio (Kalandraka, 2012), A burra Ramona (Baía, 2013) premio frei Martín Sarmiento 2016, Misterios (ASSITEJ, 2015) Finalista do Premio ASSITEJ de Textos Dramáticos, Bruxa e familia (Santillana, 2017) incluído na Lista de Honra da OEPLI ou Somos os Monstros (Xerais, 2019) Premio Manuel María. Ademais escribiu libros de Lecturas Escolares para a editorial Anaya como Alicia sabe voar, Voces no sumidoiro ou Aldara na lúa entre outros.
O sábado, 30 de novembro, último Paseo pola Coruña Literaria Outono 2019, que Antonio Sandoval guiará con título As naturezas da Torre. Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros! A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es.
Seguen en desenvolvemento tres obradoiros de creación literaria da Escola de Escritoras-es da AELG, en San Sadurniño, Rianxo e Pontevedra.
*Información facilitada desde a Secretaría Técnica da AELG.