Andanzas do Suso de Lameliña. PASEO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

PASEO

Fachendoso e garrido, como todas as mañás, Antón Toural emprende a baixada pola costa do Santo. Hoxe a calor e moito menor malia o grao de humidade ser superior ao destes días. Detense a ver a horta dos Trasalba: tomates, pementos, chichos, cebolas, leitugas… Ai, ho!, menos mal que lle quitaron as herbas! Onte a estas horas estaba feita unha selva, as leitugas nin se vían. Mira que outros anos adoitaban tela impecable. Enténdoo, Pepe todo o día traballando no monte e a súa dona Carme, atendendo a Cándido de Petra e logo os dous fillos que ten, unhas feras. Tempo non teñen moito, abofé que non! Xa vén de volta Margarita, moito madruga.

—Uns veñen e outros van. Bo día, Margarita.

—Bo día, Antón. Eu teño que madrugar, que as dez teño que estar na tenda, non coma outros que viven coma Deus.

—Tamén botei máis de corenta anos traballando. Agora merecerei un descanso, non che parece?

E tras despedirse da dona da ferretería proseguiu o seu camiño, de momento livián, pois era costa abaixo. O malo viría despois. Menos mal que polo outro lado a subida, aínda que era máis longa pero moito menospendente. A estas horas da mañá só se escoitaba o chirlar dos paxaros e algún que outro grallar dos corvos. Estaba case rematando a costa, despreocupado e invadindo parte da estrada, cando ve baixar tres camións. Son os camións das atraccións da festa, se ve que xa recolleron. E que será da vida de?, como se chamaba aquel que unha tarde me topei nun bar de Cacabelos? Miguelín, creo. Que personaxe! Traballaba nos carriños eléctricos, era de Teixeira, da Somoza vilafranquina, e dicía ter tres ou catro mozas. Un fenómeno! O concello tamén podía arranxar e limpar as cunetas. Ao final, sen querer, teste que meter no medio da estrada e despois pasa o que pasa.

Cosme, mala chispa o mate!, e que carallo fai por aquí. A librarme del, seguro que me vén con algunha comenencia.

—Home, mira que ben me ves. Agora mesmo tiña a mente en ti. Pensaba pasar pola túa casa pero…

—A ver, déixate de contos e di.

—Dixéronme que daban subvencións para poñer calefacción de peles. Ti como traballaches na Xunta, poderías informarte.

—Coma te podes informar ti. Pero ben, como estou xubilado e son o mozo de recados para todo o mundo, xa me informarei. Agora téñoche moita présa. Ala, deica.

Será posible con este home, non hai vez que me vexa que non teña algo. Que lle dean! Se me cadra, falo con Tinita que esa debe saber, pero xa verei. Ben, acabouse a boa vida, toca subir. A ver se hai sorte e non me cruzo con outro ou outra do mesmo cariz. Moito me amola saír de paseo e ter , simplemente, que parar a saudar, como para arranxar asuntos. Normalmente tiro para a diante, pero sempre hai alguén que ten ganas de lerias.

O cansazo e a suor van facendo efecto. Antón detense, fica mirandoas rubias da granxa dos Ramírez e aproveita para sacar o chapeu e cun pano secar fronte e cabeza. Haberá que continuar. Está nubrado e vai menos calor, pero esta humidade non sei se será peor, súo coma un can. Menos mal que xa queda pouco. Xa volve estar na vila, agora a tomar un café no Lisboa e para a casa. E de quen será ese coche? A xente por chamar a atención, xa non sabe que facer. Unha serea ocupa toda a porta dianteira e parte da dos viaxeiros. Cada vez que vexo unha serea vénseme á mente a de Copenhague e unha recua de xaponeses sacándolle fotos. Que desilusión levei a primeira vez que a vin. Pero esta é a famosa sereíña?, díxenme. E despois están os gatos. Copenhague é unha cidade na que non se ve un gato, léralle algunha vez, non sei en que libro, a James Joyce. As dúas veces que estiven, percorrín a cidade de arriba a abaixo, sempre atento a ver se vía un. Ningún. Abofé que vai ter razón Joyce. Ben, xa cheguei ao Lisboa. A ver se Nicanor me prepara un con leite e o acompaño con un par de madalenas.