por martinho | Sep 21, 2017 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
Voei como a laberca
coas teas de neboa branca
ben cinguidas, ben pretas.
O gando novo nos penedos
día a día vai pasando,
van pacendo, van medrando.
Voei como a laberca
coas lendas das lagoas,
das augas, das penas.
Voei como a laberca
ben lixeira
baleira
voei
como a laberca
Voei…
Pas Veres
por martinho | Mar 14, 2017 | Autores/as, Novas
O vindeiro sábado 18 de marzo, ás 21:00h, na Casa Habanera de Guitiriz, celebrarase a inauguración da primeira edición da VilarEXPO, adicada ás fotografías da natureza e etnografía da parroquia dos Vilares, realizadas por Luís de Fabete. Acompañará ao autor o fotografo de orixe guitiricense Valentín Purriños, premiado en diferentes ocasións na sua traxectoria profesional e cabeza dunha exitosa saga de fotógrafos. Pai de Yolanda e Inma Purriños, premiadas tamén nos Goya de fotografía e recentemente homenaxeadas en Vilalba. Ademais contarase coa presenza da alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín. O acto será presentado por Pastora Veres.
A exposición consta de 33 fotografias en alta definición a cor, de tamaño 70×50 cms. Organizada pola Asociación Sociocultural Lareira de soños, coa colaboración de GADIS, o patrocinio da Reserva da Biosfera Terras do Miño e o Concello de Guitiriz, sen esquecer a participación na montaxe de Copitec Dixital, terá caracter divulgativo e será itinerante, tendo xa comprometidos varios destinos posteriores. Ao remate do presente ano, será donada a unha entidade benéfica.
O autor
José Luís Teijido Comba, Luís de Fabete (1949), é un fotografo tardío, un vilarego que, como outros moitos da parroquia, desenvolveu variados oficios: barbeiro, agricultor, técnico de radio, o primeiro montador de televisións da parroquia, floricultor e incluso presidente do monte comunal dos Vilares, o que o convertiu nun dos mellores coñecedores da xeografía do lugar. Dotado dunha sensibilidade especial, Luís é un grande amante da natureza e da etnografía, descubridor tamén de pezas arqueolóxicas, como un machado prehistórico ou a mámoa das Carriceiras. Asemade é un paciente observador das criaturas do nóso hábitat, ás que “caza” en instantáneas únicas como as que se poderán visualizar nesta VilarEXPO, unha pequena mostra do que os ollos de Luís poden captar dende detrás da súa cámara. Trinta e tres imaxes impactantes, cun tamaño 70×50 cms, que non deixarán indiferente a ninguén. O retiro profesional de Luís agasallou á parroquia un artista e unha persoa comprometida co seu entorno a través da Asociación Sociocultural Lareira de soños. As súas fotografías axudannos a todos a coñecer e valorar a nosa riqueza máis próxima, a aumentar a estima do noso e a corroborar que as “herbas pequerrechiñas” das que falaba Díaz Castro, desde Os Vilares, enchen de perfume o mundo.
*Información facilitada por Antón Tenreiro Ferreiro, Presidente da Asociación SocioCultural Lareira de Soños.