ButacaZero estreará ‘Papaguena’, unha ópera electrónica en galego para xirar por toda Galicia
A compañía dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira presentou esta mañá no mercado Galicia Escena Pro o proxecto, que conta co apoio inicial do Concello de Rianxo, que acolle os ensaios da peza.
O compositor galego Iago Hermo asina a música orixinal e o libreto dunha creación que contará coa soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes Castelo.
A compañía ButacaZero, dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, estreará o vindeiro mes de setembro Papaguena. A nova creación é unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. A compañía deu a coñecer este luns o proxecto durante a sesión de presentacións rápidas, estilo pitching, celebrada no mercado de artes escénicas Galicia Escena PRO.
Papaguena é unha ópera electrónica do compositor galego Iago Hermo inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outros clixés presentes no mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista. O resultado: un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas por onde non adoita chegar. O reparto contará coa soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes Castelo; mentres que a música electrónica orixinal é do propio Hermo. Ana Arteaga (escenografía) e Diego Valeiras (vestiario) completan o equipo técnico.
Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego que conta co apoio do Concello de Rianxo, a compañía viguesa ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos de Carrodeguas e Castiñeira é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa tamén a espazos non convencionais para a súa representación, coa intención de chegar a público tanto adolescente como adulto de toda Galicia.
Así, Papaguena poderase ver, os días 2 e 3 de setembro a modo de pre-estrea, en Rianxo, localidade na que realizarán ensaios ao longo de todo o mes de agosto; mais a estrea absoluta chegará o 10 de setembro nas ruínas do convento de Santo Domingo en Pontevedra. Será o inicio dunha pequena xira no marco da programación cultural ‘Con-fiando’ da Deputación de Pontevedra, que levará a ópera ata localidades como O Grove (24 de setembro), Caldas de Reis (9 de outubro), Tui (21 de outubro), Gondomar (5 de novembro) ou Bueu (19 de novembro). O 29 de outubro a peza pasará tamén por Oleiros. Pero non serán estas as únicas vilas nas que se poderá desfrutar desta experiencia única e inmersiva; nas vindeiras semanas ButacaZero dará a coñecer novas datas por toda Galicia.
20220606-NP-ButacaZero-Papaguena