O proxecto Consoante (pandereteiras), Branca Villares (narrativa, voz, pandeira e percusións de man) e Pablo Pintor (zanfona, clarinete e gaita), farán un concerto interactivo en que, ademais de desfrutar co relato e as cantigas, o público asistente participará cantando e dialogando cos sons e os ritmos. Será un concerto “arredor da tradición oral feminina, no que debullamos por que cantamos, que cantamos e como cantamos as persoas. Entendemos os contextos onde tivo lugar a creación e transmisión oral das mulleres cantadoras, homenaxeada neste ano coa celebración das pandereteiras nas Letras Galegas”.
A actividade é de entrada libre até completar o aforo mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
A actividade é froito dun traballo de investigación e discusión do cancioneiro popular galego que Branca Villares desenvolveu co seu alumnado de canto nas súas aulas nos últimos tres anos. O traballo centrouse en detectar aspectos que poden supor apoloxía á violencia contra as mulleres e que, dalgún xeito, contribúen a perpetuala e normalizala, non censurando senón contextualizando e reformulando o seu uso. O repertorio co que traballa Branca son sobre todo recollas da montaña luguesa compiladas por ela e por outras persoas,ou as realizadas por Mini e Mero como as de Florencio, o cego dos Vilares.
Branca Villares é música e mestra de música tradicional en diferentes lugares da provincia de Lugo (Tradescola, Escolas Municipais de Rábade, Begonte, Outeiro, Escola OXeitO, e outras entidades culturais). Capitanea un proceso colectivo de reflexión, que xa vai polo seu cuarto ano de vida, en que promove a discusión entre as súas alumnas e alumnos. Parte da súa investigación foi publicada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega este mesmo ano.
Pablo Pintoré mestre de gaita na montaña luguesa e, alén de formar Troupelear xunto con Branca Villares, participa do proxecto musical Airiños da Freba. Ten sido parte de Tiruleque, GS21, Xacarandaina…
A actividade é de acceso libre, mais é imprenscidíbel inscribirse previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621, xa que o aforo está limitado para o cumprimento das medidas sanitarias.