Festival Atlántica.- Pablo Díaz pecha a celebración do Día da Narración Oral cunha actuación en Vite

Pablo Díaz pecha a celebración do Día Internacional da Narración Oral cunha actuación no CSC de Vite

·       ‘Contando números, cantando cores’ é un espectáculo para o público familiar

·       A función será ás 19 horas no CSC de Vite e para asistir cómpre a inscrición telefónica previa

O artista Pablo Díaz actuará este venres, 26 de marzo, no CSC de Vite ‘José de Saramago’ dentro da programación do Festival Atlántica para festexar o Día Internacional da Narración Oral. O espectáculo, titulado ‘Contando números, cantando cores’, está concibido para público familiar e comezará ás 19 horas. A entrada é gratuíta pero para asistir cómpre inscribirse previamente no teléfono 981 542 490.

Ao longo da súa traxectoria profesional, Pablo Díaz decatouse do importante que é para os cativos tratar e reflexionar sobre a igualdade de oportunidades entre nenos e nenas, maiores e pequenos, equidade, e, sobre todo, respecto ás persoas que desde o principio das nosas vidas debemos valorar. Para lograr este obxectivo, o artista utilizará contos, algúns deles con música, para rematar cun pequeno concerto con cancións que versen sobre esta temática e tamén algúns dos seus temas máis populares.

Pablo Díaz é un prestixioso músico coruñés que debutou no 2009 apadriñado por Santiago Auserón co traballo discográfico Tic tac (ed. Kalandraka). A obra acadou un éxito espectacular en Galicia, a primeira edición do traballo esgotouse en tres meses e vai xa pola quinta edición con máis de 5000 exemplares vendidos. Con este traballo resultou un dos tres finalistas nos premios galegos da música Martín Códax e foi o gañador do galardón “Anisia Miranda á creatividade infantil” no 2011.

En novembro do 2013 publicou o seu segundo traballo, Toc toc (ed. Galaxia), que serviu para reafirmalo na escena musical galega: premio ao mellor traballo de música infantil nos Martín Códax 2014 e unha xira por máis de 50 concellos de Galicia. Un ano máis tarde presentou un novo traballo máis íntimo e dedicado ao público de menor idade, Xente miúda, moita fartura, apostando nesta ocasión pola autoprodución e coa colaboración de Tito Calviño e Carmen Rey.

A finais do 2016 publicou Tic tac toc, ilustrado por Almudena Aparicio. Con este espectáculo fixo unha xira por 50 concellos da nosa comunidade. O último traballo de Pablo Díaz é Coas miñas mans, que saíu ao mercado en xuño do 2018 con moi boa acollida por parte do público familiar. Como contacontos infantil leva feito centos de sesións dedicando unha boa parte da súa obra aos rapaces de entre 0 e 3 anos.

Con este espectáculo clausúrase a programación desenvolvida polo Festival Atlántica para festexar o Día Internacional da Narración Oral e que contou coa colaboración dos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña, e tamén do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña.

AVISO: A actividade desenvolverase cumprindo coas medidas sanitarias do protocolo COVID-19 vixente no momento da súa realización.CRÉDITOS Deseño do cartel do 20M: Ekinocio.

BEBENC@NTAS con Pablo Díaz este sábado na Casa-Museo Manuel María

BEBENC@NTAS CON PABLO DÍAZ

Este sábado,17 de outubro, ás 18 h, na Casa-Museo Manuel María, BEBENC@NTAS, co músico galego Pablo Díaz, que fará unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor, tratando temas e rutinas adaptadas para as máis pequenas e pequenos, de 0 a 3 anos. Para o conseguir, axudarase de instrumentos como frautas, guitarra, harmónica, e interpretará algún dos seus temas máis populares. Unha sesión relaxada onde a fantasía e a ilusión sexan as protagonistas, e en que grandes e miúdos axuden a cantar e a entoar as melodías e retrousos dos contos e cancións. Moitos dos contos serán cantados de principio a fin.

A actividade é gratuíta mais é imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Para quen non coñeza a Pablo Díaz:

Pablo Díaz debutou co seu primeiro traballo discográfico TIC TAC (ed. Kalandraka), en decembro de 2009, co que acadou un éxito espectacular no país, xa que a primeira edición do traballo esgotouse en 3 meses, e vai xa pola 5ª edición con máis de 7000 exemplares vendidos. Con este traballo resultou un dos 3 finalistas nos premios galegos da música Martín Códax e foi o gañador do premio “Anisia Miranda á creatividade infantil” en 2011.

En novembro de 2013, ve a luz o segundo traballo, TOC TOC, da editorial Galaxia. Con este traballo conseguiu o recoñecemento do mundo musical acadando o premio ao mellor traballo de música infantil nos premios Martín Códax 2014, e tocando por máis de 50 concellos de Galiza.

En decembro de 2014, presenta o seu novo traballo máis íntimo e dedicado ao público de menor idade: “Xente Miúda, moita fartura”, apostando nesta ocasión pola autoprodución e contou coa colaboración de Tito Calviño e Carmen Rey.
A finais de 2016, publícase o traballo, “TIC TAC TOC” (ed. Galaxia) ilustrado por Almudena Aparicio. Con este espectáculo fixo unha xira por 60 concellos galegos.
O último traballo de Pablo Díaz é “COAS MIÑAS MANS” (ed. Galaxia) que saíu ao mercado en xuño de 2018 con moi boa acollida por parte do público familiar.

Como contacontos infantil leva feitas centos de sesións desde 2005, formando parte do equipo de animación á lectura da editorial Kalandraka, e posteriormente de xeito individual. Leva dedicada unha boa parte da súa obra como narrador oral ás crianzas de entre 0 e 3 anos.