Andanzas do Suso de Lameliña. O TOCADOR DE FAGOT

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O TOCADOR DE FAGOT

O fillo de Joaquín Echevarría, quen fora notario ilustre da vila, desde a idade temperá dos oito anos comezou a tocar o fagot. Algo que chamou moito a atención, pois era meirande ca el e un instrumento non  habitual para un neno da súa idade. Resulta que un día o pai levouno a un concerto a Oviedo e o rapaz ficou abraiado co instrumento. Houbo que comprarllo e mandalo a clase para que comezase o seu aprendizaxe. Desde entón, Avelino, é o seu nome, empezou actuar, primeiro nos festivais do colexio e xa de maior onda o chamaban. Tiña bastante éxito, non polo ben que tocaba, que non había queixa, senón pola rareza do instrumento. Mais o que el desexaba era actuar un día nunha orquestra sinfónica. Os anos foron pasando e a oportunidade non chegaba ata que cumpridos os sesenta, apareceu pola vila unha sinfónica da antiga Unión Soviética. Chegada a hora do concerto, sentouse na primeira fila co fagot baixo o brazo. Ía xa rematar o concerto e o director convidouno a subir ao escenario. Que lle parece se tocamos a introdución ao “Lago dos cisnes”?, díxolle. Avelino, aínda que nunca a tocara, era tanto o desexo de subir ao escenario con tan ilustres músicos —xa dixen o soño da súa vida—  que sen pensalo dúas veces, aceptou. Subiu ao estrado todo fachendoso e aos dez segundos de comezar a interpretación, entrou o fagot tocando algo parecido á Rianxeira. Os espectadores ficaron abraiados ante semellante dispendio de orixinalidade. Os aplausos finais superaron con creces as anteriores execucións. Contan que o compositor escocés James Dillon, un dos máximos representantes da corrente “Nova Complexidade”, ao ter coñecemento do concerto, fíxoo chamar. O que hai de certo niso, aínda hoxe, despois de cinco anos, non hai quen o poida asegurar con certeza. O que si se sabe é que ao cabo dun mes, Avelino e o seu fagot desapareceron da vila. Desde entón circulan pola mesma dúas versións enfrontadas: A daqueles que din que se marchou para O Caribe, para acabar de fundir a fortuna que lle deixou o ilustre notario Don Joaquín Echevarría, e os que din que forma parte dunha orquestra británica, apadriñado polo afamado compositor escocés.