O IEU investiga a orixe do Tesouro de Antas de Ulla
Esta é unha historia recente, pero moi antiga no tempo. Só sabemos algúns datos pero queremos coñecer máis. Por eso decidimos acudir a memoria da xente da Ulloa para que nos axude a reconstruir esta historia.
No ano 1972, o Museo de Pontevedra adquiriu un conxunto de espirais de prata. O lote está actualmente constituído por un aro central do cal colgan seis cadeas, cada unha con cinco espirais irregulares de tamaño decrecente. Trátase de pezas fabricadas a partir dun arame, de acabado irregular. O peso e o tamaño das espirais é variable, e o conxunto pesa en total 335,10 g, o que ven sendo moito se temos en conta o resto da totalidade da prata prehistórica, xa que no noroeste coñécense menos dunha veintena de espirais de prata atopadas en enterramentos de carácter individual de hai uns 4000 anos.
No caso de Antas de Ulla, aínda que habitualmente atribúeselle unha función como “colar”, parece que esta configuración sería unha manipulación posterior ao seu achado. Polo seu carácter de medida e partibilidade, foi relacionado con outros “tesouros” conformados por cadeas de espirais, normalmente de ouro, que poderían ser formas de acumulación “pre-monetais”, sendo esto compatible cun posible uso ornamental.
Determinouse que a prata coa que están realizadas as espirais ten poucas impurezas e baixos contidos en chumbo, polo que non se trataría dunha prata obtida a partir da galena arxentífera mediante o proceso denominado “copelación”, descoñecido na Península Ibérica antes da chegada e asentamento dos primeiros colonos fenicios, senón que sería obtida doutros minerais metálicos e mediante outros procesos.
Para coñecer a procedencia da prata, foi estudado mediante a técnica coñecida como “isótopos de chumbo”. Baséase en que a composición isotópica do chumbo nos minerais de cobre, ferro e prata é única en cada localización particular. Esta composición isotópica pode localizarse tamén en obxectos metálicos manufacturados, permitindo a discriminación das fontes de subministración da materia prima. Os resultados das análises isotópicas da prata do conxunto de Antas de Ulla amosaron trazas semellantes ás do sur da Península Ibérica, con posibles distintas procedencias. Foi a primeira peza arqueolóxica estudada en Galicia mediante esta técnica.
Ainda que como vemos, constitúe unha evidencia arqueolóxica excepcional e de gran interese, é moi pouco o que se coñece sobre a súa procedencia. O único dato que se recolleu na bibliografía é que “apareceu nun illote do río Ulla ó paso por Antas de Ulla, dentro dunha caixa de bronce ou ou cobre que non foi conservada”. Pero fáltannos por saber outros datos moi importantes. Xorden moitos interrogantes: Porque aparece ahí? Alguén sabe, onde se atopou realmente? Porque aparece nun illote? Alguén sabe algo deste colar?
En colaboración con Beatriz Comendador, profesora da Universidade de Vigo, queremos saber máis … como foi atopado… que se coñece ou que se conta sobre este achado…
Queremos tirar deste “fío de prata” para reconstruir un pouco máis a memoria deste tesouro, que forma parte da nósa propia memoria. Dicía Cunqueiro que os tesouros son “xente viva”, e que tamén poden ser “unha verba”, ou “un lugar”. Por iso queremos emprender esta procura acompañados de xente, verbas e lugares.
Se alguén pode dar algunha información prégase, chame ao telf 609760169 ou ao correo hgc9591@gmail.com
INSTITUTO DE ESTUDOS ULLOÁNS