Andanzas do Suso de Lameliña. O RAPOSHOME

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O RAPOSHOME

    

Crese que o primeiro raposhome, unha mutación do vulpes vulpes, tivo a súa orixe pola zona de Piornedo- Balouta, na serra dos Ancares.

Este ser entre raposo e home empezou a ser visto a finais do 2010 nas aldeas abandonadas desta zona da montaña luguesa e berciana.

Ao parecer habita nas casas que quedaron sen dono, levando unha vida, un tanto misteriosa, entre salvaxe e humana, e sempre agochándose cando alguén se aproxima polo seu entorno, sen apenas deixar pegada. Motivo polo cal é moi difícil que poida ser avistado.

A pesar diso, puido ser sorprendido en momentos puntuais, sobre todo de noite, neses intres no que o estado de vixilia dá paso ao de acougo e adormecemento dos sentidos. Os que o viron, descríbeno coma un raposo de pel moi fina, con cabeza humana, camiñando a catro patas. Hai outros que aseguran que anda a dúas patas, cunha elegancia que chama a atención.

O que parece ser certo e o seu grande amor polos cemiterios. A xente do lugar está convencida de que ten trato co máis alá e que celebra xuntanzas cos defuntos. Aos sepulcros destes camposantos, onde nos últimos anos ninguén se achega, non lles faltan flores, que de cando en cando son renovadas.

Sospéitase tamén, por certos indicios, que os moradores dos citados cemiterios, se erguen pola noite dos sartegos e guiados polo raposhome, percorren a aldea e visitan os seus antigos apousentos.

Sexa como sexa, parece demostrada a súa existencia, e que desde hai uns dez anos, as casas das aldeas destas zonas, comezan a verse, como máis coidadas, con menos maleza no seu entorno, mesmo con certos arranxos e reformas. Incluso, apareceron algunhas leiras cultivadas con centeo, do que ninguén di ser propietario.

Haberá que seguir con atención a evolución dos acontecementos, pero non sería de estrañar cunha nova civilización, estivese dando os primeiros pasos. Ante a deserción dos vivos,  os mortos serían os encargados de tomar as rendas para sacar as nosas aldeas do alarmante estado en que se atopan. O raposhome, neste caso, sería unha especie de caudillo necesario para levar a misión a bo porto.