Andanzas do Suso de Lameliña. O FIADEIRO NA CASA DE SARA
O FIADEIRO NA CASA DE SARA
Aproximábase o Nadal, a noite era unha das máis xélidas do ano. Ao calor da lareira un grupo de veciños compartían as primeiras horas da noite, narrando historias de feitos acaecidos ou contos cheos de misterio.
—Pobre, Bríxida, alá vai. E aínda non era moi vella. Segundo a necrolóxica tiña 81 anos —comenta Remedios.
—Todos temos que marchar algún día. É lei de vida —engade Remixio.
—Vai, vai! Que falades, se non a podiades ver. Pero claro agora de morta todo son louvanzas —espeta Xervasio.
—Cala ho! Ti sempre coas túas andrómenas, non sexas tolo —recrimínalle Sara, a dona da casa, mentres mete máis leña ao lume—. Nin respecto tes polos mortos. Pero xa sabemos todas de que pé coxeas. E ti, Antón?, que dis, que estás aí moi calado? —continúa, dirixíndose a quen as malas linguas din que era o seu amante.
Bríxida vivía soa nas aforas da aldea e tiña fama de bruxa. Na contorna non había termo medio cando dela se falaba: ou a estimaban ou a detestaban. Ía para unha semana aparecera morta na súa casa. Un derrame cerebral, a causa.
—Non é por asustarvos pero onte cando me ía deitar petaron á porta. Fun abrir e era Bríxida —conta Antón, que ata entón estivera en silencio e como aloulado.
—É o que nos faltaba, que volvera de novo. Estache moi ben aló, bruxa do demo —murmura Remedios con desdén.
—Pero ti non eras a que te compadecías dela hai un bocado? —recrimímalle Xervasio—. Ao final tiña razón eu. Cando un morre todo son loas.
—Chis, chis! —suxire Dosinda, a filla do Ferreiro—. Pareceume escoitar uns golpes na porta.
Un silencio sepulcral apodérase da estancia e todos permanecen en silencio. Ao cabo duns dez segundos escóitase claramente un forte golpe na porta.
—A ver, Antón, sae ti por se é esa bruxa —ordénalle Remedios.
Antón érguese do escano e de mala gana diríxese á porta no momento en que outro golpe fai estremecer a todos os presentes. Ao abrir a porta e non ver a ninguén bota os pés fóra e desaparece entre a néboa da fría noite, deixando a porta fechada, tras del.
O medo volve a pairar pola estancia e máis aínda cando de novo volve a soar outro golpe seco. Ninguén sabe o que facer, ata que Sara poñéndose en pé ordena con voz irada:
—Veña, xa está ben por hoxe. Cada un para a súa casiña, que mañá é día de garabullos. Deixádevos de tantas andrómenas. Bríxida está morta e ben enterrada.
Pero ninguén se atreve a dar o primeiro paso e saír. De repente un forte e inesperado refacho abre de golpe a xanela tirando ao chan o candil de gas e prendendo fogo no local.
—A vinganza de Bríxida, a vinganza de Bríxida —comeza a berrar Xervasio, ao tempo que solta unhas gargalladas que meten medo.
Conseguen aplacar o lume baleirando uns caldeiros de auga que había ao pé da lareira. Xervasio non para de rir, mentres colle camiño da porta e sae da casa sen máis. Pero aínda ben non sae escóitase de novo outro golpe.
A dona da casa, que xa comeza a estar farta, achégase á porta e abríndoa ordena que cadaquén lisque de inmediato, se non queren que colla unha xostra con todos. E foi nese intre cando aparece Bríxida cun vergallo na man, ameazante:
—A ver a vosa valentía. Veña, Remedios, que dis agora?
Tras dela veñen Antón e Xervasio rindo ás gargalladas. A do vergallo non era Bríxida, era Filomena do Cura, íntima da finada que quixo gastarlles unha broma. Ao descubrir a entroidada bótanse a rir e sen máis demora marcha cada un para a súa casa, co medo aínda no corpo.
Ao día seguinte a mofa na aldea, xa pode cadaquén imaxinar, foi das que marcan época. Aínda hoxe, de vez en cando, sobre todo cando se achega o Nadal, lles lembran aquela noite. Por certo, Remedios non volveu botar máis pestes contra Bríxida. O medo seica é libre.