7º Convivio da Cultura Galega. Quico Cadaval este sábado, ás 16 hrs, con “O complexo de Edipo”, na Casa-Museo Manuel María
A Federación Galiza Cultura e a Casa-Museo Manuel María organizan para este sábado, 26 de setembro, unha nova edición, a sétima, do Convivio da Cultura Galega, en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Dentro da xornada, ás 16 hrs, está programada, en principio na horta da Casa-Museo, unha actuación de Quico Cadaval que levará a cabo a narración oral “O complexo de Edipo”. Un espectáculo que comezou como un comentario de texto escolar para acabar convertido nun diálogo imaxinario do narrador coa sua nai sobre o mito de Edipo e o triste destino da familia real de Tebas (Grecia). Gastronomía! Épica! Alta Cultura! Mexericos! Psicanálise! Noticias sorprendentes sobre a monarquía española! Todo en 71 trepidantes minutos, nun monólogo traxi-ridículo.
Esta actividade, dirixida para público adulto, é de entrada libre mais é necesario facer previamente reserva que se poderá realizar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621, xa que para manter as medidas preventivas da COVID-19 o número de prazas para presenciar o espectáculo é menor.