Esta fin de semana, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, inaugura o seu Programa de Sala coa estrea absoluta de ‘Mulleres que viven soas #MQVS’, o sábado 5 de outubro, ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo.
Neste 2024, o FIOT establece unha alianza con Berrobambán, unha das compañías máis consolidadas do panorama galego, para esta estrea na que se integran dous dos eixos constantes do noso festival, a narración oral e a temática feminina. A autora da obra é Paula Carballeira, Xograresa de Outono do FIOT, que recentemente sumou aos seus numerosos galardóns o Premio Nacional de Literatura Dramática.
As mulleres que viven soas sempre foron sospeitosas. Tres mulleres son as protagonistas, as tres bruxas de Macbeth na peza de Shakespeare. Tres bruxas que encarnan os males deste mundo e que nos serven de referencia para rirnos da diferenza entre como nos ven (ou nos contan) e como nos sentimos nós dentro das nosas casas. Xa se sabe, as bruxas, coa súa teima de liberdade e de coñecemento, asustan.
A orixe deste proxecto é unha sesión de contos de Paula Carballeira que, posteriormente, medraría cunha serie de podcast que recollen experiencias e retratos íntimos de mulleres Agora convértese nunha comedia híbrida entre o teatro documental, a standup comedy e o teatro isabelino interpretado por Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo, tres das contadoras de historias máis relevantes do país, que darán voz e corpo a historias reais e personaxes femininas de ficción.
Antes, o mesmo sábado 5, contra ás 13.00h, terá lugar a primeira sesión deste 2024 de Onda FIOT, Escola do Espectador nas Ondas. Deste xeito, regresan as conversas escénicas e culturais cos equipos artísticos dos espectáculos programados no FIOT. Cada sesión, arredor dun café ou vermú, ten entrada libre e estará guiada por un xornalista especializado. As entrevistas son gravadas en vivo para ser logo escoitadas á carta en ww.fiot.gal, en formato podcast, sempre que o público o desexe. A primeira sesión xirará ao redor de Mulleres que viven soas #MQVS e narración oral, coaparticipación de Paula Carballeira, María da Pontragha, Vero Rilo, Avelino González e Cándido Pazó. Moderan os xornalistas Dani Galindo e Raúl Losánez. Será no Pazo da Cultura de Carballo (andar 0, Salón Social), con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
Ademais, a Praza do Concello de Carballo será testemuña a tarde deste venres, 4 de outubro, da función para toda a familia da compañía Pedras de Cartón ‘Moby Dick’. Ismael, un mozo que embarca nunha baleeira para enfrontarse a perigosas aventuras, atoparase cunha balea, un enorme cachalote de tres metros. ‘Moby Dick’ é unha adaptación libre e esteticamente espectacular da obra clásica de Herman Melville. Montado sobre un triciclo autónomo, a figura deste animal mariño moverá o seu corpo, abrirá e pechará os ollos, e incluso expulsará auga, creando un xogo dinámico e interactivo co público. Pedras de Cartón presenta o seu novo espectáculo de rúa, sen apenas palabras, onde a comedia e unha posta en escena impresionante capturan a esencia dunha historia que atrapa a toda a familia. A compañía é recoñecida pola adaptación de clásicos da literatura ás novas linguaxes e estéticas, para achegar o teatro clásico aos máis novos, polo que obtiveron a Mención Especial no Festival de Almagro e varios nomeamentos aos Premios María Casares.
Pola súa banda, a Rúa dos Contos regresa aos bares de Carballo este mesmo venres, cunha dobre sesión:
‘Contos entre cordas’ (ás 21.00h no Casino 1889): Como reunir nun palco a unha narradora galega e a unha arpista francesa? Cal é a relación entre Claude Debussy e San Andrés de Teixido? O vínculo entre as rosquillas e a música romántica, entre a tradición oral galega e o repertorio da arpa clásica, entre os contos e as cordas. Percorreremos un mesmo camiño na busca dun lugar común entre as nosas dúas formas de expresión. Entre a palabra de María da Pontragha, antropóloga e contadora de historias que sempre pon o acento na cultura das xentes de aldea como parte do realismo máxico da Pontragha, e a música de Bleuenn Le Friec, recoñecida arpista bretoa e galega de adopción.
‘Instruccións para tomar café’ (ás 23.00h, no Cafe Colón): Retratos debuxados con humor e retranca onde a bondade e a mesquindade, o éxito e o fracaso, o real e o imaxinado conviven en perfecta desharmonía. Esta escolma de historias que falan de nós, os humanos imperfectos que somos, está inspirada nos relatos de Instrucións para tomar café de Manuel Núñez Singala. O contador de historias Carlos Rebolo, que leva anos arrincando sorrisos e reflexionando desde o escenario, estrea na nosa Rúa dos Contos o seu novo espectáculo, disposto a facernos rir de nós mesmos e reflexionar sobre a vida ou, polo menos, sobre como tomar café.
A terceira cita da fin de semana coa Rúa dos Contos será mañá, sábado 5, cun concerto de Carta de Axuste, onde tocarán a xeito de parodia O mellor e peor dos 80 e 90 (ás 23.00h, na Taberna O Patacón).
Finalmente, da man de Camiño Escena Norte, o FIOT33 acollerá, o domingo 6 de outubro, ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, a función de Estefanía de Paz Asín ‘Olvido Flores’, dentro do OTNI (Obxecto Teatral non Identificado), coas últimas entradas dispoñibles a través da plataforma Atquilla:
En xullo de 1936 o Circo Anastasini chega a Lodosa, en Navarra, e os seus membros desaparecen sen deixar rastro. Din que algúns foron fusilados e que o resto se viron obrigados a entreter á tropa. ‘Olvido Flores’ conta unha historia de amarga beleza, poesía, circo e guerra; unha homenaxe á memoria e ao recordo. Estefanía de Paz rescata relatos que cobran vida a través de obxectos convertidos en personaxes que contan o que pasou naquela escura noite, iluminando a súa historia, a nosa historia. A intérprete e creadora é unha artista multidisciplinar que combina o seu traballo con outras compañías coas súas creacións propias.
Os bonos do Programa de Sala estarán dispoñibles ata este venres 4 ás 23.59 h.
O sábado 5 ás 12.00 h poñeranse á venda en Ataquilla as localidades que quedaran sen adquirir para as 8 funcións de sala.
A estrea absoluta da obra terá lugar este sábado, 5 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, como apertura do Programa de Sala desta 33ª edición do FIOT.
Neste 2024, o FIOT establece unha alianza con Berrobambán, unha das compañías máis consolidadas do panorama galego, para esta estrea na que se integran dous dos eixos constantes do noso festival, a narración oral e a temática feminina. A autora da obra é Paula Carballeira, Xograresa de Outono do FIOT, que recentemente sumou aos seus numerosos galardóns o Premio Nacional de Literatura Dramática.
As mulleres que viven soas sempre foron sospeitosas. Tres mulleres son as protagonistas, as tres bruxas de Macbeth na peza de Shakespeare. Tres bruxas que encarnan os males deste mundo e que nos serven de referencia para rirnos da diferenza entre como nos ven (ou nos contan) e como nos sentimos nós dentro das nosas casas. Xa se sabe, as bruxas, coa súa teima de liberdade e de coñecemento, asustan.
A orixe deste proxecto é unha sesión de contos de Paula Carballeira que, posteriormente, medraría cunha serie de podcast que recollen experiencias e retratos íntimos de mulleres Agora convértese nunha comedia híbrida entre o teatro documental, a standup comedy e o teatro isabelino interpretado por Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo, tres das contadoras de historias máis relevantes do país, que darán voz e corpo a historias reais e personaxes femininas de ficción.
Adxuntamos imaxes (fotógrafa: Vanessa Rábade: https://we.tl/t-XeSgDvT15a) e audios de dúas escenas do espectáculo, ademais de fotos da rolda de prensa celebrada esta mañá, na que participaron o equipo artístico da obra e máis o director do FIOT, Alberto Sueiro; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e a cncelleira de Culturade Carballo, Maruxa Suárez.
Na seguinte ligazón é posible consultar a información práctica da estrea de ‘Mulleres que viven soas #MQVS’ no FIOT:
Sobre “Contos para acabar con algún medo”, Paula Carballeira dinos que primeiro temos que saber como é o medo: grande ou pequeno, dos que aparecen cando non hai ninguén ao teu carón, dos que lle gustan a escuridade, dos que prefiren dar sustos… Para cada medo hai un remedio, e mesmo hai remedios que valen para todos: a risa, a música, a luz, mirar o medo cara a cara, fronte a fronte, directamente aos ollos. Cando pensamos que perdemos a valentía nalgures, os contos axúdanos a recuperala. Só hai que lembrar o que lles aconteceu ás e aos protagonistas destas historias, non moi lonxe de aqui, non hai moito tempo.
Canto a “Mulleres que viven soas”, Carballeira sinala que as mulleres que viven soas son sospeitosas. Sospeitosas de amargura, de escuridade, de intencións ocultas. As mulleres que viven soas son bruxas. E, xa se sabe, as bruxas, coa súa falta de pudor e de límites, coa súa teima de liberdade e de coñecemento, asustan. Nesta sesión de contos, as mulleres que viven soas son as protagonistas. Como na vida, provocarán tenrura, repulsión, admiración ou medo. Son a memoria dalgúns dos nosos temores e das nosas esperanzas.
Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621 e estar dispostos a que alguén nos conte unha historia. O billete para a primeira función é de 2 euros e para a segunda é de 5 euros.
Paula Carballeira dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral desde 1994. Foi convidada aos principais festivais de narración oral tanto nacionais como internacionais ( Portugal, Brasil, Francia, Chile, Ecuador, Perú, Colombia,Cabo Verde, Arxentina, Costa Rica, México….). Participou en diversos programas da TVG (Viradeira, O clan dos impostores, Libro de familia, Apaga a luz, A noite en branco, Pequeno Hotel, O rei da comedia, Rías Baixas, Máxima Audiencia, Contando estrelas, Pepe o inglés) e ten colaborado en diferentes espazos da Radio Galega (Xamón,xamón, A taberna da galega). Membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996, coa que coordinou a programación infantil ASTEROIDE B-612 que se desenvolveu nos concellos de Santiago de Compostela e no de Ferrol. Ademais dun traballo continuado en Berrobambán, participa como actriz ou directora en propostas ocasionais doutras compañías. Por exemplo, foi a máxima responsable dos espectáculos de Talía Teatro Mundos contados, Pequena e Rosa Caramelo e outras historias; dirixiu e interpretou a montaxe do Centro Dramático Galego para público infantil A cabana de Babaiagá, e protagonizou Desde a sombra/Bufóns e Pallasos para a compañía Magrinyana. Tamén é autora de máis de trinta libros publicados e traducidos a diferentes idiomas: castelán, inglés, portugués, alemán, turco, coreano, italiano, éuscaro, catalán…, algúns deles distinguidos cos premios: Lecturas, White Raven, Isaac Díaz Pardo, Manuel María de Literatura Dramática Infantil ou o Frei Martín Sarmiento. Entre eles destacan: Mateo (Kalandraka, 1999), Paco (Kalandraka, 2000) Premio Lecturas 2001, Correo Urxente (EDB, 2002) Premio Lecturas 2003, O ganso pardo (Edelvives, 2002; Palabras del Candil, 2013) , A era de Lázaro (Galaxia, 2004), Smara (Kalandraka, 2006), White Raven e Premio Isaac Díaz Pardo, Boas Noites (Edicións Xerais, 2007) e O refugallo (Xerais, 2013) ambos gañadores do Manuel María, finalistas dos premios AELGA e nominados aos María Casares do teatro galego, Contatrás II-I (Edicións Positivas, 2012), O principio (Kalandraka, 2012), A burra Ramona (Baía, 2013) premio frei Martín Sarmiento 2016, Misterios (ASSITEJ, 2015) Finalista do Premio ASSITEJ de Textos Dramáticos, Bruxa e familia (Santillana, 2017) incluído na Lista de Honra da OEPLI ou Somos os Monstros (Xerais, 2019) Premio Manuel María. Ademais escribiu libros de Lecturas Escolares para a editorial Anaya como Alicia sabe voar, Voces no sumidoiro ou Aldara na lúa entre outros.