O documental “Envino veritas: Galicia del terroir al natural” premiado no Most Festival
Un documental sobre o viño do Ribeiro e Valdeorras, premiado no Most Festival
• Envino veritas: Galicia del terroir al natural está dirixido polo antropólogo do IPNA-CSIC Pablo Alonso González
• O documental xira arredor da emerxencia do movemento de viños biodinámicos e naturais nas rexións históricas do Ribeiro e Valdeorras
• A coruñesa Eva Parga Dans, tamén investigadora do IPNA-CSIC, participa na realización e na idea orixinal do documental
A longametraxe Envino veritas: Galicia del terroir al natural, dirixida por Pablo Alonso González alzouse co Premio ao Mellor Documental de Most, o Festival Internacional de Cinema do Viño que se clausurou este domingo, 13 de xuño, no Penedés. O galardón concedeuse ex aequo coa obra francesa Lâme du vin. O documental galardoado forma parte dunha triloxía sobre o viño en terras galegas que remata con este episodio centrado na emerxencia do movemento de viños biodinámicos e naturais nas rexións históricas do Ribeiro e Valdeorras.
Envino veritas estrutúrase a través de entrevistas con produtores e expertos que serven para afondar nos debates máis candentes sobre o viño e o uso de produtos químicos de síntese engadidos tanto no viñedo como na adega. A triloxía dirixida por Pablo Alonso complétase cos títulos Albariño Rías Baixas: de la tradición al mundo e mais El despertar del vino en Galicia: la vuelta al terroir.
O seu artífice, Pablo Alonso González, é científico titular do Instituto de Produtos Naturais eAgrobioloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas (IPNA-CSIC), con sede en Tenerife. Pablo Alonso ten un doutoramento e un mestrado en Estudos de Patrimonio pola Universidade de Cambridge (Reino Unido) e tamén é doutor en Historia pola Universidade de León. Publicou múltiples libros sobre antropoloxía do patrimonio cultural, arqueoloxía e teoría social e máis de 60 artigos internacionais sobre as devanditas temáticas. A investigación máis recente de Alonso González centrouse na cultura e patrimonio do viño no eixe atlántico, enfocándose en prácticas produtivas, de distribución e de consumo de proximidade, sostibles e naturais. A comezos de xuño foi seleccionado como un dos dez novos académicos de número da Academia Joven de España (AJE).
Binomio cinema-ciencia
Paralelamente á súa carreira investigadora, Pablo Alonso desenvolveu un perfil decomunicación científica pouco habitual que arrinca coa súa formación como cineasta na Scuola di Cinema de Roma. Esta faceta de divulgador científico está avalada polos sete documentais etnográficos ligados ás súas investigacións que foron presentados e distribuídos internacionalmente. Os seus tres primeiros documentais estreáronse na SEMINCI de Valladolid: Matavenero: el Pueblo Arco Iris (2012), Maragatería: una cor(e)ografía (2013) e El espejo de la memoria (2015). Da repercusión destes títulos dá conta o medio millón de visualizacións en YouTube de Matavenero e o pase en salas de cinema de Maragatería.
No 2014 realizou o documental de divulgación científica La Ponte: Ecomuseo. As súas tres últimas longametraxes agrúpanse na devandita triloxía do viño en Galicia. O ano pasado, como resultado de comunicación dun proxecto de investigación co Cabido de La Palma, viu a luz Vino de tea: patrimonio único de la isla de La Palma. Actualmente atópase en proceso de rodaxe de resultados de investigación en Tenerife con dous proxectos paralelos: Tenerife Wine e Todo sobre o guachinche.
Coautoría galega
A sadense Eva Parga Dans, tamén adscrita ao IPNA-CSIC, participa na realización e na idea orixinal do documental. A investigadora galega é licenciada en Socioloxía pola Universidade daCoruña e doutora en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela. Está especializada na socioloxía da innovación e socioeconomía do patrimonio cultural. Como investigadora posdoutoral, realizou estadías en Dinamarca, Madrid, Ecuador e Lisboa. Tamén participou como consultora do Ministerio de Educación español para a avaliación do impacto social e económico de Altamira como Patrimonio da Humanidade (2013). Na actualidade é investigadora posdoutoral no IPNA-CSIC e os seus estudos céntranse no sector do viño, analizando os procesos de calidade da produción, a saúde e a etiquetaxe e a súa conexión co consumo en España e Portugal.
• Pablo Alonso en IMDb: https://www.imdb.com/name/nm9620011/
• YouTube de Pablo Alonso: https://www.youtube.com/c/PabloAlonsoGonzálezVideo
• Pablo Alonso en ResearchGate: https://www.researchgate.net/profile/Pablo-Gonzalez-47
Sobre o Instituto de Produtos Naturais e Agrobioloxía
O Instituto de Produtos Naturais e Agrobioloxía (IPNA), con sede en Tenerife, forma parte da rede de centros de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación. Pola súa natureza como centro multidisciplinar, a actividade do IPNA abrangue dende a investigación básica ata o desenvolvemento tecnolóxico e céntrase nas áreas das ciencias químicas, agrobiotecnoloxía, volcanoloxía e biodiversidade.
*Información facilitada polo Departamento de Comunicación do IPNA-CSIC