MONDOÑEDO é POESÍA (virtual) 2020. MONDOÑEDO é… LUZ
MONDOÑEDO é POESÍA (virtual) 2020
MONDOÑEDO é… LUZ
1 de maio, 16.00h.: https://www.facebook.com/mondonedoe/
A sétima edición do recital poético-musical Mondoñedo é poesía vai ser, ten que ser por forza, virtual. Será como sempre foi, o 1 de maio, Día das Quendas, mais desta as rúas, prazas e auditorios mindonienses teremos que imaxinalos, cadaquén acomodado alí onde se confinen as nosas vidas pero coa certeza de que os versos e as músicas que nos van ofrecer máis de dúas ducias de poetas veñen repositivados de alivio e boa saúde.
Nunca imaxinamos un recital nun escenario infectado de todas as ausencias, nunca que se lles negase aos versos, como en tantas ocasións nas edicións pasadas, o aplauso entusiasta dunha audiencia fiel e numerosa á que lle estaremos por sempre agradecidos. Poden estar seguros que ningún virus, nin este Covid-19 nin outro capaz de enfermar o mundo, poderá matar a poesía.
MONDOÑEDO é… LUZ
Esta edición vai dedicada a Luz Pozo Garza, in memoriam
Luz Pozo Garza quixera estar e estivo dalgunha maneira no Mondoñedo é poesía 2015. Daquela, dous días antes da data, unha circuntancia persoal impediullo. Agora, tamén en vésperas como en 2015, un contratempo acontecido o pasado día 20 de abril quixo interpoñerse e negarlle a Luz Pozo a posibilidade de acompañarnos.
Desta, equivocouse o deus do destino. Luz, que é e sempre será poesía, vai estar na nosa memoría, vai ser a Luz que ilumine intensamente esta edición tan extraña e insospeitada.
MONDOÑEDO É POESÍA (VIRTUAL) 2020
Neste edición interveñen 26 creadoras e creadores, poetas e músicos como Iolanda Aldrei, Chus Amieiro, Caxigueiro, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Miriam Ferradáns, Antonio García Teijeiro, Montserrat González, Mª Xosé Lamas, Martiño Maseda, Rebeca Maseda, Juan Carlos Mestre, César Morán, Carlos Negro, Olga Novo, Toño Núñez, Lois Pérez, Henrique Rabuñal, Baldo Ramos, Manuel Rivas, Iván Siso Calvo, Lorena Souto, Paloma Suanzes, Eva Veiga, Eduard Velasco e Ana Vila Portomeñe.
AGRADECEMENTOS
Acompañarán as lecturas dos poemas e interpretacións musicais, imaxes coa lembranza dos carteis e publicacións que ilustraron as seis edicións anteriores en agraecemento aos colaboradores gráficos Alicia Puchades, Caxigueiro, Nachok, Ernesto González Torterolo, Xosé Vizoso, Antón Caxoto e J. Pedro Gómez.
E tamén servirá de agradecemento ao profesorado e alumnado da escola Municipal de Música ‘O Pallarego’, ao do CEIP Álvaro Cunqueiro e ao do IES San Rosendo que sempre se volcaron no deseño e montaxe dos marabillosos ‘tendais de poesía’, a Luz Galocha, Mª Paz Rodríguez Silva e Francisco Piñeiro, pola entrega amiga e xenerosa, á Asociación As San Lucas e aos máis de cen nomes de homes e mulleres que nos regalaron o seu talento nestas 7 edicións de Mondoñedo é poesía, que este ano, quere ser, vai ser, será por sempre, sobre todo, LUZ.
Data de emisión: venres, 1 de maio, ás 16:00h.
Canle: https://www.facebook.com/mondonedoe/
Colectivo Mondoñedo É…
Mondoñedo, 30 de abril de 2020