As bandas galegas Moito! e Habitación Vudú abrirán o concerto de Placebo en Ourense

As bandas galegas Moito! e Habitación Vudú abrirán o concerto de Placebo en Ourense


A banda británica de rock alternativo actuará o 26 de agosto en Galicia, no que será un dos únicos tres concertos que os de Brian Molko ofrezan en España no marco da xira ‘Never Let Me Go’

As entradas para o directo de Placebo, que terá lugar en Expourense, están dispoñibles a través da plataforma web www.ataquilla.com

As bandas galegas de indie pop-rock Moito! Habitación Vudú abrirán o concerto de Placebo en Ourense este verán. A mítica troupe británica de rock alternativo actuará en Galicia o 26 de agosto, no marco da programación musical do Xacobeo 21-22. A cita, que terá lugar en Expourense, será a única parada que a banda de culto británico faga este verán en territorio galego no marco da súa xira internacional Never Let Me Go. 


O directo de Placebo en Ourense, un dos eventos de referencia dos www.concertosdoxacobeo.gal, comezará ás 22.30 horas, mais apertura de portas en Expourense o 26 de agosto terá lugar ás 20.00 horas. Así, a partir das 20.30, sucederanse os directos das bandas galegas. A primeira que subirá ao escenario será Moito!, nunha sesión na que o grupo indie de A Pobra do Caramiñal dará a coñecer os avances do seu álbum debut que se publicará este mesmo ano. A continuación, chegará a sonoridade rock dos ourensáns Habitación Vudú, que presentarán algúns dos temas dos seus EP Flores Falsas En el aire.

As entradas para o evento en Ourense (a única cita que a banda ofreza este verán en España fóra dun festival, xa que as outras dúas serán marco do Mad Cool e BBK Live) están dispoñibles na plataforma web www.ataquilla.com, cun prezo de 40 euros máis gastos de xestión. Ademais, a organización do concerto (as promotoras Thinking Up Events e Escena Sonora) pon a disposicición do público un paquete turístico exclusivo para fans de Placebo baixo o nome Rock & Relax, que inclúe, ademais da entrada ao evento, o aloxamento no Hotel Balneario de Laias, o transporte en tren de ida e volta desde Madrid ou os traslados para gozar de excursións singulares a dúas das xoias patrimoniais e vitivinícolas da rexión: Ribeira Sacra e O Ribeiro. Este paquete, posto en marcha coa colaboración de Offitravel, ten como finalidade favorecer o tránsito de seguidores da banda desde Madrid á vez que se ofrece a posibilidade de coñecer de primeira man espectaculares localizacións como o mosteiro de Santo Estevo ou mesmo os cañóns do Sil mediante unha viaxe en catamarán. 


SOBRE PLACEBO

Placebo é unha das bandas de rock alternativo imprescindibles dos últimos 25 anos, con máis de 13 millóns de álbumes vendidos en todo o mundo até o día de hoxe. O seu disco debut homónimo supuxo un fito no cambio de rumbo da música británica dos 90: a súa antítese do britpop serviu de inspiración a toda unha xeración de músicos que seguiron o seu camiño. Con cinco discos posicionados entre os dez mellores do Reino Unido, Placebo acadou un lugar privilexiado na historia da música británica. A troupe colaborou con lendas como David Bowie, Robert Smith, ou Michael Stipe, e durante máis de dúas décadas realizou xiras multitudinarias, conseguindo pendurar o cartel de entradas esgotadas e copando as cabezas de cartel dalgún dos festivais máis prestixiosos a nivel mundial. Neste 2022, a banda visita Galicia no marco da xira de presentación do seu novo disco, Never Let Me Go. A cita será un dos pratos fortes da programación musical do Xacobeo 21-22 (www.concertosdoxacobeo.gal) deste verán. 


SOBRE MOITO!

No ano 2018 publican o seu primeiro EP, Ingravidez, producido por Luis Antelo. Coa súa sonoridade indie e espírito underground con influencias do britpop e rock clásico dan o salto a medios de comunicación de ámbito estatal. Desde entón, a banda conformada por Felipe Castro (voz e guitarra), Diego González (guitarra), Juan Ciego (baixo) e Diego Guillín (batería) xira por numerosos concursos e eventos e publica un novo EP: Ingeniería inversa. Neste 2022 preparan o lanzamento do seu primeiro LP, producido por Carlos Hernández Nombela, do que xa se coñecen temas como ‘Bootstrap Paradox’ ou ‘Dragones’. 


SOBRE HABITACIÓN VUDÚ

Desde A Limia chega a sonoridade fresca, auténtica e de alma rockeira de Habitación Vudú. Na primavera de 2015 gravan o seu primeiro EP, Flores Falsas (contando coa produción de Luis Antelo e a colaboración do músico Pablo Novoa) e, no verán seguinte, abren o concerto de The Gift en Montalegre (Portugal), ademais de deixar a súa impronta no cartel do festival Cultura Quente de Caldas de Rei. No 2018 a banda conformada por Jose Freiría, Rubén Seoane, Justo Freiría e Richi Roales lanza o seu segundo EP, En el aire, co que actúa en Portamérica ou Festival de La Luz, entre outras citas.

20220629-NP-Moito-e-Habitacion-Vudu-con-Placebo