Culturalia GZ presenta “Proxecto IRMÁS” para a conmemoración do 8 de Marzo
Para conmemorar a data do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Culturalia GZ promove a presentación do Proxecto IRMÁS, onde 8 destacadas voces femininas contemporáneas galegas reivindican a outras 8 mulleres (irmás), que sobresaíron no primeiro terzo do século XX, aínda que, por causa do convencionalismo patriarcal imperante, viron obstaculizada a súa difusión como figuras salientables no eido de distintas disciplinas profesionais (artes, ciencia…) na Galiza.
En palabras de Beatriz Dourado, coordinadora deste proxecto, no que tamén participa: IRMÁS nace como unha xenealoxía feminina en clave 8/8 -tendo presente o 8 de marzo- que pretende reivindicar a figura de mulleres pioneiras na Galiza de 1916-1936, vencelladas ás Irmandades da Fala, a través da escrita e a ilustración de autoras galegas contemporáneas.
As voces participantes neste Proxecto IRMÁS e as personalidades ás que homenaxean aparecen na seguinte relación:
EILÚN DEL PAZO MOA – AMALIA ÁLVAREZ
BEATRIZ DOURADO – OLIMPIA VALENCIA
CECILIA FERNÁNDEZ SANTOMÉ – MARÍA LUZ MORALES
MÍRIAM FERRADÁNS – MARÍA MIRAMONTES
ROCHI NÓVOA VÁZQUEZ . ELVIRA BAO
PATRICIA TORRADO QUEIRUGA – JACINTA LANDA
LUPE BAO – AMPARO LOPEZ JEAN
TAMARA ANDRÉS – TERUCA BOUZA
Esta presentación virtual, que se realiza a través da web Culturalia GZ e mais nas súas RRSS, supón o adianto dunha publicación en formato plaquette, que frutificará en datas vindeiras, co gallo de estender máis aló da simboloxía que supón cada 8 de Marzo de conmemoración do Día da Muller, e asemade reivindicar o recoñecemento que merecen e que lles foi usurpado a esas personalidades femininas relevantes e coetáneas da etapa das Irmandades da Fala.
En canto á edición en papel deste libro, vaise contar coa arte de Adolfina Mesa para a realización ex professo da imaxe da portada, co ánimo de que sexa representativa do contido global desta breve mais intensa obra.
Velaquí o vídeo que serve de presentación de Proxecto IRMÁS