As obras que se presentarán son Cartografía dos tránsitos, de Maurizio Polsinelli, que acadara o primeiro premio, e Caeiro, de Mercedes Rodríguez Bolaño, gañadora do segundo premio. Ámbalas dúas editadas baixo o selo de TrisTram.
No acto, ademais das persoas autoras das obras, participarán tamén Armando Castosa, alcalde de Cospeito, María José Paredes, concelleira de Cultura de Cospeito, Inés Lozano, presidenta da Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, e Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ.
Durante a celebración do evento tamén haberá música ao vivo co dúo 2naFronteira, integrado por Mauizio Polsinelli, ao piano, e a voz de Carmen Penim.
O pasado mércores, 22 de novembro, o xurado formado por Armando Requeixo, Xosé Otero Canto e Maurizio Polsinelli acordou por maioría de votos o seguinte fallo:
1º PREMIO para Xurxo Alonso García, pola obra “Non deixedes na mesa nin leite nin pan”, da cal o xurado destacou que é un poemario onde a palabra xorde como unha fervenza que escorrega polo regueiro da ausencia.
2º PREMIO para Paulino Peña Álvarez, pola obra “Vaira e Cristal”, da que dixo o xurado que se trataba dun poemario en verso breve que destaca pola capacidade de entregar ao lector unha memoria aínda intacta de vivencias pasadas, grazas tamén á eficacia dunha linguaxe culta e refinada.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro 2 de decembro, a partir das 12 h., no local social de Pino.