E quedou como finalista a obra DA CARNE, de Rafael Lobelle González
Reunión do xurado en Cospeito
O IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, convocado polo Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras. O xurado de dito certame, composto por Beatriz Dourado, Adolfina Mesa. Armando Requeixo, Patricia Torrado Queiruga e Xosé Otero Canto, actuando como secretario, con voz mais sen voto, Martiño Maseda, reuniuse este sábado 6 de novembro de 2021 no salón de plenos do Concello de Cospeito e, despois dunha longa deliberación, valorando entre as 32 obras presentadas, fallou por maioría de votos conceder o primeiro premio da categoría de 18 anos en diante á obra CONTRA-TEMPOS, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, corresponde a Andrea Fernández Maneiro, de Vilagarcía de Arousa, por “tratarse dun poemario moi equilibrado, cunha voz poética potente e conmovedora, que outorga visibilidade a unha temática tan silenciada como é a da saúde mental”. E o segundo premio recaeu na obra DA CARNE, cuxo autor é Rafael Lobelle González, de Chantada, porque, tendo en conta o criterio do xurado, “estamos ante unha poesía escénica, ben estruturada, que se abre a diferentes dimensións e interpretacións, destacando a riqueza cromática no xogo das palabras”. A categoría de menores de 18 anos quedou deserta por ausencia de participación. A entrega de premios está prevista para o vindeiro sábado 13 de novembro de 2021, no local social de Pino, lugar onde se sitúa a Torre de Caldaloba.
O sábado 30 de outubro de 2021 ás 18,00 h, no salón de actos do Centro Sociocultural de Monterroso, terá lugar a presentación do quinto número da revista Cairón, Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns.
Na presentación, que está integrada na programación da Feira de Santos, intervirán Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso; o xornalista Daniel Salgado, director de Cairón; Francisco Pardo, director do IEU; o xornalista Fernando Salgado; e os poetas Martiño Maseda e José Carlos Ulloa.
Tamén haberá presentacións por outras localidades. Concretamente, en Palas de Rei será o domingo 7 de novembro pola mañá e en Antas de Ulla o sábado 13 de novembro pola tarde.
Despois da súa deliberación decidiron conceder os seguintes premios:
Categoría 1ª (menores de 18 anos)
Primeiro Premio: OUTUBRO EN DOUS ACTOS, de Paula Domínguez Barreiro, polo excelente traballo cunha riqueza lingüÍstica e acertado uso de recursos estilísticos. A calidade reflíctese nese coidado trato dos fonemas para ir ganduxando versos dun intimismo e unha sensibilidade extrema.
Segundo Premio; DERRADEIRO ADEUS, de Marina Montenegro Jamardo, un poemario con versos sinxelos, tratándose dunha poesía realista, mais cunha carga emocional que esperta as emocións e a empatía cara á persoa autora. Hai tema presente en todos os versos que son a dor e a tristura que provoca un adeus. Cando amamos de verdade, ninguén está vacinado nin hai a apócema para unha despedida.
Categoría 2ª (de 18 anos en diante)
Primeiro Premio: HERDAR A FALA, de Patricia Torrado Queiruga, un poemario de matiz intimista, que reflicte a dor e identifica un herdo culturalmente definido. Ao tempo que amosa de xeito ambigüo unha ferinte ausencia do fillo. Coa composición de estrofas brutais ante unha realidadedesacougante.
Segundo Premio: UNHA TEORÍA PARA OS ESPECTROS, de Abraham Pérez, porque expresa un posthumanismo, nun xogo de figuras humanas que designan correntes de pensamento. Xuízo á nosa cultura, onde convida a non xustificar os mortos da historia nunha revolución social e política, transformación da pobreza agochada e de identidade humana.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado 19 de decembro, a partir das 18h, no local social de Pino (Cospeito).
Onte pola tarde no Museo das Aves Cospeito, nun ambiente agradable, que cumpría as medidas sanitarias determinadas por causa da pandemia que estamos a padecer, celebrouse o acto de presentación das obras gañadoras do II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA: “Hora de penumbra“, de Xurxo Alonso, e “De casa queimada“, de Iria Collazo López. Con representación do Concello de Cospeito, na persoa do seu alcalde, Armando Castosa, da Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, a través da súa presidenta Ines Lozano Carral, de Alvarellos Editora, o seu director Henrique Alvarellos, de Culturalia GZ, o seu administrador Martiño Maseda, chegou o momento de desfrutar en formato papel e escoitar en voz recitadora o froito poético que o xurado considerou merecedor de galardón na segunda edición deste certame poético que se vai consolidando máis aló dos lindes da Chaira. Debido á ausencia por problemas de saúde de Iria Collazo López, enviou un texto que leu Martiño Maseda, ademais de recitar un par de poemas do seu libro “De casa queimada”.
Velaquí unha galería videográfica, facilitada por Quique Alvarellos, Ana Mar Fraga Rabade e Armando Requeixo, xurados nalgunha edición do certame e presentes no acto, no que tamén estiveron máis integrantes deliberadores/-as do citado xurado como Xosé Otero Canto e Adolfina Mesa. Un acto ameno no que, a pesar dos tempos pandémicos, se festexou a palabra poética que fai medrar a árbore literaria de Caldaloba.