Camiño Escena Norte 2023 bota o pano con danza en Lugo e Santiago
La bestia negra, da compañía asturiana Proyecto Piloto, representarase o venres 20 no auditorio lugués Gustavo Freire
Fronterizas, da compañía cántabra Mari Paula Danza & Performance, pechará a programación oficial do CEN o domingo 22 no Museo do Gaiás
Tamén o domingo 22, a Cidade da Cultura acollerá, o encontro ESADs en camiño, no que o alumnado da escola galega de arte drámatica se atopará coa bailarina e coreógrafa brasileira Mariana de Paula Ferreira
Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, botará o pano da súa quinta edición esta fin de semana. Será con funcións que terán lugar o venres 20 en Lugo, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, e o domingo 22 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura.
La bestia negra, da compañía asturiana Proyecto Piloto, e Fronterizas, da cántabra Mari Paula Danza & Performance, serán os espectáculos que pecharán esta fin de semana o circuíto de exhibición do CEN, nomeado Itinerario Constelacións. Logo de máis dun mes de percorrido, o programa cultural despedirase até o ano que vén das localidades galegas, mais non sen antes realizar novos encontros co público ao remate das funcións ou a segunda edición de ESADs en camiño, o espazo de conversa e encontro entre o alumnado galego da ESAD e as profesionais do sector.
A primeira das citas desta fin de semana chegará o venres 20. A compañía Proyecto Piloto presentará en Lugo La bestia negra, un espectáculo que pon sobre a mesa a histeria (do termo “hestera”, que significa útero) que, no seu día, “se consideraba como unha gran besta negra que atemorizaba a todos os médicos”, segundo a compañía. La Salpêtrière é hoxe en día un hospital máis de París, pero a finais do século XIX foi un lugar habitado por 4.000 mulleres que vivían entre a realidade do seu día a día e a representación teatral, exaxerada, exhibicionista e fotografada da súa suposta enfermidade: a histeria. “Esta obra é unha homenaxe a todas elas, pero tamén un intento de entendelas e, aínda máis, de querelas”, sinala Proyecto Piloto.
O espectáculo La bestia negra estrutúrase en tres partes diferentes nas que as mulleres que habitan a obra agardan a mirada. Na primeira parte, elas agardan a mirada de quen observa, ao igual que as mulleres de Salpêtrère agardaban pacientemente seren fotogradas. Na segunda, as intérpretes falan e dialogan entre elas e co público, esperando unha explicación que nunca chega como e cando contan. Finalmente, a espera culmina co recordo e a idealización dun pasado-futuro. Ao remate da función, celebrarase un encontro entre a compañía e o público, que contará coa participación e mediación de Paloma Lugilde, de Teatro Baixo da Area. As entradas pódense retirar no espazo web www.entradaslugo.es.
Ao día seguinte, o domingo 22, a acción escénica centrarase na cidade da Cultura, concretamente, no Museo do Gaiás. Fronterizas é unha obra autoficcional da bailarina, coreógrafa e xestora cultural brasileira Mari Paula (Mariana de Paula Ferreira) na que se abordan temas como a loita, o cansancio ou a aceptación do fracaso. Cunha estrutura narrativa non lineal, Fronterizas vislumbra un futuro a partir de anacos rotos do pasado e pecha, deste xeito, a triloxía integrada por Retrópica (2017), peza coa que acadou en Brasil o Premio Nacional de Danza – Funarte Klauss Vianna, e Devórate (2019).
A construción dramatúrxica rompe coa linguaxe e o corpo da artista para transportar ao público a unha experiencia na que a danza se fusiona co texto, coa luz e coa experimentación sonora, creando imaxes dunha beleza cativadora ateigadas de simbolismos e reflexións. “Fronterizasé unha obra decolonial, non polo seu discurso, mais si porque pon en escena un corpo transmundano que desexa desestabilizar as lóxicas da produción”, expón Mari Paula. Ao finalizar a función, Andrea Quintana e Gena Baamonde, da compañía galega VACAburra, porán o corpo e a voz para mediar o encontro co público, que xa pode reservar as súas entradas en ataquilla.com.
Previamente, Mari Paula participará nunha nova edición das actividades paralelas ESADs en camiño, o proxecto de colaboración e intercambio profesional e educativo coas escolas superiores de Arte Dramático de Galicia, Asturias e Euskadi (Dantzerti), e que permite por en contacto ao alumnado das ensinanzas artísticas coas compañías profesionais en xira co CEN. A intención de Camiño Escena Norte non é outra que tender pontes entre o campo educativo e a acción escénica profesional.
AXENDA CEN 2023 | VENRES 20 E DOMINGO 22
20/10/2023 | 20.30 horas. Auditorio Gustavo Freire (Lugo)
La bestia negra, de Proyecto Piloto (Asturias).
Función e, ao rematar, encontro co público.
22/10/2023 | 19.00 horas. Museo do Gaiás (Cidade da Cultura)
Fronterizas, de Mari Paula Danza & Performance (Cantabria).
Función e, ao rematar, encontro co público. Previamente, celebrarase o encontro ESADs en camiño.
VÍDEOS DOS ESPECTÁCULOS
LA BESTIA NEGRA (CLIP 1)
https://www.dropbox.com/scl/fi/u6m8w2iih0v60p831znjc/LA-BESTIA-NEGRA_clip.mp4?rlkey=ddyp4m49fdsyixab7iwti30ti&dl=0
LA BESTIA NEGRA (CLIP 2)
https://www.dropbox.com/scl/fi/mnudklapokpq1x1f5bp39/LA-BESTIA-NEGRA_clip_2.mp4?rlkey=362bmzdhy7esgazn4fm72yaoo&dl=0
FRONTERIZAS
https://www.dropbox.com/scl/fi/bz7r6fn1k2y2rg7qurgi6/Fronterizas-de-Mari-Paula.mp4?rlkey=4rg3w5pssm8aztja96qmxu5x3&dl=0