O Festival Atlántica, NOGA e Sete Falares celebran o Día Internacional da Narración Oral con espectáculos solidarios e un manifesto de Paula Carballeira
As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo co obxectivo de visibilizar e poñer en valor a arte de contar en galego
Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país nesta gran festa da narración oral
Aínda que Atlántica vaise a celebrar no verán, estes días xunta esforzos co festival Sete Falares de Pontevedra e co Colectivo Narración Oral Galega (NOGA) para situar no mapa dos manifestos e reivindicacións a lingua do país e ás historias que nos identifican. Así, coincidindo co 20 de marzo, data de celebración do Día Internacional da Narración Oral, as tres entidades están a preparar unha axenda ateigada de propostas contratadas por diferentes concellos en bibliotecas, teatros, auditorios e tamén sesións solidarias en hospitais e residencias da terceira idade.
A autoría do manifesto desta cuarta edición do Día da Narración en Galicia é de Paula Carballeira, recoñecida escritora, actriz, dramaturga e unha das pioneiras da narración oral do país. No seu texto convida a todos a contar e contarse, poñendo o foco na importancia de dar luz ás voces silenciadas, agochadas, perdidas. Un convite a ser parte da historia, a ser inmortal… “se queres”.
O manifesto xa está a ser distribuído en centros de ensino, bibliotecas e concellos e pódese compartir desde ás redes sociais do Festival Atlántica, Sete Falares e Noga. Tamén nas devanditas redes estará dispoñible o programa completo de actividades que se van desenvolver nos concellos de Ares, Arteixo, Carballeda de Avia, Barco de Valdeorras, Betanzos, Boiro, Cambados, Campolongo, Chantada, Dodro, Fene, Lugo, Mañón, Marín, Mazaricos, Meis, Moaña, Monfero, Monterroso, Mugardos, Muros, Narón, Oleiros, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Ribeira, Rubiá, Sandiás, Santa Comba, Santiago de Compostela, Soutomaior, Tordoia, Vigo e Ponte de Lima (Portugal).
Entre a vintena de artistas participantes figuran Aida Cobas, Alba de Vales, Amor Herrera, Ana Meilán, Ángeles Goás, Bea Campos, Brais das Hortas, Cándido Pazó, Carlos Rebolo, Charo Pita, Cris Collazo, Cris de Caldas, Inma Soto, Larraitz Urruzola, María Iglesias, Marta Ortíz, Monicreques de Kukas, Olga Abad, Pablo Díaz, Paco Nogueiras, Paula Carballeira, Pavís Pavós, Quico Cadaval, Raquel Queizás, Sole Felloza, Vero Rilo e Xabi do Camiño.
A ARTE MÁIS ANTIGA DO MUNDO
A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións nas que NOGA insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes. Por iso levan traballando dende os festivais e NOGA para visibilizar e poñer en valor o seu oficio situando a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.
No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz e celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.
20240315-Dia-Internacional-da-Narracion-Oral-20M