Caldo publica este venres 12 ‘Lugar A Ponte’, o seu álbum máis íntimo

O novo traballo discográfico do trío é unha proposta moderna e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas

Producido da man de Alberto Cernadas (crnds), ‘Lugar A Ponte’ mantén a esencia do Caldo orixinal, mais incorpora novas texturas e atmósferas á súa sonoridade

O disco, que leva o nome do lugar no que agromou o proxecto musical  e que procura á vez esbozar a idea de fogar, acompañarase dunha coidada edición física que incluirá dez láminas ilustradas por Marte Martinka e textos de Petra Porter

Lugar A Ponteo novo traballo discográfico de Caldo, verá a luz ás 00.00 horas deste venres 12 de maio nas principais plataformas dixitais. O segundo álbum do trío conformado por Anaïs Barbier, María Jorge e Pedro Fariñas é unha proposta íntima, moderna e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Con Lugar A Ponte, producido e gravado man a man con Alberto Cernadas (crnds), Caldo abre paso e reinvidica o seu espazo no panorama actual coma unha das agrupacións imprescindibles á hora de entender a renovación e posta en valor da música tradicional a través da experimentación sonora.

Lugar A Ponte é un disco profundo e persoal no que o trío comezou a traballar desde o confinamento para perfilar, durante tres anos, o traballo que mañá verá a luz e que leva por nome o fogar onde o propio Caldo agromou: o Lugar A Ponte, na comarca do Val Miñor. Neste álbum, dos que cinco temas son instrumentais, Caldo déixase levar a través doutras estéticas para que os seus temas tomen camiños imprevistos. O trío incorpora novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición-e inclúe no LP gravacións ao vivo coma nos seus inicios, nos temas – 36388, nomeada así en referencia ao código postal de Lugar A Ponte, ou Arroz, ovos e solís-.

Alberto Cernadas acompañou ás creadoras nun longo proceso no que integraron novas capas, á vez que procuraban estéticas marcadas para definir esta etapa, máis madura, honesta e cavilada. Entre as novidades deste traballo, salienta a escasa presenza da percusión, que só aparece a través da pandeireta en temas como Cáncaro d’abril -peza que abre o disco, e na que tocan o sacho- ou 36388

Alén do salto na produción en comparación co primeiro álbum, Caldo –gravado en directo-, outra das principais novidades con respecto daquel disco homónimo é que, alén da intervención ou adaptación de letras tradicionais, Caldo incorpora lírica propia en Lugar A Ponte. Son textos coidados que asina Anaïs Barbier, notas que se xuntan a outras que o trío reinterpreta para narrar as historias que falan dun momento de cambio, dun vínculo, dunha perda ou dunha relación. Son, ao cabo, episodios vitais que conforman un álbum que fala, dalgún xeito, das sensacións dentro do fogar, da procura dese lugar ou núcleo que se constrúe paseniño, da man da contorna máis próxima e querida. 

Colaboracións 

Ao igual que as melodías e as letras, Caldo tamén terma da presentación desde segundo LP ao contar coa colaboración doutras artistas. Alén da produción, gravación e mestura de Alberto Cernadas, que tamén é instrumentista (guitarras ou sintetizador) en Xuntas ou Outro lugar, o trío suma as colaboracións de German Díaz (zanfona en Arroz, ovos e solís), Luís Peixoto (mandolina en Chulinha das Cacharelas), Diego Alonso (saxo soprano en 36388) e Claudia Abril, Flor Díez e Marta Collazo (pandeiretas en 36388). Ademais, na coidada edición física do álbum, que verá a luz nas vindeiras semanas, Caldo conta co traballo da escritora e artista Petra Porter, responsable dos textos que contextualizan cada tema, e o da ilustradora Marte Martinka, quen é a autora tanto da portada como das ilustracións que acompañarán, en forma de lámina, todas e cada unha das dez pezas que forman parte deste Lugar A Ponte.  

Caldo

María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) son Caldo, o trío que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Premiadas co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ da Deputación da Coruña (2020), as creadoras de Caldo integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.

20230511-Caldo-publica-este-venres-12-o-seu-album-mais-intimo

‘Lugar A Ponte’, o novo disco de Caldo, publicarase o 12 de maio

O traballo discográfico, gravado e producido man a man con Alberto Cernadas (crnds), é unha proposta intimista e potente, ateigada de honestidade e na que o trío incorpora novas texturas e atmósferas á súa sonoridade

Este venres 28, a partir das 00:00 horas nas principais plataformas dixitais, Caldo dará a coñecer Cáncaro d’abril, o segundo adianto do seu novo LP

Lugar A Ponte. Así se chama o segundo álbum de Caldo, o trío conformado por María Jorge, Anaïs Barbier e Pedro Fariñas. O novo traballo discográfico do grupo, que verá a luz o vindeiro 12 de maio, é unha proposta moderna, íntima e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Un disco profundo e persoal no que comezaron a traballar desde o confinamento e que foron perfilando ata acadar, tres anos despois, un álbum que leva por nome o fogar onde  o propio Caldo agromou: o Lugar A Ponte, na comarca do Val Miñor. 

Producido e gravado man a man con Alberto Cernadas (crnds), con Lugar A Ponte Caldo avanza na procura e experimentación do seu universo creativo para incorporar novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición, e incluíndo gravacións ao directo coma nos seus inicios. Así, o produtor e instrumentista acompañou ás creadoras nun longo proceso no que se deixaron levar e integraron novas capas, á vez que procuraban estéticas marcadas para definir esta nova etapa, máis madura, honesta e cavilada. Alén do salto na produción -desde o primeiro álbum, Caldo, gravado ao vivo-, outra das principais novidades con respecto daquel disco homónimo é que, alén da intervención ou adaptación de letras tradicionais,Caldo suma, en moitos temas, lírica propia. Textos coidados e asinados por Anaïs Barbier, que se xuntan a outros que o trío reinterpreta para narrar, neste Lugar A Ponte, ashistorias ou episodios que conforman un álbum que fala, dalgún xeito, das sensacións dentro do fogar, dese lugar ou núcleo que se constrúe paseniño, da man da contorna próxima e querida. 

Logo da estrea o pasado día 21 do sinxelo O que fomosun tema que resulta sorprendente para o público ao rachar coa sonoridade habitual do grupo, e no que se pode vislumbrar as novas capas e texturas sonoras que acompañan o disco, este venres 28 Caldo dará a coñecer o segundo avance de Lugar A Ponte, nomeado Cáncaro d’abril. Trátase da muiñeira que abrirá o disco, e a súa melodía é un arranxo dunha ribeirana da aña de Gargamala, recollida por Xandre Outeiro e Guillerme Ignacio Costa ás informantes María e Lola da Coruñesa (Lugar do Barral), Carme de Marecelina, Rosa de Lisa e Lola do Coxo (Lugar do Barro).

O tema estará dispoñible desde as 00:00 horas do venres 28 nas principais plataformas dixitais. Coma xa aconteceu no primeiro sinxelo do álbum, Cáncaro d’abril tamén conta cunha portada ilustrada por Marte Martinka. Desta imaxe partirá tamén o vídeo propio do sinxelo, ateigado de ‘loops’ que xogan e dan vida aos elementos da ilustración concebida por Martinka.

CALDO

María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) son Caldo, un trío que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Premiadas co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ da Deputación da Coruña (2020), as creadoras de Caldo integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.

20230426-Lugar-A-Ponte-e-o-segundo-disco-de-Caldo