Presentación do libro LAREIRA DE SOÑOS na Casa-Museo Manuel María
Este sábado, día 8 de maio, ás 19 hrs, preséntase, na Casa-Museo Manuel María, o libro Lareira de soños, de Pastora Veres. A publicación é o testemuño documental da parroquia e das xentes dos Vilares (Guitiriz), lugar natal da escritora. Na presentación, a autora estará acompañada por un veciño do seu concello e residente en Narón, o escritor e crego Xaquín Campo Freire, Xaquín de Roca.
Lareira de Soños condúcenos a lugares que nos nutren, lugares onde temos as primeiras emocións, sensacións e experiencias universais únicas, sitios cos que temos unha conexión emocional profunda e as nosas raíces inalterables.
Lareira de soños son as historias cotiás dun pequeno mundo da Terra Chá. Historias de persoas fundidas coa terra e na terra, como as herbas dos prados nos que paceron os seus animais. Son momentos percorridos polas vidas deste pequeno universo chairego, que teñen en común con outras vidas doutros lugares do mundo, as angueiras e as calamidades coas que afirman que a vida é traballo e loita.
Son tamén relatos sobre a experiencia das persoas máis novas, que viven aquí ou marcharon porque quixeron descubrir algo novo e non seguiron os pasos dos seus pais nin dos seus avós, aínda que a terra lles siga amarrada á pel.
Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621