Vicky Luengo, Kulunka Teatro e Diego Anido, pratos fortes na cuarta fin de semana do FIOT
O Programa de Sala do 32º Festival Internacional Outono de Teatro acolle as estreas en Galicia de Forever o sábado 21 e de Prima Facie, o fenómeno escénico da tempada, o domingo 22
A función de O deus do pop, creación de Anido (As Bestas, O Corno) galardoada con dous premios María Casares, terá lugar o xoves 19, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura
A Rúa dos Contos acolle o sábado 21 a estrea galega de La maja y la mona (o viceversa), con Maribel Salas e Susana Soleto, mentres que o Metro Cadrado será o marco no que teñan lugar as estreas absolutas de Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera, e DestilaPracer,de Espazo Vacío
A programación do FIOT en Ruta levará Iphixenia na porta do super, unha versión contemporánea do mito de Eurípides, ao Centro social de Sofán o vindeiro domingo 22
O 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo dará conta, na súa cuarta fin de semana, da súa aposta polas voces singulares e o compromiso social, así como pola apertura de xéneros e linguaxes diversas, coa programación, entre este xoves 19 e o domingo 22, de varios dos pratos fortes desta edición: Vicky Luengo, co multipremiado texto de Suzie Miller Prima Facie; a compañía vasca Kulunka Teatro e a súa nova creación, Forever; a última peza de Diego Anido (As Bestas, O Corno), que foi premiada con dous premios María Casares 2023; o regreso do mito de Iphixenia ao festival, entre outras propostas, serán algunhas das citas imprescindibles destes días.
A semana comezará o xoves 19 coa presentación, en Carballo, de O Deus do Pop, a quinta creación de Diego Anido, actor galego de plena actualidade polo seu éxito en filmes como As bestas (finalista nos Premios Goya e gañador do Premio da Unión de Actores ao actor revelación) ou a recente O corno (gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián). Nesta proposta, e desde o humor absurdo e a tenrura, Diego Anido presenta unha autobiografía inventada, entre a Galicia dos 80 e unha estrela do pop americana. O texto, a danza a música e o clown conviven cunha depurada dramaturxia froito dun longo proceso de creación persoal, no que estivo acompañado por un amplo equipo (Víctor Duplá, Carmen Triñanes, Montse Pinheiro ou Guillermo Weickert, entre outros nomes), e cuxo traballo tanto en iluminación coma en movemento foi recoñecido con dous premios María Casares. O deus do pop, enmarcado no ciclo OTNI, presentarase no Auditorio do Pazo da Cultura o xoves 19, ás 21.00h.
O sábado 21 será a quenda de Kulunka Teatro. Baixo a dirección de Iñaki Rekarte (galardoado nos Premios Max 2023 polo seu traballo en Supernormales, e quen tamén asume a dramaturxia desta peza xunto cos intérpretes Garbiñe Insausti, José Dault e Edu Cárcamo), a compañía vasca regresa ao FIOT dando boa conta do seu virtuosismo coa linguaxe das máscaras. Combinando tenrura e crueza, Kulunka presenta Forever, unha fermosa e profunda traxicomedia, coproducida polo Centro Dramático Nacional, que reflicte con humor, ironía e emoción as contradiccións do amor. Forever pon o foco sobre cuestións como a maternidade, a educación, a sexualidade ou a violencia, e reflexiona ata onde a incomunicación pode arrastrar e afondar na dor dunha familia.
Outra das estreas en territorio galego, mais xa no marco da Rúa dos Contos, terá lugar na noite do mesmo sábado 21. Chegadas desde Euskadi, as mestras do humor Maribel Salas e Susana Soletopresentarán La maja y la mona (o vicecersa), creación que nace a partir de textos de Yolanda García Serrano. A partir das 23.00 horas, o mercado municipal vivirá unha catarse colectiva na que, desde a risa, o público reflexionará sobre a condición da muller na sociedade actual. A amizade, a hipocrisía, a imaxe estética ou o feminismo son algúns dos temas que aflorarán ao longo desta comedia áxil e de humor garantido.
O domingo 22 chegará un dos pratos fortes deste FIOT32: a estrea en Galicia do fenómeno escénico da tempada madrileña, Prima Facie. O director peruano Juan Carlos Fischer adapta o exitoso texto de Suzie Miller na versión en español deste texto, logo do seu grande éxito en Londres e Broadway. Unha adaptación na que sobresae a interpretación de Vicky Luengo, unha das actrices máis recoñecidas na actualidade, quen se pon na pel de Tessa, a brillante avogada a quen lle cambia a vida para sempre logo dun impactante acontecemento. A protagonista enfrentarase a todo aquilo no que máis cre para encontrar xustiza e sacar do camiño o que non lle permite ver e descubrir a verdade. Vertixinosa, intelixente e conmovedora, Prima Facie reta ao público a cuestionar os seus paradigmas. As entradas para a función, que comezará ás 20.30 horas, están xa esgotadas.
Novas estreas absolutas en Metro Cadrado
O sábado 21 terá lugar a segunda xornada do VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Desta quenda, o microteatro ofrecerá dúas estreas absolutas noutras tantas localizacións singulares e pouco habituais para as representacións escénicas, como o son a sala común do Balneario de Carballo ou na tenda especializada en produtos gourmet Adega O’Lagar.
No balneario da rúa Estrela, a creadora e intérprete Carlota Mosquera presentará Ninguén tira fotos nos enterros, un conto interactivo que reflexiona arredor do imaxinario colectivo da morte e que pon no centro aquelas miradas que, se cadra, desde o mundo adulto protexemos: as miradas da infancia. Pola súa banda, a compañía Espazo Vacío representará na tenda da rúa Valle Inclán, por vez primeira, DestilaPracer, unha proposta que nos convida a comprender o mundo desde a aceptación do corpo coma elemento puro e estético, e non coma un mero obxecto. Ambos espectáculos, cuxo acceso será gratuíto previa reserva de praza en fiot.microteatroentrada@gmail.com, contarán con catro pases no día: ás 12h, ás 13h, ás 18h e ás 19h.
Iphixenia chega a Sofán
O domingo 22, ás 19.00 horas, o Centro Social de Sofán acollerá a representación Iphixenia na porta do super, da Compañía Humana, que trae o mito de Eurípides aos nosos días a través dunha moza, interpretada por Alba Canedo, que pasa os seus días inmersa nun bucle de alcohol e apatía mentres que deambula polas rúas da súa vila. Esta Iphixenia presentará un conmovedor monólgo sobre as consecuencias dos recortes sociais. Unha historia de sacrificio, dignidade e esperanza que chega ao FIOT coa colaboración das ascoaciacións de veciños San Salvador e Mulleres Rurais de Sofán.
O mito de Iphixenia, adaptado ao galego a partir do texto do inglés Gary Owen -coñecido polo público do festival, quen outorgou o Premio do Público 2018 á peza Iphigenia en Vallecas, interpretada por aquel entón por María Hervás-, regresa así á súa programación, desta quenda da man do FIOT en Ruta, a liña do programa que leva as artes escénicas ás parroquias da comarca de Bergantiños.
AXENDA #FIOT32 | DO 19 AO 22 DE OUTUBRO
Todos os días, de 16.00 a 21.00 horas. Sala de exposicións do Pazo da Cultura (andar -1)
Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’
Xoves 19, 20.30h. Pazo da Cultura (andar 0)
Foto cos participantes da exposición Zoom FIOT 2022, coa presenza da concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, e o director do FIOT, Alberto Sueiro
Xoves 19, 21.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
O deus do pop, de Diego Anido
Sábado 21, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Balneario de Carballo
Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera | Estrea absoluta
Sábado 21, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Adega O’Lagar
DestilaPracer, de Espazo Vacío | Estrea absoluta
Sábado 21, 20.30 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
Forever, de Kulunka Teatro | Estrea en Galicia
Sábado 21, 23.00 horas. Mercado municipal
La maja y la mona (o viceversa), de Maribel Salas e Susana Soleto | Estrea en Galicia
Domingo 22, 19.00 horas. Centro social de Sofán
Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana
Domingo 22, 20.30 horas. Pazo da Cultura
Prima Facie, de P. T. Contemporáneas | Estrea en Galicia