O sábado 23 de outubro de 2021, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, celebrarase o acto de entrega do IV Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade a Iria Misa, gañadora do mesmo polo seu libro A CIDADE DO ÁTOMO.
Este venres 30 de outubro, ás 18 horas, reuniuse, de maneira telemática dada a situación sanitaria derivada da pandemia, o Xurado do IV Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e formado por Dª Antía Yáñez Rodríguez, D. Manuel Bragado Rodríguez e Dª. María Xesús Fernández Fernández. Unha vez rematada a reunión emiten o seguinte DITAME: O Xurado acorda, por unanimidade, outorgar o IV Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á obra titulada A CIDADE DO ÁTOMO presentada baixo o lema ou seudónimo de A MÁSCARA. Unha vez aberta a plica, resultou ser o/a seu/súa autor/a IRIA MISA PERALBA. O xurado salienta a alta calidade media das obras presentadas e recomenda tamén apublicación dos orixinais baixo os lemas «Monadas cuánticas», «Bartolina Sisa» e «Vega». Respecto a obra gañadora, «A cidade do átomo» destaca a orixinalidade do tratamento do tema, a paisaxe abandonada da cidade ucraína de Prípiat, tras o accidente o 27 de abril de 1986 da central nuclear de Chernóbil. Destaca ademais a nivel estilístico a alta calidade da lingua empregada, así como a amenidade dun relato no que se mesturan textualidades diversas. «A cidade do átomo», dirixido a un público infantil, pode interesar sen dúbida ao lector ou lectora de calquera idade, amolando que é posible conocer outras realidades dende a nosa lingua e ampliando así o horizonte temático da nosa LIX.
BASES Primeira. Poderán participar todas as persoas de calquera nacionalidade e idade que presenten narracións inéditas en lingua galega, dirixidas ao público infantil e xuvenil, cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade… Segunda. Establécese un premio único e indivisible, dotado con 3.000 euros. Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables segundo a lexislación vixente. Terceira. A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, que se reserva os dereitos de edición da obra premiada nos 1.500 primeiros exemplares. Entregaránselle ao/á gañador/a 30 exemplares. Cuarta. A obra terá unha extensión libre e presentarase encadernada, por cuadriplicado, en papel impreso polas dúas caras, tamaño DIN A4. Presentarase baixo o sistema de plica, polo que se enviará cun sobre á parte; no exterior do sobre figurará só o lema e no interior incluirase o título da obra, o lema, unha copia do NIF do/a autor/a, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico. Quinta. O prazo de presentación de orixinais comezará o 23 de abril de 2020, Día Internacional do Libro e prolongarase até o día 12 de xullo de 2020 (cuarto cabodano de Agustín Fernández Paz). Sexta. O xurado estará formado por tres persoas de recoñecido prestixio cultural. Emitirá o ditame, que será inapelable, na última semana do mes de outubro de 2020. O xurado poderá declarar o premio deserto. Sétima. A entrega do premio terá lugar nun acto do que se dará conta oportunamente. Oitava. Os orixinais remitiranse a: IV Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS Praza de Suso Gayoso, 1 (Casa da Cultura) Apartado de Correos , nº 39 27800 Vilalba (Lugo) Novena. Os orixinais non premiados poderán recollelos os/as respectivos/as autores/as no local do Instituto de Estudos Chairegos (Casa da Cultura de Vilalba) durante un período máximo dun mes despois do ditame do premio. Os que non se recollan nese prazo serán destruídos. Décima. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.
CONVOCATORIA DO IV PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE NARRATIVA INFANTIL E XUVENIL POLA IGUALDADE
ENTREGA DE TRABALLOS, DO 23 DE ABRIL AO 12 DE XULLO DE 2020