Carolina Iglesias e Victoria Martín, de Estirando el Chicle, Ignatius Farray, Javier Veiga e Juan Dávila protagonizan a ponte de maio no EMHU
Este domingo 30, ás 16:00 horas, o Castelo de Santo Antón será o escenario do espectáculo Estirando el chicle en un castillo, que recolle a gravación do exitoso podcast de Carolina Iglesias e Vitoria Martín, que regresan ao EMHU por segundo ano consecutivo
Tamén o domingo 30, ás 18:00h, Ignatius Farray tomará as táboas do Teatro Colón co seu espectáculo de vivencias personais La comedia salvó mi vida
Ás 20:30h, Javier Veiga presentará no mesmo escenario a proxección do seu filme Amigos hasta la muerte, con un show-tertulia posterior protagonizado polo propio Veiga, Marta Hazas, David Amor e Xosé A. Touriñán
O luns 1 de maio será a quenda dun dos ‘showmans’ máis esperados deste terceira edición do EMHU: Juan Dávila, o auténtico mesías da improvisación, que achegará ao Colón, ás 19:30h, o monólogo cómico do momento, La capital del pecado 2.0
O Encontro Mundial de Humorismo avanza na programación da súa terceira edición esta ponte de maio con Carolina Iglesias e Victoria Martín, de Estirando el Chicle, Ignatius Farray, Javier Veiga e Juan Dávila como protagonistas.
A terceira xornada do EMHU, que se desenvolverá o domingo 30 de abril, contará cun escenario único, o Castelo de Santo Antón, que acollerá un dos shows máis destacados desta terceira edición do festival. Alí chegarán ás 16:00 horas Carolina Iglesias e Victoria Martín -que repiten no EMHU trala súa exitosa visita en 2022- para presentar o espectáculo Estirando el chicle en un castillo. Estirando el chicle é un podcast de comedia no que as cómicas conversan con mulleres relevantes da cultura e do entretemento. Nas súas xa cinco temporadas, converteuse nun dos podcasts máis escoitados de España, superando o millón e medio de ouvintes mensuais. O proxecto, galardoado con dous premios Ondas e o Premio EMHU Fenómeno no 2022, fixo historia ao vender todas as entradas do Wizink Center de Madrid en menos de 24 horas, converténdose no espectáculo de comedia máis grande que xamás se celebrou na historia do noso país. Este 2023, no EMHU, Estirando el Chicle achegarase ao Castelo de Santo Antón para unha facer unha gravación especial do podcast con público en directo.
Pola súa banda, Ignatius Farray tomará as táboas do Teatro Colón (domingo 30 de abril, ás 18:00 horas) con La comedia salvó mi vida. Durante una hora e media, Farray contará de corazón as súas vivencias e opinións como cómico coa fe de que a risa, antes ou despois, chegará. Con máis de 12 anos facendo Stand-up Comedy, o artista segue a pensar que ese é o estilo máis xenuíno e verdadeiro de facer comedia, precisamente pola implicación persoal que se supón que hai que ter coas cousas que se din ou se contan sobre o escenario.
Finalmente, a proxección da ópera prima de Javier Veiga como director cinematográfico -baseada na exitosa obra de teatro homónima que batiu récords de billeteira nos teatros galegos, nacionais e incluso internacionais- será o ramo da xornada do EMHU este domingo, 30 de abril. Ás 20:30 horas, o Teatro Colón da Coruña acollerá o primeiro pase con público en Galicia do filme Amigos hasta la muerte, que ten como protagonistas a Marta Hazas, Mauricio Ochmann e ao propio Javier Veiga e en cuxo reparto se contan, tamén, os humoristas galegos David Amor, Xosé A. Touriñán e Ledicia Sola.
Pero a velada promete moito máis, pois haberá proxección, preestrea, coloquio, espectáculo… e o poida xurdir! Así, logo do pase, o público poderá gozar xunto a Javier Veiga, Marta Hazas, David Amor e Xosé A. Toruiñán dunha tertulia para escachar coa risa, onde, ademais de coñecer unha morea de intrahistorias da gravación da película, haberá moitas sopresas e o xenuíno humor destes catro xenios e amigos.
Estrea en Galicia de La capital del pecado 2.0
O EMHU continuará no día festivo e o luns, 1 de maio, será a quenda dun dos showmans máis esperados deste terceira edición do festival: Juan Dávila, o auténtico mesías da improvisación, que achega o monólogo cómico do momento, La capital del pecado 2.0, ao Colón ás 19:30 horas, no que será a súa estrea en Galicia. Un espectáculo ideal, como él mesmo describe, “para vir coa familia, se estás solteiro ou solteira, en parella, co teu grupo de amigas, se estás buscando novas oportunidades ou algunha cita inesperada”. Sábese como comeza, pero o final sempre é decisión do público: será parte do imprevisible mentres goza do show máis falcatrueiro e atrevido do ano.
No seu programa de actividades paralelas, o EMHU 2023 conta tamén coa exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad, que se poderá ver até o 30 de xuño na Casa Museo Picasso, con acceso libre. Coa mostra, que recolle ilustracións de 50 humoristas -gráficos ou escénicos-, o público poderá descubrir a reinterpretación que fan do mítico cadro de Picasso nomes como Quino, Atxe, Mingote, Gallego y Rey, Elena Ospina, Siro López, Pinto & Chinto ou até o propio Luis Piedrahita.
AXENDA PROGRAMACIÓN EMHU 2023 PARA A PONTE DE MAIO
Domingo 30 de abril
16:00 horas | Castelo de Santo Antón: Estirando el chicle en un castillo *
18:00 horas | Teatro Colón: Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida *
20:30 horas | Teatro Colón: Amigos hasta la muerte *
Luns 1 de maio
19:30 horas | Teatro Colón: Juan Dávila: La capital del pecado 2.0 (estrea en Galicia) *
* Os medios gráficos (vídeo e foto) poderan tomar imaxes unicamente durante os primeiros cinco minutos de cada show. As fotografías deberán tomarse sen flash e desde o fondo da sala. Non se permitirá o acceso á mesma durante o desenvolvemento do espectáculo. Aqueles medios que teñades algunha necesidade específica por favor, contactade con nós a través do correo ou do whatsapp. Grazas pola vosa comprensión!
20230429-Axendas-EMHU-30-de-abril-e-1-de-maio-Xornadas-3-e-4-EMHU-2023