Este domingo, 19 de maio, ás 12 h, a Casa-Museo Manuel María acolle un concerto do grupo IALMA. Un cuarteto de mulleres de Bruxelas (Verónica Codesal, Magali Menendez, Natalia Codesal e Marisol Palomo), fillas de familias emigrantes galegas, con máis de vinte anos de carreira artística e sete exitosos traballos publicados, que cantan en galego e que levan a música galega por todo o mundo. Elas estarán acompañadas de dous grandes músicos, Didier Laloy, considerado un dos representantes máis activos do renacemento do acordeón diatónico e do salientábel guitarrista Karim Baggili.
As voces tradicionais de Ialma fusiónanse con sons, melodías e arranxos modernos, dando cancións moi frescas e vivas, que mostran a súa propia historia e a de tantos emigrantes, e coas que percorren os mellores festivais de música folk, de raíz, de fusión e divulgación. Grandes artistas como Guadi Galego, Dulce Pontes, Mercedes Peón, Kepa Junquera, Xurxo Fernandes… apostaron pola súa marabillosa colaboración.
Este domingo traerán a Outeiro de Rei o seu último proxecto Camiño, traballo que conta a historia da avoa dunha das integrantes do grupo e que está cheo de cancións emocionantes e moi alegres.
Para asistir ao concerto é necesario reservar (billete 5 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
100 VOLTAS, proxecto musical liderardo por Verónica Codesal, soará este domingo, día 12 de novembro, ás 12.30 h, na Casa-Museo Manuel María. A música galaico-belga, que ten as súas orixes familiares en Guitiriz, estará acompañada polo acordeonista belga Didier Laloy e o violinista italiano Damien Chierici. O concerto da Casa-Museo Manuel María será o único concerto, desta nova xira do grupo por Galiza, que se leve a cabo na provincia de Lugo.
VERÓNICA CODESAL, COMPOÑENTE DE IALMA, PRESENTA, O DOMINGO 12 DE NOVEMBRO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA O SEU PROXECTO, 100 VOLTAS
Faino acompañada do acordeonista belga Didier Laloy e o violinista italiano Damien Chierici
Verónica Codesal presentará o próximo domingo día 12, ás 12:30h, na Casa-Museo Manuel María, o seu recente traballo musical 100 VOLTAS. Estará acompañada polo acordeonista belga Didier Laloy e o violinista italiano Damien Chierici. Verónica Codesal (voz e pandeireta) é compoñente do coñecido grupo galego-belga Ialma, que conta con sete traballos publicados e que está formado por catro mulleres nacidas e residentes en Bruxelas, mais que son de orixe galega e conforman o seu repertorio con música do noso país. Ademais, Verónica Codesal representou a Bélxica no Festival de Eurovisión no ano 2003 formando parte do grupo Urban Trad. Fíxoo coa canción “Sanomi” quedando na segunda posición. Nesta ocasión, dous músicos de proxección internacional acompañarán a Verónica Codesal. Por unha parte Didier Laloy (acordeón diatónico e stompbox), é un dos mellores instrumentistas de acordeón diatónico do mundo e solista en orquestras sinfónicas de Alemaña, Italia, Cuba e Bélxica. Pola outra, Damien Chierici (violino e instrumentos electrónicos), intérprete, compositor e arranxista polifacético (música clásica, folk, composicións para cinema…), o que o levou a compartir escenario con artistas internacionais como Glen Hansard ou Lisa Hannigan, a crear bandas sonoras cinematográficas como a serie belga PANDORE ou á realización de xiras con moitos grupos belgas por Europa. “100 VOLTAS” é un traballo cheo de cultura e tradición galega que conta cun repertorio que preserva a esencia do pasado ao mesmo tempo que incorpora elementos contemporáneos e diferentes instrumentos. Nel recóllese o compromiso de Verónica Codesal como muller feminista, de maneira que moitas das súas composicións realizáronse sobre textos de distintas poetas galegas (Rosalía de Castro, Xohana Torres, Andrea Nunes, María Lado, Lucía Aldao, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Brais Fernández, Rosalía Fernández Rial, Xavier Queipo) a través dos que contan, xunto a textos tradicionais, as súas historias de mulleres, compañeiras, nais, fillas, amigas, traballadoras, artistas, activistas… O concerto da Casa-Museo Manuel María forma parte da xira por Galiza para a a presentación de “100 VOLTAS” en que o grupo realizará seis concertos entre os días 11 e 16 de novembro, sendo o único na provincia de Lugo.