O arxentino Alejandro Civilotti gaña coa peza ‘Hibrys’ o premio internacional de composición para arpa e orquestra ‘Portus Apostoli’

O xurado do certame promovido polo Noia Harp Fest vén de fallar o premio, que conleva unha dotación económica de 2.000 euros e a estrea mundial da obra na vindeira edición do festival da man da Real Filharmonía de Galicia 

O tribunal, conformado polas arpistas Christine Icart, Céline Landelle e Susana Cermeño, ademais do director galego Diego García Rodríguez, salienta a excelencia dunha peza “que mostra unha elevada técnica orquestral” e cuxa partitura amosa “a linguaxe compositiva persoal” de Civilotti


A primeira edición do Premio internacional de composición ‘Portus Apostoli’ xa ten obra gañadora. O xurado do certame, impulsado polo Noia Harp Fest e patrocinado polo Concello de Noia, vén de fallar o seu ditame: ‘Hibrys’, do compositor arxentino Alejandro Civilotti, foi escollida polo tribunal como a peza máis destacada das recibidas pola súa “alta calidade e interese”, á vez que mostra unha “elevada técnica orquestral, onde a arpa e a orquestra concertan á perfeccción”. 

O xurado salientou a “linguaxe compositiva persoal” que reflexa a partitura de Civilotti, autor dunha ampla obra para orquestra e cámara, música escénica ou para cine; e gañador de galardóns como o Premio Reina Sofía de Composición Musical. Civiliotti, que reside en Cataluña desde os anos oitenta, é profesor de Composición, Harmonía e Historia da Música no Conservatorio Profesional de Badalona.

O Premio ‘Portus Apostoli’ nace impulsado polo Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, dirixido por Rodrigo Romaní, como unha aposta por ampliar o repertorio de obras para arpa e orquestra. O galardón, dotado con 2.000 euros, conleva tamén un recoñecemento moi especial: a estrea mundial da obra da man da Real Filharmonía de Galicia, que estará acompañada para dita ocasión dun ou dunha intérprete solista. A composición poderase escoitar por vez primeira no marco da décima edición do Noia Harp Fest, da que se darán a coñecer os primeiros detalles nas próximas semanas. 

Esta primeira convocatoria recibiu dezaséis obras orixinais de compositores procedentes de Arxentina, Brasil, Estados Unidos, España, Finlandia e Malta. O xurado que escolleu ‘Hibrys’ como obra gañadora estivo conformado por artistas internacionais de prestixio. É o caso das intérpretes francesas Christine Icart -profesora do Conservatorio Superior de Música do País Vasco ‘Musikene’ de San Sebastíán- e Céline Landelle -arpa principal da Sinfónica de Galicia-, así como da catedrática e solista na Orquestra Sinfónica de Madrid, Susana Cermeño, ou mesmo do director de orquestra galego Diego García Rodríguez. Actuou como secretaria do tribunal Alba Barreiro, membro da Asociación Noia Harp Fest. 

Pola súa banda, Rodrigo Romaní pon en valor, alén da proxección que supón para o encontro musical, “a calidade” das obras presentadas, a variedade estilística e o perfil das e dos compositores, con curriculums “moi importantes”. “Sen dúbida esta primeira edición do ‘Portus Apostoli’ foi unha grata sorpresa, na que confluiu unha extraordinaria riqueza de visións diferentes da linguaxe musical para unha combinación complicada como é a de arpa solista con orquestra”, apunta o director.

NOIA HARP FEST

O Noia Harp Fest é o o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. No seu cartel conflúen, desde hai nove anos, artistas de estilos moi diversos procedentes do ámbito galego, estatal e internacional, mais unidos pola interpretación musical a través da arpa. A súa décima edición terá lugar no verán de 2023.

Os concertos, de acceso libre e dunha notable calidade artística, celébranse tanto a ceo aberto coma no interior de recintos culturais da vila de Noia, cuxo Concello é patrocinador principal dun dos eventos máis singulares que se celebran na Ría da Estrela. Para máis información sobre o festival, pódese consultar o espazo web www.noiaharpfest.gal.

20230215-NP-Fallo-Premio-Portus-Apostoli