A obra de teatro ‘Go Home’, dirixida por Tito Asorey, e o recoñecido cómico Galder Varas soben ás táboas do Encontro Mundial de Humorismo esta semana

O 1 de maio, ás 19.30h, o Teatro Colón será testemuña da primeira obra de teatro de humor programada na historia do EMHU, Go Home, que aborda, desde a comedia, o turismo de masas

Galder Varas, un dos cómicos máis celebrados do momento, aterrará con Esto no es un show o xoves 2 no Colón, no que ofrecerá dous pases cuxos billetes están esgotados

As últimas entradas dispoñibles para Go Home, que conta con David Amor e Josito Porto como protagonistas, pódense adquirir a través da plataforma www.ataquilla.com 

O Teatro Colón será testemuña das novas propostas escénicas que a cuarta edición do Encontro Mundial de Humorismo ofrecerá ao público nas súas dúas próximas xornadas. O mércores 1 de maio, Día do Traballador, ás 19.30h, chegará a quenda do espectáculo Go Home, dirixido por Tito Asorey, e que conta con Josito Porto e David Amor como protagonistas. A peza -a primeira obra de teatro de humor programada na historia do EMHU- aborda, en clave de humor, a problemática do turismo de masas da man dalgunhas das figuras máis queridas da escena galega, como o dramaturgo José Prieto ou a directora de iluminación Laura Iturralde.

Pola súa banda, na tarde do xoves, 2 de maio, un dos cómicos máis celebrados do momento, Galder Varas, desembarcará no EMHU para ofrecer unha dobre sesión do seu monólogo Esto no es un show. O espectáculo, que se poderá ver tamén no Teatro Colón en dobre función, ás 20.00 e 22.30h, promete improvisación, chistes, sketches e unha morea de gargalladas. Os billetes para ver a Galder Varas, cuxos vídeos acumulan milleiros de reproducións nas redes sociais, están esgotados desde hai semanas. 

AXENDA EMHU 2024 – MÉRCORES 1 E XOVES 2 DE MAIO

SOBRE GO HOME

Mércores 1 de maio, ás 19.30 horas, no Teatro Colón (últimas entradas dispoñibles en www.ataquilla.com)

Go Home é o novo espectáculo de teatro que conta con David Amor e Josito Porto como protagonistas, en asociación con grandes nomes da escena galega como José Prieto, Tito Asorey, José Faro, Laura Iturralde, Patricia Ferreira ou Xavier Porto. Trátase dunha peza comprometida coa realidade que conta a historia de David, un fanático das viaxes que xa fixo todas as andanzas que as axencias de turismo lle podían ofertar… Todas, agás unha en concreto. Comeza así, para o noso protagonista, todo un mundo de emocións…

SOBRE ESTO NO ES UN SHOW

Xoves 2 de maio, ás 20.00 e 22.30 horas, no Teatro Colón (entradas esgotadas)

Se isto non é un show, estarase preguntando vostede, de que se trata entón? Pois probablemente do mesmo que outros moitos monólogos. Pode agardar un escenario, un micrófono e un cómico. Tamén pode agardar moita improvisación, chistes e bloques diferentes aos que puido ver de Galder Varas en redes. E, por último, pode agardar a honesta intención de facerlle rir a gargalladas. Mais o que non pode agardar é un show. Iso xa llo advertimos.

O EMHU, O GRANDE EVENTO DO HUMOR EN ESPAÑA

O Encontro Mundial de Humorismo celebra a súa cuarta edición na Coruña desde o 25 de abril e até o 5 de maio. Trátase da cita humorística máis relevante de España tanto polo número de actividades que ofrece como polos de espectadores: este ano sumará máis de 20.000 asistentes. O evento, impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e de Estrella Galicia. 

A programación troncal do EMHU 2024 propón algúns dos espectáculos máis destacados do momento. É o caso de La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas, Esto no es un show, La ruina ou La nueva normalidad. Ademais, o Encontro Mundial de Humorismo conta don dúas galas de produción propia e que só se poden ver durante a celebración do evento na Coruña, como son Humoris Causa e Fantastic Colofon; e inclúe  espectáculos realizados por algúns dos humoristas máis recoñecidos do país. É o caso de Celebreixon, con Roberto Vilar, ou da obra de teatro Go Home, dirixida por Tito Asorey e que conta con David Amor e Josito Porto no seu reparto. Entre as propostas desta edición tamén está o show Tengo cosas para hacer, da arxentina Dalia Gutmann, que inicia en maio unha xira por España que terá, como punto de partida, o EMHU.   

Alén destes espectáculos, o Encontro Mundial de Humorismo 2024 conta cunha programación de actividades paralelas gratuítas que pretende favorecer que todos os públicos poidan gozar do grande evento do humor. É o caso do Match de Impro da Escuela Impro Coruña, o parladoiro Lo que me han enseñado los mayores, de Jordi Moltó, ou as gravacións dos podcast El Nicho, con David Perdomo, e El sentido de la birra, con Ricardo Moya, quen contará con Antonio Resines como convidado. Ademais, a veciñanza pode asistir ás conversas Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia e O negocio do humor, ou mesmo á presentación do libro Pérdidas de risa, de Sílvia Abril.

20240430-Axenda-EMHU-1-e-2-de-maio