Andanzas do Suso de Lameliña. GARCILASO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

GARCILASO

Garcilaso, o elegante e silencioso can dos Benavide, non sabía o que era ladrar. Os seus donos adestrárono desde pequeno para que se comportase como un perfecto cabaleiro, discreto e refinado. Non podía ser doutro xeito coñecendo a reputación desta eximia familia, sempre recatada e axuizada.

Aínda que os amos non se lembrasen  de darlle a  comida ou a auga que precisase, o seu xeito de protestar era emitir uns suaves ruídos similares ao suspiro dun bebé; nunca un prosaico ladrido. Garcilaso non era un can calquera; seméllase moito a dona Margarida Benavide. Xa se sabe que as mascotas adoitan parecerse a quen as coida. 

Como aristócrata can que era, recibía loanzas de toda a veciñanza; claro está, sempre e cando ningunha man vulgar de veciña ou veciño lle tocase lombo tan delicado:  —Pero que bonitiño vas hoxe, Garcilaso; con ese traxiño pareces un auténtico mariñeiro. —Señora Margarida, cada día que pasa vexo máis fermoso a Garcilaso. —Non hai canciño máis guapo ca ti, Garcilasiño.

Só lle faltaba falar, aínda que cando asistía á misa, sempre en primeira liña na compaña de dona Margarida e o seu virtuoso esposo D. Euloxio, finxía rezar con devoción, alternando as posturas de ergueito e a catro patas segundo conviña. E o que máis lle prestaba, acompañar dun xeito entenrecedor, ao señor cura e aos fieis, nos seus cantos sagrados, cunha especie de murmurios, que máis quixesen para si algún que outro tenor ou soprano.

Pero xa se sabe que non hai can perfecto, e tampouco o ía ser Garcilaso. O día de San Pedro, o patrón da vila, a igrexa estaba tan chea, que  non cabía un alfinete. Cando Don Edmundo estaba a piques de consagrar a hostia, o can soltou un forte e xubiloso ladrido que rompeu o silencio do templo. Os Benavide quedaron estupefactos e avergoñados ante tal escándalo, mentres os fieis non daban creto ao que estaban asistindo. Foi un único ladrido, pero suficiente para acabar co engado de Garcilaso. Sen perder tempo, o virtuoso matrimonio arrincou con el para a casa. Desde entón non se volveu ver a Garcilaso polas rúas. Dise que segue vivo e que ao parecer, desde aquela non volveu ladrar, aínda que algúns din ter escoitado máis dunha vez unha especie de ouveos, máis propios dun lobo.

A explicación máis comentada para este inoportuno ladrido é que foi debido á grande cantidade de xente que se atopaba nese momento no templo e ao calor sufocante. “Sonche cousas do cambio climático”, escóitase argumentar cando se pregunta polo que aconteceu aquel 29 de xuño. Xa se sabe a  quen se lle atribúe todo o malo hoxe en día.