Carlos ‘O Xestal’, protagonista da segunda fin de semana do FIOT con estreas, actividades radiofónicas e unha andaina

Dúas estreas absolutas, a emisión en directo de ‘No es un día cualquiera’, a primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’ e un roteiro, protagonistas na segunda fin de semana do FIOT

O Pazo da Cultura acollerá na noite do venres 6 e do sábado 7 dúas funcións de Apaga o candil, a peza dirixida por Cándido Pazó; e nas mañás do sábado 7 e do domingo 8, de 08.30 a 13.30 horas, a emisión ao vivo do programa de RNE presentado por Pepa Fernández, cuxo acceso será libre ata completar a capacidade do auditorio

Quico Cadaval, Celso Sanmartín e ‘Guti’ son os protagonistas de Tres vellas na romería, a estrea absoluta da Rúa dos Contos que terá lugar o domingo 8 ás 20.30 horas no mercado municipal

A primeira sesión da Escola do espectador nas ondas terá lugar o sábado 7 ás 17.00 horas no Café Dubra, e xirará arredor de Carlos ‘O Xestal’, nunha conversa moderada pola xornalista coruñesa Marta Otero Mayán e na que participarán Cándido Pazó, Xohán Xabier Baldormir Cabanas e Xurxo Souto

O domingo 8 pola mañá celebrarase, en colaboración coa asociación ambiental Senda Nova, a andaina ‘Ruta do Xestal’, que contará coa participación da Aula de Teatro Municipal de Carballo

As estreas absolutas de Apaga o candil e Tres vellas na romería, a emisión ao vivo desde o Pazo da Cultura de Carballo do programa de RNE No es un día cualquiera, con Pepa Fernández, o sábado 7 e o domingo 8;a primeira sesión da Escola do espectador nas ondas, que xirará arredor da figura de Carlos Díaz ‘O Xestal’; ademais dunha ruta teatralizada que segue os pasos do narrador oral, serán os principais fitos da segunda semana de programación da 32ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro, o #FIOT32.

O recoñecemento a Carlos ‘O Xestal’ será o eixe sobre o que pivote a actividade desta fin de semana, coa estrea absoluta de Apaga o candil, coproducida por Contraproducións e o FIOT. Escrita e dirixida por Cándido Pazó, o espectáculo propón un achegamento ao gran narrador oral, carballés de adopción, coa intención de visualizar o seu traballo, tamén como activista e humorista. Grazas á colaboración do Centro Dramático Galego co FIOT, a obra será inclusiva ao contar con tradución á lingua de signos, que se poderá gozar tanto nas dúas funcións do Pazo da Cultura coma na xira do espectáculo. A estrea será o venres 6, ás 21.00 horas e, ao remate da función, farase entrega do galardón do Premio do Público do FIOT 2022 a Contraproducións por Cigarreiras. Ao día seguinte, a representación comezará ás 20.30 horas e as últimas entradas están á venda en www.fiot.gal.

A XXIV Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral pioneiro en Galicia, acollerá esta segunda fin de semana a estrea absoluta de Tres vellas na romería, peza que conta con tres das grandes voces das artes escénicas do país e ben coñecidos polo público carballés, como son Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez ‘Guti’. O trío regresa ao FIOT para falar das súas musas, as súas vellas e, como nunha sesión de espiritismo, resucitan as súas palabras e a súa memoria. A función terá lugar o domingo 8 ás 20.30 horas no mercado municipal e as entradas dispoñibles pódense adquirir no web www.fiot.gal.

A radio terá un especial protagonismo nesta segunda fin de semana do FIOT. Por unha banda, o auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acollerá tanto na mañá do sábado 7 coma na do domingo 8, entre as 08.30 e as 13.30 horas, a emisión ao vivo do programa de RNE No es un día cualquiera, con Pepa Fernández. Polos seus micrófonos pasarán figuras vinculadas ao FIOT e ao mundo da cultura galega, entre outras. O acceso será gratuíto e libre até completar a capacidade do patio de butacas.

Regresa Onda FIOT coa Escola do espectador nas ondas


Por outra banda, na tarde do sábado 7, ás 17.00 horas, celebrarase a primeira sesión da Escola do espectador nas ondas, as conversas escénicas e culturais cos equipos artísticos dos espectáculos do FIOT e que forman parte da liña de programación OndaFIOT, que abrangue toda a actividade radiofónica ou vinculada ao teatro sonoro (como é o caso do Certame de Teatro Lido ou do FIOT Fónico).

Cada conversa, aberta ao público, é gravada en vivo para despois quedar pendurada no espazo web do FIOT. Nesta sesión, a xornalista coruñesa Marta Otero Mayán (La Opinión de A Coruña, Revista Luzes), será a responsable de moderar unha conversa arredor da figura de Carlos Díaz ‘O Xestal’, a quen o FIOT rende homenaxe, da man de Cándido Pazó, coa estrea absoluta de Apaga o candil. Precisamente o director e dramaturgo será unha das voces convidadas á iniciativa, que se celebrará a partir das 17.00 horas no Café Dubra, e que contará coa participación de Xurxo Souto e de Xohán Xabier Baldomir Cabanas, autor de Os contos das risas serias. Un percorrido por 83 relatos d’O Xestal.

Andaina teatralizada: a Ruta do Xestal

Finalmente, o domingo 8 pola mañá terá lugar a celebración da primeira edición da Ruta do Xestal, unha andaina creada en colaboración coa Asociación Ambiental Senda Nova (no marco do programa Outono en marcha. Sendeirismo en Bergantiños), e coa que o FIOT incide na súa intención chave de espallar as artes escénicas por todo o territorio e a diferentes públicos. A actividade, de baixa dificultade e duns 4,3 km, segue os pasos do espazo vital no que residiu O Xestal, e contará coa participación da Aula Municipal de Teatro de Carballo. Os horarios de saída do roteiro serán as 09.30 horas (Laracha e Coristanco) e 09.45 horas (da rúa Venezuela carballesa). A inscrición é gratuíta, mais as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden obter máis información sobre a camiñada ou realizar a súa inscrición previa a través do web www.sendanova.org ou do teléfono 611 037 617.   

AXENDA #FIOT32 | DO 6 AO 8 DE OUTUBRO

Venres 6, 21.00 horas * | Pazo da CulturaPrograma de Sala: estrea absoluta de Apaga o candil.
*
Ao remate, entregarase o Premio do Público do FIOT 2022 a Contraproducións por Cigarreiras.

Sábado 7, de 08.30 a 13.30 horas | Pazo da Cultura
Emisión ao vivo de No es un día cualquiera, con Pepa Fernández.

Sábado 7, 17.00 horas | Café Dubra

Escola do espectador nas ondas.
Con Marta Otero, Cándido Pazó, Xohán Xabier Baldomir Cabanas e Xurxo Souto.

Sábado 7, 20.30 horas | Pazo da Cultura
Programa de Sala:
Apaga o candil.
Domingo 8, de 08.30 a 13.30 horas | Pazo da Cultura
Emisión ao vivo de No es un día cualquiera, con Pepa Fernández.

Domingo 8, a partir das 09.30 horas | Saídas desde Laracha, Coristanco e Carballo
Ruta do Xestal. Roteiro teatralizado pola Aula Municipal do Concello de Carballo.

Domingo 8, 20.30 horas | Mercado municipalRúa dos Contos: estrea absoluta de Tres vellas na romería.