Exposición ANTAGONÍA, de Adolfina Mesa, na Biblioteca Pública de Lugo
O luns, 10 de xuño, ás 19:00 horas na Biblioteca Pública de Lugo inaugurarase a Exposición ANTAGONÍA, da artista Adolfina Mesa. Nese acto de inauguración contarase coa presenza de:
María Elena García Pazos, Directora da Biblioteca Pública de Lugo
María José Gómez, Xefa Territorial de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en Lugo
José Manuel Balseiro, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo
Adolfina Mesa, autora da Exposición
Estamos ante unha Exposición composta, aproximadamente, por unha trintena de obras, e que permanecerá a disposición do público que desexe visitala durante un mes, do 10 de xuño ao 10 de xullo de 2019, no espazo expositivo da mencionada biblioteca lucense.
De ANTAGONÍA fala a súa creadora do seguinte xeito:
A Exposición Antagonía tematicamente está centrada na súa maior parte no marco do feminino e dentro do estilo do expresionismo, onde a artista trata de sacudir as emocións e a conciencia do espectador a través da súa obra, transformando esteticamente a apariencia humana e dos elementos protagónicos que conforman cada obra a través das súas cores e trazos desgarrados, con matices liricamente reflexivos onde procura a delicadeza poética ata unha dureza incuestionable como punto de reivindicación, reflexión e protesta.
Dentro do feminismo procura ter sempre presente a imaxe da muller na súa obra como símbolo de loita firme e incansable pola liberdade, igualdade de dereitos e visibilidade dentro da arte e todos os ámbitos sociais onde está presente a muller, así como intentar acabar coa lacra do machismo e a violencia de xénero.
Adolfina Mesa amosa a súa mirada antagónica á realidade ainda existente no presente, procurando a posibilidade dunha sociedade e un mundo onde todos sexamos iguais en condicións e dereitos, onde a muller deixe de ter o papel de submisa, oprimida, invisibilizada, infravalorada en todos os ámbitos, maltratada, castrada, violada ou morta.
Velaquí dúas imaxes que recollen o catálogo da Exposición ANTAGONÍA
Colaboran: Xunta de Galicia, Xacobeo 2021
Difunde Culturalia GZ