BERLAI presenta en concerto o seu traballo ESTAMPAS GALEGAS, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, ás 20 horas, poderemos presenciar o concerto de BERLAI que virá presentar o seu último traballo ESTAMPAS GALEGAS

A Casa-Museo Manuel María acolle, este sábado, día 2 de decembro, ás 20 hrs, un concerto de Berlai, proxecto musical creado por Xiao Berlai, que xunto á súa banda, presenta Estampas Galegas. Un conxunto de cancións baseadas en experiencias vitais ou reflexións sobre a Galiza de hoxe cheas de provocación, retranca e franqueza.

Estampas Galegas é o último traballo de Berlai após Desconhecido (2016) e Cas Berlai(2020) e está publicado en formato libro-disco (editado por Através Editora) onde mistura música, pequenos relatos e ilustracións, estas últimas da autoría de Leandro Lamas.

Xiao Berlai (guitarrista, mandolina e voz) estará acompañado este sábado por Iago Mourinho (piano), Bruno Couceiro (batería) e Pablo Sanmamed (baixista) que interpretarán as dez cancións do traballo onde contan distintas historias como unha tenda de roupa chamada “home” que nin sequera vende calzóns; a experiencia de ser pai e vivir a imposición de xénero da sociedade ao fillo que acaba de nacer; a progresiva castelanización do galego; a reivindicación do acento galego nas producións audiovisuais a través da figura de Arale; a fantasía dunha Rosalía liderando o pobo na revolución galega… 

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621