Pont Flotant e Chévere participan este sábado na ‘Escola do espectador nas ondas’
A ‘Escola do espectador nas ondas’ do FIOT acolle este sábado unha conversa aberta ao público entre Chévere e Pont Flotant
O Salón social do Pazo da Cultura acollerá a partir das 13.00 horas o encontro, que conducirá a xornalista cultural Machús Osinaga
O VI Certame Metro Cadrado ofrecere as estreas absolutas de ‘Xeografía dos corpos’ baixo a ponte do Parque do Anllóns e de ‘Homeless’ no escaparate dunha tenda deportiva
O FIOT avanza no seu compromiso coa accesibilidade e programa esta fin de semana, no marco da Rúa dos Contos, a peza ‘Contando polos dedos’, con Quico Cadaval e Chusa Pérez, unha obra inclusiva que se representará en galego e lingua de signos
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebrará esta fin de semana unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas, os encontros promovidos polo FIOT entre público, artistas e xornalistas especializadas en artes escénicas para promover a comprensión e o análise dos espectáculos que conforman a programación do festival. O Salón social do Pazo da Cultura de Carballo acollerá este sábado 22, ás 13.00 horas, unha conversa aberta ao público que conducirá a xornalista cultural de RTVE Machús Osinaga (La Mandrágora, Atención Obras, Cine de Barrio) e que contará coa participación da compañía valenciá Pont Flotant e da galega Chévere.
O encontro, aberto ao público, contará con petiscos e grolos para as e os asistentes, e permitirá ao público coñecer de primeira man ‘Eclipse total’, o novo traballo de Pont Flotant que se estrea este sábado en Galicia no marco do programa de Sala do FIOT, ou ‘Pequenas mentiras para contar grandes verdades’, a conferencia performativa que Patricia de Lorenzo (Xograresa de Outono 2019) presentará o vindeiro venres 28 no OTNI e no que aborda o proceso de reación dalgunhas das personaxes que interpretou en Chévere.
Este mesmo sábado 22 o público do FIOT tamén poderá gozar con novas propostas do VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. Desta quenda serán dúas estreas absolutas: ‘Xeografía dos corpos’, da Compañía Ánxela Blanco, un espectáculo de danza-circo creado por Ánxela Blanco e Simone Romanò que se poderá ver baixo a ponte do Parque do Anllóns; e ‘Homeless’, peza qde Mónica Paradela que emprega o texto e as habilidades circenses para presentar o auxe e caída dunha deportista de élite, e que se poderá ver no escaparate da tenda Zocas. Ambas obras contarán con catro pases (13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas).
Xa pola noite o Mercado municipal acollerá unha nova función do ciclo de Narración Oral Rúa dos Contos, que este ano rende homenaxe a Pedro Brandariz. Será a quenda de ‘Contando polos dedos’, un espectáculo accesible para persoas ouvintes, xordas, interesadas na lingua de signos e ou nas capacidades expresivas desta fala en Galicia. Unha creación de palabras e sinlencios, na que Quico Cadaval e Chusa Pérez Vallejo retoman unha colaboración dos anos 90 e voltan con estas dúas maneiras de contar: pola boca e polos dedos.
A programación da fin de semana pecharase cunha das xoias da escena teatral alternativa: ‘Freak’, de Amor Producciones, baseada no texto da dramaturga Anna Jordan. Baixo a dirección de Paula Amor, a proposta -enmarcada no ciclo OTNI- é unha peza de teatro social sobre a feminidade que se converteu en toda unha referencia internacional pola súa maneira de abordar a sexualidade.
20221021-Axenda-22-e-23-de-outubro