DÚAS PEDRAS NO CAMIÑO, de Mofa & Befa, na Casa-Museo Manuel María
Este próximo sábado, día 31 de outubro, o auditorio da Casa-Museo Manuel María ten a sorte de acoller, ás 20 hrs, o dúo Mofa & Befa que levarán a cabo un espectáculo antolóxico titulado Dúas pedras no Camiño.
Vítor Mosqueira e Evaristo Calvo representarán pezas que se manteñen na memoria do público, comezando por “Os 33 reiseñores da Porqueira”, que é o prólogo ideal para calquera evento e un dos números máis sutís e celebrados do dueto. Após deste virán números culinarios, de homenaxe ás grandes figuras do cinema ou escritores inmorredoiros. O título, Dúas pedras no Camiño, xoga coas alusións á música popular e a súa fiosofía, que nos lembra que unha pedra no camiño pode ser algo que nos ensine e nos transforme, aídna que tamén lembra a función dos cómicos de seren unha pedra no zapato…
Mofa & Befa son dous clowns para adultos que foron creados por Vítor Mosqueira e Evaristo Calvo á volta do ano 92 do século pasado. O talento da composición cómica, a vinculación co real, a confidencia co público e as dotes adxectivas, como o canto e a pantomima, que posúen os dous artistas fixeron deles unha referencia da comedia e do que se dá en chamar o cabaret literario.
É imprescindíbel facer reserva previa a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. A actividade é gratuíta.