Día de Rosalía 2020 en Vilalba

Onte, ás 12 do mediodía na Praza da Constitución de Vilalba, celebrouse un recital poético polo Día de Rosalía. Acto que organizou o Concello de Vilalba, a Asociación Cultural CALDALOBA e Culturalia GZ.

Nunha mañá acariñada polo esplendor do sol, voces como as de Marisa Barreiro, Miguel Díaz, Pilar Maseda, Luís Teixeiro Castro, Sesé Roca, Ana Mar Fraga Rábade, Adolfina Mesa, Martiño Maseda ou Vanesa Siso Calvo deron corpo poético aos versos de Rosalía de Castro ou da súa propia autoría. Tamén se realizou a lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020, Errantes No Mundo, obra de Daniel Asorey.

Véxase unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da celebración do Día de Rosalía 2020 en Vilalba.

Día de Rosalía en Vilalba

O domingo 23 de febreiro, ás 12 h. na Praza da Constitución de Vilalba, celebrarase o Día de Rosalía mediante a lectura pública de textos rosalianos. Un acto está organizado polo Concello de Vilalba, a Asociación Cultural CALDALOBA e Culturalia GZ.

As persoas que desexen participar deberán anotarse no seguinte enderezo electrónico info@culturaliagz.com, indicando os seguintes datos: o seu nome completo e o poema que desexen ler, ben sexa da autora homenaxeada, de autoría propia ou doutra autoría, pero que teñan como referencia a Rosalía de Castro.

A data límite para inscribirse remata o venres 21 de febreiro ás 23:59 horas.