Guadi Galego presentará ‘Síntese Horizonte’ o 2 de xuño no Teatro Colón da Coruña

A creadora, que vén de recibir o Premio Martín Códax na categoría Canción de Autora, celebra neste 2024 os seus 25 anos de traxectoria musical cun directo expresamente concibido para presentar, ao vivo, en teatros do país

As entradas para o concerto, enmarcado no ciclo Coa Nosa Voz, da Deputación da Coruña, serán de balde e poderanse retirar desde hoxe na plataforma ataquilla.com 


Guadi Galego presentará por última vez o seu novo directo, Síntese Horizonte, o domingo 2 de xuño no Teatro Colón. A creadora, que vén de gañar na categoría Canción de Autora na 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música, chegará á cidade da Coruña para pechar a xira dun directo no que festexa os seus 25 anos de traxectoria sobre os escenarios. 

Tras realizar unha tríade de concertos de presentación de Síntese Horizonte en Santiago, Ferrol e Pontevedra nos meses de xaneiro e abril, Guadi Galego levará por fin esta proposta ao teatro herculino o primeiro domingo de xuño, no marco do ciclo Coa Nosa Vozpromovido pola Deputación da Coruña, no que tamén participan Uxía, Ugía Pedreira e Antía Muíño. A cita coruñesa será a última data en teatros de Guadi Galego antes de iniciar a xira de verán e as entradas serán de balde. Os convites poderanse retirar desde hoxe en ataquilla.com.

Síntese Horizonte é unha aposta que fai a propia Guadi Galego pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido. Trátase dunha proposta exclusiva coa que pretende sorprender ao público e, á vez, ofrecer unha experiencia musical única e transformadora. Así, neste concerto, a creadora de Cedeira presenta por primeira vez en Galicia os temas do seu último LP, Roibén, mais tamén revisita temas de anteriores traballos discográficos e entoa temas como o seu sinxelo -e xa todo un himno- O.D.A.no que Guadi reivindica o dereito a seguir experimentando.

Neste novo directo, Guadi Galego acompáñase de recoñecidas artistas do país. É o caso da banda conformada por Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez (vocalistas). Ademais, esta nova produción, en colaboración con Culturactiva, destaca tanto pola súa coidada iluminación (de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento).

Logo do último directo de Síntese Horizonte na Coruña, Guadi Galego iniciará unha xira de verán da que xa se coñecen algunhas das primeiras datas. É o caso do festival PortAmérica, a Festa de Carballeira de Zas ou mesmo do Festival Revenidas. 

20240520-NP-Guadi-Galego-Sintese-Horizonte-na-Coruna

A bailarina e coreógrafa Raquel Ferradás estrea o seu espectáculo “Mesura” no Festival Escora

O día 26 de maio  ás 19:00h na localidade coruñesa de Carnota, Raquel Ferradás estrea o seu espectáculo unipersoal Mesura no marco do Festival Escora, organizado pola Deputación da Coruña. 

Mesura é un espectáculo que foi creado coa axuda do programa Da Man, un proxecto de acompañamento artístico a emerxentes en danza de AMARELO Distribución Escénica e Manu Lago patrocinado pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico. Raquel foi a artista seleccionada nesta primeira edición tras convocatoria pública. 

Sinopse:

A vida fala e estamos en constante cambio, na búsqueda do equilibrio, sen pasarnos de máis nin de menos.

MESURA báilalle á espera en diferentes momentos da vida. En xeral, á inquietude e preocupación que xenera. 

Soster, refuxiarse no movemento, adaptarse ás transicións e avanzar.

Comenzar de cero é sobrevivir no presente. Non hai pasado no cero. 

Hai que saber convivir coa espera para ver o mundo aos ollos.

Ficha:

Dirección, coreografía e interpretación: Raquel Ferradás

Colabora: Media Punta Vigo

Vídeo e foto: Javier Costela Vázquez

Acompaña: Da Man – AMARELO Distribución Escénica – Manu Lago – Xunta de Galicia – Centro Coreográfico Galego

Produce: AMARELO Distribución Escénica e Raquel Ferradás

Duración: 18 minutos

Tipo de público: Todos os públicos

Vídeo promocional:

 

O proceso de creación, por Raquel Ferradás:

“Partín dun reto persoal e da necesidade de contar algo que igual con palabras non sei ou non era tan sinxelo. Sentín que era o momento e o lugar para encerrarme e crear. Foi un ano complicado, con moitos cambios e tiña a necesidade de meditar dende o movemento. Sempre foi a miña vía de escape.”

“O que quería transmitir é a ansiedade que produce esperar en calquer momento ou situación da vida, xa sexa familiar, laboral, amorosa, etc. A espera sen respostas, a incertidume e a forma que temos de convivir con ela. No meu caso, a búsqueda da tranquilidade e paz mental dentro do caos.”

“Estou feliz co resultado. Creo que é unha peza moi persoal na que traballei e seguirei traballando moito. Hai moito que moldear, que seguir investigando, moito que escoitar de ollos externos, compañeiros/as, amigos/as e todo está para seguir crecendo, evolucionando e mellorando, por suposto. Pero xa teño un “pentagrama” claro do que tirar e apostar despois de moitos días de traballo.”

“Ser a primeira artista galega seleccionada no programa Da Man supuxo unha felicidade, moitísima ilusión, motivación e o impulso que necesitaba para confiar e seguir cara adiante coas ideas e o proxecto. Primeiro porque me axudou a por en orde ideas, movementos, imaxes, escribir moito… e despois transmitirllo ao equipo de Da Man, primeiro en forma de dossier e despois en persoa a Lilian Portela e Manu Lago. Dende o primeiro día sentinme apoiada e acompañada por elas no vertixe que supón crear unha peza soa que dirixes e interpretas. Foi unha axuda tanto persoal, como profesional, outra perspectiva diferente ao que podía ver cos meus ollos e tamén un apoio a nivel económico e para situarme no sector e no mercado da danza.” 

Biografía:

Raquel Ferradás é bailarina e docente de danza contemporánea e moderna. Formada no Conservatorio Carmen Roche en Madrid (2017) e nos Conservatorios Coppelia e Mayeusis de Vigo, complementando a formación con monográficos de coreógrafas e creadoras de primeiro nivel nacional e europeo.

Actualmente co-produce Mesura, un solo para rúa e espazo non convencional, con AMARELO Distribución Escénica tras o programa de acompañamento a emerxentes Da Man, que se estrena en maio 2024.

Baila ou bailou, entre outras compañías, para Paula Quintas Cía, La Galga, Aracaladanza ou Ballet Carmen Roche.

Foi premiada no Certame Coreográfico Compostela 2021 coa peza Ludo de Cía La Galga e gañadora do Certamen Carmen Roche co dúo De mayor quiero ser… e Los puntos suspensivos que decidas con Lydia Martínez.

Próximas funcións:

26/05/2024 – Carnota – Festival Escora – Estrea

29/05/2024 – Santiago de Compostela – Galicia Escena PRO

http://www.raquelferradas.com

https://www.bailadaman.com

IX Congreso de Poesía Nova. Novas Voces da Poesía

IX Congreso de Poesía Nova. Novas Voces da Poesía

Do 24 de novembro de 2023 ao 25 de novembro de 2023

Co apoio da Deputación da Coruña e CEDRO

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza o Congreso de Novas Voces da Poesía os días 24 e 25 de novembro de 2023, que terá lugar no Pazo de Mariñán (Bergondo).

O programa é o seguinte:

Venres 24 de novembro:

– 12.00 Conferencia de prensa na Deputación da Coruña

Tarde

– 16:00 Recepción dos/as congresistas

– 16:15 Inauguración do Congreso

– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Os novos públicos da poesía e vínculos con outras artes e soportes
Moderadora: Rosalía Fernández Rial
Relatoras/es: Nuria Vil, Lucía Aldao e O Rabelo

– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Edición, profesionalización. Novos camiños?
Moderadora: Antía Otero
Relatoras/es: Berta Dávila, Alba Cid e Brais Lamela
 
Sábado 25 de novembro
 
Mañá

– 10:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Internacionalización da poesía galega e diálogo con outros sistemas poéticos
Moderador: Eduard Velasco
Relatoras/es: Lara Dopazo Ruibal, Jesús Castro Yáñez e Samuel Solleiro

– 12:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Poesía. Unha visión de xénero e identidades
Moderadora: Andrea Nunes Brións
Relatoras/es: Daniel Asorey, Diana Kurich e Ánxela Lema París
 
Tarde

– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Poesía e lingua
Moderadora: Patricia Torrado Queiruga
Relatoras/es: Daniel Irimia, Martiño Maseda e Branca Trigo Cabaleiro

– 19.00 Acto poético-musical. Lois Pérez

Enlace á videoteca da actividade, onde se poden visualizar vídeos coas intervencións d@s poetas participantes no Congreso de Poesía Nova

https://www.aelg.gal/actividades/encontro-de-escritoresas-novosas/2023/11/24/ix-congreso-de-poesia-nova-novas-voces-da-poesia/video

*Información facilitada pola AELG

Exposición O CASTRO TAMÉN NA ORIXE DA LIXG, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, ven de levar a cabo a montaxe na Casa da Cultura da exposición “O CASTRO, TAMÉN NA ORIXE DA LIXG”, comisariada por Héitor Picallo e organizada por GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil).

Permanecerá aberta do 1 ao 30 de xuño de 2022.

NOTA-INFORMATIVA-GALIX-O-CASTRO-