Andanzas do Suso de Lameliña. DE CANDO SE CONVERSABA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

DE CANDO SE CONVERSABA 

Aínda que hoxe nos pareza anacrónico e, mesmo disparatado, houbo un tempo en que a xente falaba entre si de xeito presencial. No autobús,  na sala de consulta do médico, nos bares, nas tendas, no medio da rúa… Nas noites calorosas de verán, mesmo sentaban ás portas das casas contar historias, que na actualidade resultarían, cando menos, ridículas. Había parladoiros nos que en torno a unha mesa discutían de diferentes temas; parladoiros que eran retransmitidos a través da radio ou da televisión e que moitas veces remataban en auténticas leas.

Chamábanlle conversar, e, por aquel entón, era o xeito que tiñan para, coma se dicía, socializarse. O ruído que acompañaba a estes actos era tal que hoxe os nosos oídos serían incapaces de soportar, acostumados coma están ao silencio. Amais, que sentido ten nos días de hoxe manter este tipo de conversas, podendo comunicarnos a través das novas tecnoloxías? Para que están senón, WhatsApp, Instagram, Facebook, Twitter…?

Malia todo, sempre hai alguén que se empeña en volver a tempos pretéritos, e que sen ningunha consideración polos demais, se pon a falar en público coma se estivesemos na época dos nosos avós. Tal foi o caso que aconteceu a fin de semana pasada no metro de Madrid e do que fun  testemuña. Estabamos todos tranquilos e en silencio, cada quen co seu móbil ou portátil e niso que entra unha parella de mozos, sentan ao meu lado e, sen ningún rubor, póñense a falar. As olladas que lles botamos deberían bastar para que calaran, mais non foi así. Non me quedou máis remedio que chamarlles a atención, que por favor calaran a boca que estaban molestando e a resposta foi seguir falando en voz máis alta. Ante esta actitude, unha pasaxeira deu parte a través do interfono do que estaba sucedendo. Na parada seguinte, unha parella de gardas de seguridade agardaba por eles. É que cada día que pasa se perde máis o respecto e a falta de educación. 

Suso de Lameliña