As estreas en Galicia das creacións de Leo Bassi, Titzina Teatro e David Espinosa marcan a terceira semana do FIOT31

As estreas en Galicia dos novos espectáculos de Leo Bassi, Titzina Teatro e David Espinosa, e o arranque da nova edición do Certame Metro Cadrado, pratos fortes no ecuador do FIOT31

  • O auditorio do Pazo da Cultura acolle esta fin de semana, no marco do Programa de Sala, as primeiras funcións en teatros galegos de ‘Búho’ (sábado 15) e ’70 años: Leo Bassi’ (domingo 16); ambas compañías participarán na ‘Escola do espectador nas ondas’, que guiará Daniel Galindo.
  • Comeza a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado con catro funcións, en horario de mañá e tarde, das creacións ‘Menú-do día’, do Colectivo #ChamizoBelloVila, e ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’ de Sr. Lili.
  • O Teatro de Rúa despídese este venres 14 coas ‘Malabarabilidades’ con, Fran Boza; mentres que o ciclo OTNI acolle a estrea en Galicia de ‘Conferencia espectacular,’ de David Espinosa.
  • Unha ‘regueifa’ entre creadores dixitais que se unen por vez primeira nun escenario será a cita nocturna desta fin de semana da Rúa dos Contos: o coñecido Pablo Meixe e o bergantiñán Adrián do Regenco actuarán no Mercado municipal o sábado 15 a partir das 23.00 horas.
  • O FIOT en ruta pecha o seu programa o mércores 12 con ‘Esas cousas marabillosas’, a adaptación da obra de Duncan Macmillan que presentará Empatía Teatro no Centro Social de Ardaña.


O Festival Internacional Outono de Teatro prepara a súa terceira fin de semana de programación ateigada de humor, creación emerxente e ‘VocesFIOT’ de marcado carácter. As estreas en Galicia de ‘Búho’, de Titzina Teatro, e ’70 años: Leo Bassi’, do mítico clown italiano, centran a programación do Programa de Sala e da Escola do espectador nas ondas; mais non serán os únicos pratos fortes da fin de semana: este sábado 15 comeza a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Ademais, os humoristas Pablo Meixe e Adrián do Regenco serán protagonistas dunha noite da Rúa dos Contos no Mercado municipal. O programa completarase coa última función do Teatro de Rúa na praza do Concello da man do malabarista Fran Boza e unha segunda cita co ciclo OTNI, que acollerá a estrea galega de ‘Conferencia espectacular’, de David Espinosa. 

As VocesFIOT falarán alto e claro esta fin de semana en Carballo. No ecuador do certame chega aestrea en Galicia de ‘Búho’, da compañía catalá Titzina, unha das máis destacadas do teatro contemporáneo en España grazas as súas propostas afinadas, fondas e poéticas. Titzina Teatro crea as súas obras a partir dun longo traballo de investigación antropolóxica, de entrevistas e convivencias, explorando con gran sensibilidade as relacións e os conflitos cotiáns, que elevan a unha dimensión cómica e tráxica. Desta quenda presenta en primicia en Galicia un espectáculo visualmente suxerente, onírico e cunha linguaxe trepidante que combina diversas artes escénicas. A través da música, da interpretación e da escenografía, ‘Búho’ constrúe un relato dirixido a todo tipo de públicos que se mergulla na busca interior da memoria do protagonista á fin de recuperar os seus recordos e a súa identidade logo de sufrir un ictus que lle provoca amnesia severa.  

Outra das VocesFIOT será a de Leo Bassi, quen regresa a Carballo 25 anos despois da súa primeira actuación en Galicia e que, precisamente, tivo lugar no FIOT. Pallaso, bufón e axitador de emocións, Bassi reinvindica a risa como a raíz existencial do seu desexo de provocar. O seu instinto creativo e o seu carácter transgresor foron os que, precisamente, marcaron un fito na traxectoria do FIOT hai 25 anos. Cando aínda era un gran descoñecido para a meirande parte do público, o festival convidou ao cómico a participar na súa programación: naquela función, na que as e os asistentes saíron á rúa guiados polo artista, agromou o compromiso do FIOT coa sorpresa e a innovación. Agora volve para estrear ’70 años: Leo Bassi’, peza na que fai balance sobre os seus máis de 60 anos sobre as táboas, á vez que esixe que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumuladas. A través da súa memoria e do humor, descubrirá ao público do Pazo da Cultura a relevancia de volver ao humanismo e aos instintos.

Precisamente tanto Titzina coma Leo Bassi participarán na nova edición da Escola do Espectador nas ondas, que esta fin de semana celebrarase os días 15 e 16 de outubro da man do xornalista de RNE especializado en artes escénicas Daniel Galindo (presentador e director de La Sala en RNE). A conversa, que se gravará ao vivo, estará dispoñible á semana seguinte no espazo Onda FIOT da web oficial www.fiot.gal


Comeza o Metro Cadrado

Outro dos fitos máis significativos desta fin de semana do FIOT chegará o sábado 15, pois dará comezo a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. O sábado poderanse ver ata catro funcións de dous espectáculos de breve duración: ‘Menú-do día’, do Colectivo #ChamizoBelloVila, e ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’, de Sr. Lili. 

O primeiro deles, que se poderá ver no Mercado municipal, pon o foco nas violencias continuadas que vive o colectivo LGTBQI+. O colectivo creado por Alberte Bello e Diego Chamizo tece unha historia que confronta odio e disidencia, escuridade e luz, tristura e aceptación. #ChamizoBelloVila busca amosar unha realidade posible capaz de romper a norma e xerar unha sociedade máis avanzada e inclusiva. Pola súa banda, Fernando Pujalte levará até o Estudio de fotografía Criss Becerra a súa singular ‘Cinecleta’, un proxecto de recuperación e exhibición de películas de cinema doméstico en formato 8mm, Super8 e 16mm. Con humor, Sr. Lili presentará nun formato didáctico e entretido algúns destes documentos cinematográficos recuperados.  

Tal e como é habitual no Certame Metro Cadrado, o acceso será libre e gratuíto ata completar o número de prazas de cada función, mais recoméndase facer reserva previa a través de fiot.microteatroentrada@gmail.com, indicando o nome do espectáculo, horario no que se queira asistir, nome e apelidos das ou dos asistentes e teléfono de contacto. 

Despedida do FIOT en ruta e Teatro de Rúa

A programación do FIOT desta semana comezará o mércores 12 no Centro Social de Ardaña, coa segunda e última cita do FIOT en ruta, a liña de programación que expande as artes escénicas pola comarca bergantiñá. A compañía Empatía Teatro presentará ‘Esas cousas marabillosas’, unha divertida e conmovedora comedia sobre a depresión, o suicidio e todo o que unha persoa está a disposta a facer polas persoas que quere. A cita con esta obra, unha adaptación de Avelino González a partir do fenómeno teatral mundial escrito por Duncan Macmillan, será ás 19.00 horas. 

Na tarde do venres 14 chegará a quenda do rei galego dos malabares: Fran Boza. A mocidade do artista, que xirou internacionalmente con distintos circos, sorprenderá ao público carballés: humor, malabares con bolas ou mazas serán algúns dos ingredientes do espectáculo ‘Malabarabilidades’, dirixido por Fran Rei, e que pechará o ciclo Teatro de Rúa do FIOT a partir das 19.30 horas na Praza do Concello. Xa en horario nocturno, contra ás 21.00 horas, terá lugar a estrea en Galicia de ‘Conferencia espectacular’, de David Espinosa, na que o artista -con longo percorrido a nivel internacional coas súas montaxes, nas que achega a escena experimental ao público- combina a palabra con obxectos, maquetas e sombras nun parladoiro sobre o xurdimento doas novas escenas ou dos formatos teatrais máis innovadores. O XII Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) acolle así unha divertida clase maxistral sobre a vangarda teatral, na que non faltarán referencia a creacións de Peter Brook, Fura dels Baus, Mal Pelo, Needcompany ou Els Joglars, entre outras voces singulares.  

Pola noite a creación emerxente seguirá tendo especial protagonismo, coa participación na Rúa dos Contos de dúas das voces novas máis virais do momento en Galicia: os humoristas Pablo Meixe Adrián do Regenco. Ambos presentarán os seus espectáculos ‘Quen aguanta isto?’ e ‘Así son’ no Mercado municipal, contra as 23.00 horas, nunha noite na que ambos cómicos darán boa conta do porque do seu éxito no eido virtual. 

20221010-Axenda-FIOT-12_16-OUT