Despois da súa deliberación decidiron conceder os seguintes premios:
Categoría 1ª (menores de 18 anos)
Primeiro Premio: OUTUBRO EN DOUS ACTOS, de Paula Domínguez Barreiro, polo excelente traballo cunha riqueza lingüÍstica e acertado uso de recursos estilísticos. A calidade reflíctese nese coidado trato dos fonemas para ir ganduxando versos dun intimismo e unha sensibilidade extrema.
Segundo Premio; DERRADEIRO ADEUS, de Marina Montenegro Jamardo, un poemario con versos sinxelos, tratándose dunha poesía realista, mais cunha carga emocional que esperta as emocións e a empatía cara á persoa autora. Hai tema presente en todos os versos que son a dor e a tristura que provoca un adeus. Cando amamos de verdade, ninguén está vacinado nin hai a apócema para unha despedida.
Categoría 2ª (de 18 anos en diante)
Primeiro Premio: HERDAR A FALA, de Patricia Torrado Queiruga, un poemario de matiz intimista, que reflicte a dor e identifica un herdo culturalmente definido. Ao tempo que amosa de xeito ambigüo unha ferinte ausencia do fillo. Coa composición de estrofas brutais ante unha realidadedesacougante.
Segundo Premio: UNHA TEORÍA PARA OS ESPECTROS, de Abraham Pérez, porque expresa un posthumanismo, nun xogo de figuras humanas que designan correntes de pensamento. Xuízo á nosa cultura, onde convida a non xustificar os mortos da historia nunha revolución social e política, transformación da pobreza agochada e de identidade humana.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado 19 de decembro, a partir das 18h, no local social de Pino (Cospeito).
Está prevista a asistencia ao acto de presentación, ademais dos autores citados, do alcalde de Cospeito, Armando Castosa, Inés Lozano, en representación da Asociación Cultural de Pino, Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ, e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, a editorial encargada da publicación das obras que acadan premio neste certame poético nos eidos da Chaira.
Dada a situación pandémica provocada pola COVID-19 manteranse as medidas de seguridade sanitaria pertinentes.
Cartaz do III Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA
Representantes da Asociación Cultural de Pino, do Concello de Cospeito e de Culturalia GZ
Despois de formalizar a anulación da convocatoria que estaba en curso a causa dun erro administrativo irresoluble consecuencia dun fallo informático previo durante o proceso de recepción de orixinais, o Concello de Cospeito e a Asociación Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, convocan novamente a terceira edición do Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA. Esta especie de re-convocatoria, ademais de fornecer a intención de transparencia e rigor do certame, suporá unha modificación dos prazos establecidos e no proceso de envío de orixinais que figuraban na convocatoria anulada. Deste xeito, o remate de achega de orixinais queda fixado para o 15 de novembro, sendo o fallo o 12 de decembro e a entrega de premios o 19 de decembro deste 2020.
Precisamente desde a organización do Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA animan á participación neste premio poético que vai enraizando dentro da árbore literaria galega.
En xuntanza celebrada o 13 de outubro de 2020, o Concello de Cospeito, a Asociación Cultural de Pino e Culturalia GZ, despois dunha demorada deliberación acordan manifestar o seguinte:
Un fallo informático na recepción dos traballos presentados á 3ª edición do Premio de Poesía “Torre de Caldaloba” desencadeou un erro administrativo irresoluble que non dá as garantías necesarias para que na convocatoria en curso do certame se poida acadar un ditame legalmente atribuíble a un concurso literario destas características. Tendo en conta todo o anterior, resolven atallar calquera irregularidade sucesiva mediante a anulación da presente convocatoria nas condicións desfavorables nas que se podería desenvolver, provocadas polo mencionado erro administrativo derivado do fallo informático, tamén referido.
Unha vez realizada esta anulación provisoria do certame, abrirase inmediatamente un novo proceso de convocatoria que, aínda conservando a denominación ordinal de 3ª edición, forzará o establecemento duns novos prazos (entrega de traballos, resolución de gañadorxs e entrega de premios) e cunhas BASES axeitadas que proporcionen as garantías indispensables para a execución totalmente carente de calquera prexuízo aos fundamentos dun certame literario (imparcialidade, fiabilidade, transparencia, legalidade).
Ademais para dar maior solvencia a todo o fundamentado procederase á destrución dos traballos e plicas que chegaron ata a data de finalización de recepción dos mesmos.
Iso tamén leva a pedir desculpas a todas as persoas que se presentaran, por todas as molestias causadas, solicitándolles, a elas mesmas e a todas as que non se tivesen presentado, que continúen poñendo a súa confianza neste certame, porque esta decisión, que nos resultou difícil de tomar aínda que imprescindible, é unha boa mostra por parte da organización deste certame poético de primar a súa total integridade e transparencia.
Reiteramos as nosas desculpas e agardamos con maior entusiasmo e prestancia a chegada das obras para esta ‘nova’ do Premio de Poesía Torre de Caldaloba, co ánimo de que siga a medrar no panorama literario galego.
A organización do Premio de Poesía TORRE DE CALDALOBA
Con motivo da conmemoración anual do 25 de Novembro coma Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, a Asociación Cultural CALDALOBA e o portal web Culturalia GZ deciden convocar o MANIFESTO POLO 25 N. 25 Voces pola Eliminación da Violencia contra a Muller, unha antoloxía que amosará desde a vertente poética (textual, imaxinativa, gráfica) a visión particular de 25 artistas da palabra e/ou da imaxe arredor do 25 N.
Cada persoa só poderá achegar UNHA única obra ao seguinte enderezo electrónico info@culturaliagz.com.
A data límite para a recepción de obras será o 8 de novembro. A continuación realizarase unha selección de 25 obras de todas as achegadas, e que, segundo o criterio da organización, mellor reflictan o sentido da convocatoria.