por martinho | Sep 23, 2020 | Autores/as, Creación, Novas, Xeral
A Federación Galiza Cultura e a Casa-Museo Manuel María organizan para este sábado, 26 de setembro, unha nova edición, a sétima, do Convivio da Cultura Galega, en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Dentro da xornada, ás 16 hrs, está programada, en principio na horta da Casa-Museo, unha actuación de Quico Cadaval que levará a cabo a narración oral “O complexo de Edipo”. Un espectáculo que comezou como un comentario de texto escolar para acabar convertido nun diálogo imaxinario do narrador coa sua nai sobre o mito de Edipo e o triste destino da familia real de Tebas (Grecia). Gastronomía! Épica! Alta Cultura! Mexericos! Psicanálise! Noticias sorprendentes sobre a monarquía española! Todo en 71 trepidantes minutos, nun monólogo traxi-ridículo.
Esta actividade, dirixida para público adulto, é de entrada libre mais é necesario facer previamente reserva que se poderá realizar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621, xa que para manter as medidas preventivas da COVID-19 o número de prazas para presenciar o espectáculo é menor.
por martinho | Jun 25, 2019 | Autores/as, Creación, Novas, Xeral
A romaría de Santa Isabel na claridade
eslumeante do ardoroso xullo,
antes de comezar a dureza
e a ledicia da seitura, conmovíame
dun xeito sutil e imperceptíbel.
A música das bandas mesturábase
co lento e xordo salmodiar do Miño
…
O sábado 13 de xullo, CONVIVIO DA CULTURA GALEGA
Unha xornada lúdica e festiva, de encontro e recuperación do espírito comunitario das tradicionais romarías, de foliada e xantar demorado…, ao redor da figura de Manuel María, para celebrarmos a cultura do noso país, Galiza.
O encontro, aberto a todas as persoas e todo o asociacionismo cultural de base, desenvolverase, por sexto ano, entre a Casa-Museo Manuel María, no centro da vila de Outeiro, onde se acollerá os participantes a partir das 11.30 da mañá, e a carballeira de Santa Isabel, unha fermosa paraxe natural, situada a menos de 1 quilómetro da casa natal de Manuel María, onde conflúen as augas do río Ladra e de río Miño. Transformada hoxe nunha magnífica área recreativa, o Campo de Santa Isabel foi tradicionalmente o lugar da festa e tamén o lugar dos xogos infantís e das descubertas da natureza, de aí que para Manuel María fose sempre un lugar moi querido e tan presente na súa obra.
O programa para este día será o seguinte:
11.30 Acollida na horta da Casa-Museo Manuel María co coro da asociación cultural e musical SOLFA
12.30 Ofrenda floral a Manuel María no cemiterio de Outeiro. Intervén Felipe Senén
13.00 Concerto da Banda Municipal de Música “Sons e Soños” de Rábade-Begonte-Outeiro na carballeira de Santa Isabel.
14.00 Xantar campestre na carballeira (cada quen ten que traer a súa comida e bebida)
17.00 Foliada, para cantar e bailar, con distintos grupos de música tradicional
ÁS 12.15, no auditorio da Casa-Museo, haberá un encontro das entidades culturais que forman parte da Federación GALIZA CULTURA.
O 13 DE XULLO vémonos no CONVIVIO!
*Información facilitada desde a Casa-Museo Manuel María.