Presentación do libro O FILÓSOFO COXO de Eduard Velasco

Presentación do libro O FILÓSOFO COXO de Eduard Velasco

Este venres, 13 de outubro ás 20 horas, na Casa Habanera de Guitiriz levarase a cabo a presentación do poemario O FILÓSOFO COXO de Eduard Velasco, que resultara gañador na segunda edición do Certame de Poesía Xosé María Díaz Castro convocado polo Concello de Guitiriz.

Eduard Velasco, nado en Barcelona, aínda que residente na Galiza, é Licenciado en Filoloxía Catalá e Filoloxía Galega pola Universitat de Barcelona. Tradutor, colaborador xornalístico, profesor de galego para estranxeiros son algunhas das actividades realizadas até o presente por este escritor. Literariamente, xa conta no seu haber con outros premios. Así, no 2014 gañou a III certame de poesía Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo, e co seu primeiro poemario, Ruído de trens, acadou o XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, o cal se publicou en Espiral Maior no mes de abril do ano 2015.

 

*Autoría da fotografía de Eduard Velasco: Alessandro Ardovini (2012)

*Información da presentación facilitada polo Concello de Guitiriz

VilarEXPO

VilarEXPO

O vindeiro sábado 18 de marzo, ás 21:00h, na Casa Habanera de Guitiriz, celebrarase a inauguración da primeira edición da VilarEXPO, adicada ás fotografías da natureza e etnografía da parroquia dos Vilares, realizadas por Luís de Fabete. Acompañará ao autor o fotografo de orixe guitiricense Valentín Purriños, premiado en diferentes ocasións na sua traxectoria profesional e cabeza dunha exitosa saga de fotógrafos. Pai de Yolanda e Inma Purriños, premiadas tamén nos Goya de fotografía e recentemente homenaxeadas en Vilalba. Ademais contarase coa presenza da alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín. O acto será presentado por Pastora Veres.

A exposición consta de 33 fotografias en alta definición a cor, de tamaño 70×50 cms. Organizada pola Asociación Sociocultural Lareira de soños, coa colaboración de GADIS, o patrocinio da Reserva da Biosfera Terras do Miño e o Concello de Guitiriz, sen esquecer a participación na montaxe de Copitec Dixital, terá caracter divulgativo e será itinerante, tendo xa comprometidos varios destinos posteriores. Ao remate do presente ano, será donada a unha entidade benéfica.

O autor

José Luís Teijido Comba, Luís de Fabete (1949), é un fotografo tardío, un vilarego que, como outros moitos da parroquia, desenvolveu variados oficios: barbeiro, agricultor, técnico de radio, o primeiro montador de televisións da parroquia, floricultor e incluso presidente do monte comunal dos Vilares, o que o convertiu nun dos mellores coñecedores da xeografía do lugar. Dotado dunha sensibilidade especial, Luís é un grande amante da natureza e da etnografía, descubridor tamén de pezas arqueolóxicas, como un machado prehistórico ou a mámoa das Carriceiras. Asemade é un paciente observador das criaturas do nóso hábitat, ás que “caza” en instantáneas únicas como as que se poderán visualizar nesta VilarEXPO, unha pequena mostra do que os ollos de Luís poden captar dende detrás da súa cámara. Trinta e tres imaxes impactantes, cun tamaño 70×50 cms, que non deixarán indiferente a ninguén. O retiro profesional de Luís agasallou á parroquia un artista e unha persoa comprometida co seu entorno a través da Asociación Sociocultural Lareira de soños. As súas fotografías axudannos a todos a coñecer e valorar a nosa riqueza máis próxima, a aumentar a estima do noso e a corroborar que as “herbas pequerrechiñas” das que falaba Díaz Castro, desde Os Vilares, enchen de perfume o mundo.

 

*Información facilitada por Antón Tenreiro Ferreiro, Presidente da Asociación SocioCultural Lareira de Soños.