Ferrol acolle ‘Un momento precioso’, o novo espectáculo de Elefante Elegante que reflexiona sobre a emerxencia climática

A estrea da obra terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol este venres, 12 de abril, ás 20.30 horas, coas entradas á venda a un prezo de 5 € na plataforma en liña www.ferrol.es

A través do teatro, a danza e a acrobacia, Un momento preciosoimpélenos a reaccionar: quedamos observando como se consome o planeta ou optamos por facer o preciso para alcanzarmos un futuro diferente?

Un momento precioso é unha coprodución de Elefante Elegante e o Concello de Culleredo -onde Elefante Elegante é compañía residente- e conta coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e o apoio do Concello de Ferrol

O escenario do Teatro Jofre transformarase este venres, 12 de abril, ás 20.30 horas, nunha sorte de xardín idílico para acoller Un momento precioso, a última creación da compañía de teatro físico Elefante Elegante. Desta volta, a troupe liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro vai presentar un espectáculo para público adulto que ten como fío condutor a emerxencia climática. As entradas para poder asistir ao espectáculo están á venda a un prezo de 5 € na web http://www.ferrol.es/jofre/Paginas/SelEvento.aspx.

Esta mañá, xoves 11, os medios accederon en primicia a un avance de Un momento precioso nunha presentación que contou coa presenza de Blanca G. Agulló, responsable da produción executiva do Teatro Jofre; Penélope López, concelleira de Cultura de Culleredo; Cristina Pardo, primeira tenente de alcalde e concelleira Participación Cidadá e Deportes de Culleredo; María Torres, Gonçalo Guerreiro e boa parte do equipo artístico do espectáculo.

Segundo María Torres, a través desta obra “o público vai ter a oportunidade de reflexionar sobre a relación do ser humano co planeta” pero sen renunciar “á ironía, o humor e a poesía e sempre co propósito de emocionar, concienciar e facer rir”. Pola súa banda, Gonçalo Guerreiro salienta que alén da reflexión que desexa provocar no espectador, o seu labor persigue crear no escenario “un momento de gozo e puro pracer”. Para conseguilo conta cun equipo dunha ducia de persoas que levan traballando arreo para facer realidade o proxecto.

Así, Guerreiro e Torres asinan ambos os dous a creación de Un momento precioso. Gonçalo Guerreiro é, tamén, o responsable da dirección e a escenografía da peza, mentres que o elenco está integrado por Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Rodríguez, Sofía Espiñeira, Eloi García e a mesma María Torres. Pola súa banda, a musica está composta por Manuel Fonte, a iluminación é de Nacho Martín e Carolina Díguele é a artífice do vestiario.

Un momento precioso é un espectáculo de teatro de movemento que transita entre o teatro, a danza e a acrobacia. A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revélanse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral.

UNHA DECISIÓN URXENTE

Un momento precioso evoca o imaxinario simbólico do xardín asociado ao ideal da Terra como unha sorte de Arcadia feliz. O xardín simboliza a prosperidade, a paz e a liberdade, pero “un momento precioso” transita entre o soño e o pesadelo, entre o paraíso e o inferno, entre a luz e a sombra, entre a construción arquitectónica intelixente e a catástrofe. O mundo está a arder, da Amazonia a California, de Australia ao Ártico Siberiano. Cómpre escoller: quedamos observando como se consome no lume ou optamos por facer o preciso para alcanzarmos un futuro diferente?

A decisión é, asemade, simple e complexa, pero é, sobre todo, urxente. Esta pode ser a hora final da nosa civilización, pero o noso momento é tamén precioso. É posible resolver a emerxencia climática, mais cómpre actuar axiña. Un momento precioso rescata a idea de xardín como lugar natural estratéxico no deseño das cidades sostibles e, tamén, como un espazo social ideal onde coexisten seres humanos de diferentes idades, xéneros e clases sociais. Pero, como, cando e onde nos sentiremos verdadeiramente libres, en seguridade e en igualdade de dereitos?

Un momento precioso é unha coprodución de Elefante Elegante e o Concello de Culleredo -onde Elefante Elegante é compañía residente- e conta coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e o apoio do Concello de Ferrol. 

SOBRE A COMPAÑÍA

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar en temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, coa música e coas artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.

O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén de seu todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.

A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no ano 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica en torno ao xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares.

Este ano son candidatos aos Premios Max á mellor dirección de escena e foron gañadores dos Premios María Casares 2024 á mellor dirección de movemento pola obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.

20240411-NP-Presentacion-Un-momento-precioso-Elefante-Elegante