A Asociación Cultural de Pino organiza o I MAGOSTO CAL DA LOBA

Despois dun parón forzoso por motivo do Covid-19; a A.R.C. San Martiño de Pino, inicia as súas actividades coa realización do I MAGOSTO CAL DA LOBA, o cal se tivo que pospoñer o pasado ano. Tendo en conta as medidas sanitarias vixentes e co rexistro dos asistentes, terá lugar o próximo 23 de outubro de 2021.

Nesta data tamén se dará a coñecer o fallo do I Certame de Debuxo Infantil “A túa Caldaloba” e o I Certame de Caligramas “Constanza de Castro”, ambos certamen son convocados en colaboración con Culturalia GZ e Caldaloba co fin de reivindicar a relevancia histórica e cultural da Torre de Caldaloba.
Toda a información se pode atopar nas distintas webs e redes sociais dos convocantes.

Descargar cartel informativo da actividade.

Convocatoria do IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

IV CERTAME DE POESÍA TORRE DE CALDALOBA (CONCELLO DE COSPEITO)

O Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, convocan, en colaboración coa Xunta de Galicia e Culturalia GZ o IV CERTAME DE POESÍA TORRE DE CALDALOBA, co fin de poñer en valor este monumento histórico, promover a súa conservación e, asemade, fomentar a creatividade e estimular a creación poética.

BASES

PRIMEIRA

Poderán concorrer ao certame todos os autores e autoras que o desexen, calquera que sexa a súa finalidade, sempre que presenten as súas obras en lingua galega.

SEGUNDA

Establécense as seguintes categorías:

1. Menores de 18 anos.

2. De 18 anos en adiante

TERCEIRA

Establécense catro premios en función das categorías:

– Para a categoría 1:

– 1.º premio- Un lote de libros e unha tablet

– 2.º premio- Un lote de libros e un libro electrónico

 – Para a categoría 2:

– 1.º premio – 1.500 € máis a publicación da obra no prazo de un ano, contado a partir do fallo do xurado para poemarios que teñan unha extensión mínimo de 300 e máximo de 600 versos .

– 2.º premio – accésit a publicación da obra no prazo dun ano, contado a partir do fallo do xurado para poemarios que teñan unha extensión mínima de 300 e máximo de 600 versos.

 Así mesmo, os gañadores recibirán unha figura conmemorativa e un diploma.

Para o caso dos nenos e nenas menores de idade, para recibir o premio, o gañador/a estará acompañado polo seu pai, nai ou titor.

CUARTA

1. Os poemas presentaranse escritos en lingua galega.

2. Terán unha extensión máxima de sesenta versos para menores de 18 anos.

3. Terán unha extensión mínima de trescentos versos e máxima de seiscentos versos para os de 18 anos en diante. Presentaranse escritos a ordenador, a dobre espazo, por unha soa cara, con tamaño de letra 12, tipo “Arial”.

4. Deberán ser orixinais, inéditos e non premiados en ningún outro concurso ou certame literario. A súa temática, métrica e rima será libre.

5. Non poderán participar os gañadores das dúas últimas edicións do Certame de Poesía Torre de Caldaloba.

6. O incumprimento dalgunha destas condicións na obra premiada significaría a anulación da adxudicación, procedendo o xurado a formular de novo a proposta de adxudicación ou declarando deserto o premio.

QUINTA

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia xeral, dispoñible na sede electrónica do Concello de Cospeito

https://concellodecospeito.sedelectronica.es

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente no concello de Cospeito ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica do Concello de Cospeito.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

As persoas interesadas que opten pola presentación electrónica deberán formular a súa solicitude, mediante a presentación da instancia xeral, e presentarán a seguinte documentación en arquivos independentes:

O traballo. Este arquivo nomearase co lema da obra e o pseudónimo da persoa autora.

Unha copia do libro de familia onde consten os datos de nome, apelidos e idade do/a menor que se presenta ao concurso.( Cando se presenten Categoría 1, menores de 18 anos)

No caso de que se opte pola presentación presencial, á solicitude deberá acompañarse da seguinte documentación:

Un sobre tamaño folio, pechado, coa seguinte inscrición: IV Certame de Poesía Torre de Caldaloba, acompañado do pseudónimo e o lema da obra. Este sobre incluirá o texto da obra en folio formato A4. Un sobre pechado no que figurará o lema que distinga traballo, e no que no seu interior irá o nome e apelidos do autor/a, DNI, enderezo, teléfono, poboación de residencia. Unha copia do libro de familia onde consten os datos de nome, apelidos e idade do/a menor que se presenta ao concurso. (Cando se presenten Categoría 1, menores de 18 anos)

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución-

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Co obxecto de garantir o anonimato das persoas que redacten as obras, tanto na presentación presencial como na electrónica cumpriranse as seguintes exixencias:

– Na cabeceira da obra indicarase exclusivamente o lema da obra presentada e o pseudónimo.

– Neste texto non poderá figurar ningún dato que permita identificar a persoa participante e romper o anonimato. O xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ao disposto nesta base, unha vez requirida a documentación que falte e dado o preceptivo prazo de dez días para a corrección de erros (art. 68 da Lei 39/2015 de 1 de outubro). Non deben por os datos do remitente no pdf da obra a presentar, senón os traballos serán nulos.

O prazo de entrega das obras remata o 24 de setembro de 2021 as 23:59 horas.

SEXTA

De acordo coa Lei 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos dos participantes serán tratados de forma confidencial co fin de garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, a súa honra e intimidade persoal e familiar.

SÉPTIMA

Os/as autores/as premiados/as convocaranse ao acto de entrega dos premios o 6 de novembro de 2021.

OITAVA

Formaran parte do tribunal con voz pero sen voto os seguintes, o Presidente do tribunal: Alcalde-Presidente do Concello de Cospeito, o Secretario do tribunal: o administrador de Culturalia GZ, os vogais do tribunal, a Concelleira de educación e cultura do Concello de Cospeito , a Presidenta da Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, a Secretaria da Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino ou persoas en quen deleguen.

O fallo será dado a coñecer con data 29 de outubro de 2021 a través dos medios de difusión e comunicado ás persoas gañadoras, entregando os premios nun acto convocado a tal fin con data 6 de novembro de 2021.

O xurado con voto encargado de evaluar os traballos presentados estará composto por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, a súa composición será dada a coñecer xunto ca emisión do resultado. O xurado poderá declarar desertos algún ou todos os premios motivando para elo a súa resolución (art. 35 da Lei 39/2015 de 1 de outubro).

NOVENA

As obras orixinais quedarán en poder do Concello de Cospeito que se reserva os dereitos de explotación do traballo, produción, distribución, exposición, transformación, tradución ou calquer outro tratamento posterior, sempre sen ánimo de lucro. As obras non premiadas poderán ser devoltas no prazo dun mes despois da proclamación das persoas premiadas. De non ser así, serán destruidas.

DÉCIMA

Os concursantes, polo feito da súa participación, aceptan en todos os seus termos as presentes bases. Calquera outra circunstancia non prevista nas mesmas, será resolta polo tribunal.

Descargar BASES

*Imaxes realizadas por Cristina Pérez, de El Progreso A Chaira

Obras gañadoras do III Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

Imaxe do xurado do Certame de Poesía Torre de Caldaloba

No serán do 12 de decembro de 2020, no salón de plenos do Concello de Cospeito, celebrouse a reunión do xurado deliberador do III Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, integrado por Armando Requeixo, Ana Mar Fraga Rábade, Adolfina Mesa, Montse González Álvarez e Xosé Otero Canto, actuando de secretario do tribunal Martiño Maseda, con voz pero sen voto.

Despois da súa deliberación decidiron conceder os seguintes premios:

Categoría 1ª (menores de 18 anos)

Primeiro Premio: OUTUBRO EN DOUS ACTOS, de Paula Domínguez Barreiro, polo excelente traballo cunha riqueza lingüÍstica e acertado uso de recursos estilísticos. A calidade reflíctese nese coidado trato dos fonemas para ir ganduxando versos dun intimismo e unha sensibilidade extrema.

Segundo Premio; DERRADEIRO ADEUS, de Marina Montenegro Jamardo, un poemario con versos sinxelos, tratándose dunha poesía realista, mais cunha carga emocional que esperta as emocións e a empatía cara á persoa autora. Hai tema presente en todos os versos que son a dor e a tristura que provoca un adeus. Cando amamos de verdade, ninguén está vacinado nin hai a apócema para unha despedida.

Categoría 2ª (de 18 anos en diante)

Primeiro Premio: HERDAR A FALA, de Patricia Torrado Queiruga, un poemario de matiz intimista, que reflicte a dor e identifica un herdo culturalmente definido. Ao tempo que amosa de xeito ambigüo unha ferinte ausencia do fillo. Coa composición de estrofas brutais ante unha realidade desacougante.

Segundo Premio: UNHA TEORÍA PARA OS ESPECTROS, de Abraham Pérez, porque expresa un posthumanismo, nun xogo de figuras humanas que designan correntes de pensamento. Xuízo á nosa cultura, onde convida a non xustificar os mortos da historia nunha revolución social e política, transformación da pobreza agochada e de identidade humana.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado 19 de decembro, a partir das 18h, no local social de Pino (Cospeito).

Acto de presentación das obras HORA DE PENUMBRA, de Xurxo Alonso, e DE CASA QUEIMADA, de Iria Collazo López, no Museo das Aves de Cospeito

Onte pola tarde no Museo das Aves Cospeito, nun ambiente agradable, que cumpría as medidas sanitarias determinadas por causa da pandemia que estamos a padecer, celebrouse o acto de presentación das obras gañadoras do II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA: “Hora de penumbra“, de Xurxo Alonso, e “De casa queimada“, de Iria Collazo López.
Con representación do Concello de Cospeito, na persoa do seu alcalde, Armando Castosa, da Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, a través da súa presidenta Ines Lozano Carral, de Alvarellos Editora, o seu director Henrique Alvarellos, de Culturalia GZ, o seu administrador Martiño Maseda, chegou o momento de desfrutar en formato papel e escoitar en voz recitadora o froito poético que o xurado considerou merecedor de galardón na segunda edición deste certame poético que se vai consolidando máis aló dos lindes da Chaira.
Debido á ausencia por problemas de saúde de Iria Collazo López, enviou un texto que leu Martiño Maseda, ademais de recitar un par de poemas do seu libro “De casa queimada”.

Velaquí unha galería videográfica, facilitada por Quique Alvarellos, Ana Mar Fraga Rabade e Armando Requeixo, xurados nalgunha edición do certame e presentes no acto, no que tamén estiveron máis integrantes deliberadores/-as do citado xurado como Xosé Otero Canto e Adolfina Mesa.
Un acto ameno no que, a pesar dos tempos pandémicos, se festexou a palabra poética que fai medrar a árbore literaria de Caldaloba.



#MedreaPoesía!
#MedreCaldaloba!