Presentación este sábado do libro CONTÁRMONOS, do colectivo literario Comadres das Letras, na Casa-Museo Manuel María
Este sábado, ás 20 h, a Casa-Museo Manuel María acolle a presentación do libro Contármonos, por parte do colectivo literario Comadres das Letras.
Contármonos é un libro editado en 2023 e composto por catorce voces, que tivo a súa orixe nun obradoiro da escrita levado a cabo en Compostela en 2021 e 2022 e que dinamizou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) a través da poeta e narradora Eli Ríos. Daquel obradoiro tamén naceu o colectivo literario Comadres das Letras que serán as encarregadas, este sábado, de presentar este volume con máis de corenta textos creados ao redor da memoria histórica das mulleres e que sitúan a estas no centro. A actividade é aberta ao público xeral.
Previamente, ás 18.30 h, e na biblioteca da casa-museo, as Comadres das Letras manterán unha conversa con aquelas lectoras e lectores que xa teñan lido o libro e que se queiran achegar a Outeiro de Rei para dialogar con parte das súas autoras. Entre estas lectoras estarán presentes as participantes no clube de lectura Saleta, da propia casa-museo, que estiveron nestas últimas semanas lendo o libro.