O Noia Harp Fest presenta a programación ao completo da súa 10ª edición, que terá lugar do 3 ao 6 de agosto
Unha xornada de encontro entre o alumnado das escolas de arpa de Galicia, que inclúe unha actuación conxunta na que interpretarán ‘O vals do Mencer’, do pioneiro Emilio Cao, abrirá a décima edición do festival
As arpistas Elisabeth Cerra e Claudia Besné únense ao cartel deste ano, que conta con Laoise Kelly, The Pozzies, Müsgo, SondeSeu, Dilles Chabenat, Daniela Heiderich, Beatriz Cortesão e a Real Filharmonía de Galicia
A arpa volverá ser protagonista dos seráns de Noia. O vindeiro mes de agosto celebrarase a décima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o Noia Harp Fest. O seu director, Rodrigo Romaní, e o concelleiro de Cultura e Turismo da localidade, José Pérez, presentaron esta mañá o programa completo da iniciativa, que suma dúas novas arpistas ao seu cartel, Elisabeth Cerra e Claudia Besné, e afianza o seu compromiso coa proxección e divulgación do instrumento a través dunha xornada de encontro entre o alumnado das escolas de arpa de Galicia na que se recoñecerá ao pioneiro en introducir o instrumento na música do país: Emilio Cao.
O Noia Harp Fest é o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que pon o foco na arpa, situándoa como única protagonista. No seu cartel, dunha notable calidade artística, conflúen desde hai unha década agrupacións e solistas de estilos moi diversos, procedentes tanto do ámbito galego ou estatal coma do internacional, mais todas elas unidas por un fío común: a interpretación musical a través da arpa. Esta diversidade explicítase tamén na vertente cultural, social e divulgativa do evento, pois no festival -alén do acceso gratuíto para o público- teñen cabida tanto as persoas amadoras ou que se están a iniciar na práctica do instrumento, como é o caso do alumnado de arpa das escolas de Galicia, como aquelas cunha ampla ou recoñecida traxectoria. É o caso da irlandesa Laoise Kelly, ou mesmo doutras voces que experimentan co instrumento desde unha vertente máis experimental, como a catalá Müsgo.
“A riqueza do Noia Harp Fest reside precisamente na pluralidade da práctica artística, que permite que todo o mundo poida gozar da interpretación dun instrumento que ofrece múltiples posibilidades e que é menos habitual sobre os escenarios dun evento estival”, apuntou Romaní, quen destacou que nesta edición do festival, renderase precisamente homenaxe, na xornada inaugural, ao pioneiro que introduciu por vez primeira a arpa na música feita en Galicia: Emilio Cao. “Farémolo dun xeito especialmente emotivo, como é a interpretación d’O vals do mencer, arranxado especificamente para a ocasión e que sairá das cordas das e dos estudantes de arpa no país, que abrirán o festival o xoves 3 de agosto”, aseverou o director. Precisamete o alumnado gozará durante ese día dunha xornada de encontro e convivencia, “a fin de estreitar vínculos arredor do instrumento”, e nas que participarán en actividades vinculadas ao mar.
Outra das novidades presentadas esta mañá é a incorporación ao cartel do Noia Harp Fest de dúas arpistas integrantes da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE): Elisabeht Cerra e a vasca Claudia Besné, membro tamén da Neue Philharmonie Munchen. Ambas participarán no concerto-homenaxe a Nicanor Zabaleta (sábado 5 de agosto) organizado coa colaboración da Asociación Española de Arpistas (AEDA). A cita, que terá lugar a partir das 19.00 horas no Teatro Coliseo Noela, estará guiada pola arpista galega Alba Barreiro, que guiará ao público pola vida e obra de Zabaleta.
Ao fío desta incorporación, Romaní salientou a calidade e técnica das e dos participantes deste edición: “A programación deste Noia Harp Fest suma a excelencia tanto de intérpretes de recoñecida traxectoria musical, como poden ser Laoise Kelly ou Gilles Chabenat, como das novas músicas que están a destacar nas mellores orquestras europeas, como Claudia Besné ou Beatriz Cortesão”, apuntou o director. Precisamente esta última será a solista da estrea mundial de Hibrys, a gañadora da primeira convocatoria do Premio Portus Apostoli e que interpretará a Real Filharmonía de Galicia o sábado 5, ás 21:30 horas, na Praza do Tapal.
Ademais desta estrea, o Noia Harp Fest tamén acollerá a presentación pública das suites Micelio, de Anxo Pintos, e que contará coa violinista Begoña Riobó, e Escumas Atlánticas, de Rodrigo Romaní, na que participarán Laoise Kelly, Mary Macmaster e Beatriz Martínez. Ambas pezas, interpretadas por SonDeSeu, poderanse escoitar o domingo 6 de agosto, a partir das 21:30 horas, na Praza do Tapal.
PROGRAMACIÓN 10º NOIA HARP FEST
O 10º Noia Harp Fest dará comezo o xoves 3 de agosto cunha sesión festiva e que porá en valor o talento local e de proximidade. O alumnado das escolas de arpa de Galicia participará, por segundo ano consecutivo, nun encontro aberto ao público. Trátase dunha proposta moi singular ao por en relación a todas e todos os estudantes do instrumento no país.
O venres 4 estará fiado polo virtuosismo de mulleres arpistas do ámbito do folk. A irlandesa Laoise Kelly, considerada a máis relevante da súa xeración, abrirá a xornada da igrexa de Santa María a Nova. Pioneira nun novo estilo de conducción da arpa instrumental e recoñecida pola crítica polos seus traballos en solitario, participou na gravación de máis de 70 álbums con artistas como Seamus Heaney, The Chieftains ou Sharon Shannon. Ás 21.00 horas, na praza do Tapal, será a quenda do dúo franco-alemán conformado por Gilles Chabenat e Daniela Heiderich. Evocarán melodías de baile conmovedoras e cancións emotivas cun repertorio que incluirá tanto composicións propias modernas como músicas tradicionais francesas e alemás. A noite pecharase cunha das bandas que irromperon na escena folk nos 90, The Poozies, e que será unha das grandes sensacións do festival pola súa gran colección de temas e melodías groovy.
O sábado 5, o Noia Harp Fest e a AEDA renderán no Coliseo Noela unha homenaxe especial a Nicanor Zabaleta –considerado o mellor intérprete do instrumento -no trixésimo aniversario da súa morte. Na cita participarán as arpistas Elisabeht Cerra e Claudia Besné. De seguido, contra ás 21.30 horas, será a estrea mundial de Hibrys, coa Real Filharmonía de Galicia -dirixida polo galego Maximino Zumalave e coa portuguesa Beatriz Cortesão como solista-. O repertorio da cita tamén contará con obras de Johann Sebastian Bach e Ludwig van Beethoven.
A última xornada da décima edición do Noia Harp Fest comezará ás 19.00 horas do domingo 6 de agosto cun concerto da arpista, cantante e artista multidisciplinar Musgö, especialista en looping ao vivo e arpa eléctrica. O seu traballo é unha mestura de contemporáneo e vintage, cunha posta en escena atrevida e elegante que se poderá ver no Teatro Coliseo Noela. Finalmente, o broche dourado do evento chegará da man da orquestra de folk de Galicia. SonDeSeu estreará na praza do Tapal dúas novas composicións creadas especificamente para este concerto: serán as suites Micelio, de Anxo Pintos, e Escumas Atlánticas, de Rodrigo Romaní.
Todos os concertos do 10ª Festival Internacional de Arpa Vila de Noia serán de entrada libre e celebraranse en horario de tarde en espazos emblemáticos da localidade. É o caso da Praza do Tapal, da igrexa Santa María A Nova ou do Teatro Coliseo Noela. Para máis información sobre as sedes e programación, pódese visitar o espazo web www.noiaharpfest.gal. O Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima, conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Noia e da distribuidora musical Altafonte. Tamén colaboran nesta edición o Liceo de Noia e a Asociación de Española de Arpistas.
Xoves 3 de agosto
Liceo de Noia, 19:00 horas no Liceo de Noia – II Encontro de Escolas de Arpa de Galicia
Liceo de Noia, 20:30 horas no Liceo de Noia – Foliada de benvida ao X Noia Harp Fest
Venres, 4 de agosto
19:00 horas na igrexa Santa María A Nova – Laoise Kelly
21:00 horas na Praza do Tapal – Gilles Chabenat & Daniela Heiderich
22:00 horas na Praza do Tapal The Pozzies
Sábado 5 de agosto
19:00 horas no Teatro Coliseo Noela – Homenaxe a Nicanor Zabaleta: Elisabeth Cerra e Clauda Besné. En colaboración coa AEDE.
21:30 horas na Praza do Tapal – Real Filharmonía de Galicia. Estrea absoluta de Hibrys, gañadora do premio Portus Apostoli
Domingo 6 de agosto
19:00 horas no Teatro Coliseo Noela – Müsgo
21:30 horas na Praza do Tapal – SonDeSeu + convidadas. Estrea absoluta das suites Micelio e Escumas Atlánticas
DOSSIER do Noia Harp Fest
Dossier-GAL-10-Noia-Harp-Fest